Touriño e Quintana reencóntranse para escoitar a tese que analiza a derrota do seu goberno

Touriño e Quintana, co autor da tese CC-BY-SA Praza Pública

Unha imaxe practicamente imposible de captar, agás contadísimas excepcións, durante os anos da coalición. E, moi especialmente, na segunda metade do período do Goberno bipartito. Emilio Pérez Touriño e Anxo Quintana acudiron este venres á Facultade de Ciencias da Comunicación de Santiago. Chegaron por separado pero ao atopárense estreitaron as súas mans, conversaron relaxadamente, posaron para as cámaras e camiñaron un ao carón do outro con pausa ata chegaren á sala na que o xornalista e politólogo Paulo Carlos López lía a súa tese de doutoramento: A construción da axenda política, mediática e pública nas eleccións galegas do ano 2009. Estratexia partidaria, produción da información e cidadanía. O traballo, dirixido polo profesor Luís Álvarez Pousa, ten un aquel de autopsia, unha fasquía de disección do que puido ser e de sistematización de erros propios e acertos alleos que culminaron en dúas durísimas semanas de campaña electoral, hai agora exactamente sete anos.

Ante o tribunal académico, presidido por Fermín Bouza e que lle outorgou un sobresaínte cum laude, López debullou unha extensa análise -superior ás 700 páxinas- na que aborda a "construción dun relato" político e mediático que, di, comeza o 9 de decembro de 2008. Nesa xornada chegaba aos quioscos por primeira vez o desaparecido Xornal de Galicia e nese punto, segundo o autor, prodúcese un evidente "cambio editorial" no diario impreso máis lido do país, La Voz de Galicia, cara a unha maior belixerancia contra o Goberno, especialmente cara ao vicepresidente e as consellerías do BNG, e unha "coalición de axendas" co PP de Núñez Feijóo.

Os exlíderes de PSdeG e BNG, antes do inicio do acto CC-BY-SA Praza Pública

O que fora candidato de CxG nas eleccións europeas de 2014 parte desa data para analizar o acontecido durante unha "dura" campaña na que aplica o método "científico" ás informacións xornalísticas publicadas nos que, segundo o CIS, foron os xornais máis lidos en Galicia naquel período electoral: a propia La Voz de Galicia, Faro de Vigo e El País. Este criterio provoca que fiquen fóra da tese as informacións publicadas polo diario ABC que, tal e como lembrou unha das integrantes do tribunal, Nieves Lagares, tivo un notable peso na construción da axenda informativa da campaña malia ter unha difusión moito menor en territorio galego.

A "competición interna"

Partindo desta base o novo doutor debulla un panorama no que, explica, os medios de comunicación exerceron de "actores políticos" moi por riba do ordinario mentres, no seo do Goberno, a decisión do presidente de non adiantar os comicios malia estar a piques de facelo no verán de 2008 "promoveu" un ambiente de "competición interna" entre PSdeG e BNG que chegou a ser "irrespirable". O tirapuxa entre os socios, detallou mentres Touriño e Quintana seguían o acto dende a primeira ringleira de asentos, acadou o seu punto "álxido" co concurso eólico.

Mentres isto sucedía, di, "o PP impón a súa axenda, o encadre" do relato da campaña e do propio Goberno. Así, a través da análise sistematizada de 2.182 novas e máis de 80.000 microdatos López conclúe que os conservadores lograron asentar e amplificar tres grandes temas como eixos da campaña: o suposto "despilfarro" de cartos públicos na Xunta, a presunta "imposición" do galego e a "división" do Executivo entre socialistas e nacionalistas. Fronte a isto, Alberto Núñez Feijóo presentábase como garantía de "austeridade", "liberdade" e "unidade". Esa, e ningunha outra, foi a estratexia popular durante toda a carreira cara ás urnas.

O triunfo da estratexia do PP

Os medios reproduciron a paisaxe debuxada polo PP mentres PSdeG e BNG carecían de "estratexia para contestar" e así chegaron ao que a tese considera período "crítico" daquela campaña, entre o 23 e o 28 de febreiro de 2009. Mensaxes como o "secuestro de maiores" para acudir a un mitin, un coche de custo superior "ao de Obama" ou insinuacións máis ou menos burdas sobre a vida privada do vicepresidente inzaron as novas e os ruxerruxes e, segundo as conclusións deste traballo, revelaron como "exitoso" o plan do PP: "desmobilizar" a base e electoral das forzas que sustentaban o Goberno. "Non se trataba tanto de dicir o bo que era o PP, senón o malos que eran os outros", resume López.

Entre unha axenda eficaz e "sobredimensionada", a do PP, e a "incapacidade" para contrarrestala por parte dos partidos que gobernaban, chegou a cita coas urnas do 1 de marzo, nas que os populares de Feijóo lograron recuperar a maioría absoluta que perdera Fraga. Segundo o CIS, recolle o estudo, os "temas máis debatidos" durante aquela campaña, os principais asuntos da axenda, foron "os problemas económicos", "o paro" e, en terceiro lugar, "o Audi de Touriño", por riba, por exemplo, da corrupción ou a política lingüística.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.