Con elas chegou o escándalo: As "noticias icona" que "determinaron" a campaña galega de 2009

Xuntanza do Consello da Xunta do Goberno bipartito © Xunta

As causas da perda do Goberno por parte da coalición de PSdeG e BNG foron múltiples. Algunhas foron recoñecidas polas forzas que compuñan o Exectivo, outras aínda non. Pero en algo cadraron socialistas e nacionalistas ao respecto -e, fóra dos focos públicos, tamén o PP- foi na influencia que a repetición de determinadas novas nalgúns medios de comunicación tiveron no ambiente político do país e, por extensión, no comportamento do electorado. Menos dun ano despois da primeira tese de doutoramento que analizou, na Universidade de Santiago, a compoñente mediática daquel resultado electoral, o investigador da Universidade de Vigo Javier Presas vén de culminar a segunda. Houbo certas "noticias icona" que, mantén, "determinaron" a campaña electoral galega de 2009 que rematou coa chegada de Alberto Núñez Feijóo ao poder.

Dirixido pola profesora Mercedes Román, da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación de Pontevedra, Presas estuda o papel que os xornais que na altura se editaban en Galicia xogaron para "configurar imaxes de grande contido simbólico" ligadas aos "escándalos". Baixo o título Corrupción y escándalo político en las campañas electorales. La noticia icono en las elecciones gallegas de 2009 y 2012 o investigador debulla algunhas desas imaxes que, case unha década despois, aínda pairan sobre a esquerda en Galicia: "as novas relativas ao Audi A8 do presidente Emilio Pérez Touriño, os gastos na sede administrativa de San Caetano ou a fotografía do vicepresidente, Anxo Quintana, no barco do empresario Jacinto Rey".

"Todos os días" da campaña houbo referencias a cinco grandes acusacións contra PSdeG e BNG, "con picos que roldan o medio cento de mencións", destaca o investigador

Aquelas imaxes, mantén tras analizar as novas publicadas en campaña "polas principais cabeceiras autonómicas e polos dous xornais estatais que contaban daquela con edición galega, El País e ABC", lograron "ter a influencia suficiente como para fixar parte da axenda da campaña" e "perduraron" ata tornar en "temas recorrentes na narración política galega". A relevancia destas "novas icona", entre as que conta tamén "o desprazamento dun grupo de maiores a un mitin de Quintana en Oia" e as acusacións do PP sobre os gastos da Xunta na Feira do Libro de La Habana, "pódese medir de maneira rigorosa en termos da súa frecuencia de aparición". "Todos os días" da campaña houbo referencias a estes temas, "con picos que roldan o medio cento de mencións".

Xornais galegos, El País e ABC

O estudo de Javier Presas detense no "modelo narrativo" empregado por todos estes medios para debuxar "o escándalo político", por unha banda, e nunha "análise cuantitativa e cualitativa sobre a presenza destas noticias icona". O "eixo central" da análise é neste caso o xornal ABC, "principal catalizador das novas icona" naquela campaña malia ter unha difusión reducida no país. Este diario, subliña, "levou á súa portada a foto de Quintana e Rey", tomada anos antes, e en 13 dos 15 días da campaña, en seis ocasións en portada, este xornal inclúe algún tipo de representación simbólica vinculada á idea de malgasto do Goberno galego".

As "novas icona", segundo o autor, "tiveron a capacidade de determinar a axenda" e mesmo de "sobrevivir" ata as eleccións de 2012

"Alén da súa presenza nesta cabeceira", abonda, estas noticias "tiveron a capacidade de determinar a axenda" da propia carreira electoral e dos anos seguintes. Así, explica, estas cinco cuestións -o vehículo oficial, gastos en San Caetano, a fotografía de Quintana, o mitin de Oia e a feira do libro- "tiveron a capacidade de seguir vivas na seguinte campaña", con ata "55 noticias vinculadas a esas cinco imaxes simbólicas" nas dúas semanas previas ás eleccións de 2012.

"O estudo -conclúe o autor- buscaba demostrar as posibilidades dos medios de comunicación de crear imaxes cargadas de gran contido simbólico, capaces de perdurar no tempo". "A través dos medios, o escándalo político e a súa representación simbólica son moito máis visibles" e xeran "repercursións para os implicados". Neste caso concreto, di, o "poder" das "novas icona" estivo condicionado, en boa medida, "non tanto polas fotografías e informacións" en si senón "polo marco de crise económica no que se deron" e a súa vinculación "con conceptos máis amplos, como austeridade, luxo ou malgasto". O que resulta "dificilmente cuantificable", no entanto, é "a influencia" definitiva no resultado electoral.

Javier Presas, autor do estudo © Universidade de Vigo

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.