Quintana: "Quixemos cambiar a historia do país e tiñan que quitarnos do medio canto antes"

Anxo Quintana, nun acto de Somos Nós © Somos Nós

O ex vicepresidente da Xunta fai un repaso da súa etapa no goberno bipartito, pero mira tamén para o futuro con ilusión, convencido de que "a alternativa ao PP en Galicia xa non é o PSOE", senón "varios actores" aos que insta a poñerse de acordo. Anxo Quintana bota a vista atrás sen rancor, pero consciente de que aquel executivo -pero sobre todo o BNG e a súa propia figura- foron obxectivo claro non só da oposición política, senón de "axentes da vida económica e mediática que vían perigar a súa situación de protagonismo". Nin tan sequera el, di, esperaba "tanta virulencia". Este venres hai dez anos das eleccións que botaron do poder a Fraga e que facilitaban a conformación dun goberno de coalición logo de catro maiorías absolutas do Partido Popular. 

Como lembra aquel día?

Recórdoo como un día cargado de ilusión porque remataba unha época e porque o nacionalismo, por primeira vez na súa historia, ía ter a oportunidade de exercer o goberno e, polo tanto, de mostrar que o seu proxecto era na práctica para xerar benestar nos cidadáns.

"Sabía que remover o statu quo do país ía ser respostado con contundencia, pero non esperaba tanta virulencia"

Pasado o tempo, esperaba que a experiencia no goberno ía ser como foi?

Cheguei alí xa con certa experiencia política e o que podería pasar tíñao na cabeza, aínda que despois as cousas non acontecen exactamente como un pensa. Sabía que se nós executabamos o noso programa íamos remover o statu quo do país, de moita xente e o de Galiza no Estado, e que iso ía ser respostado con contundencia. Nunca pensei que fose para tanto nin que a contestación sería tan virulenta.

Pero esa contestación foi por remover o statu quo, como di, ou cre que xa estaba preparada?

A resposta foi así de contundente e malévola porque nós demostramos que tiñamos un proxecto non só para defender a identidade do país, senón sobre todo para xerar benestar na xente a base de aproveitar os recursos de Galiza. O que queríamos é que Galiza fose para os galegos e iso significaba cambiar a historia. Houbo quen o entendeu así e se esmerou para intentar quitarnos do medio canto antes.

"Queríamos que Galiza fose para os galegos, cambiar a historia e por iso se esmeraron en quitarnos do medio canto antes"

Cre que nesa resposta malévola houbo colaboradores dentro do propio goberno?

Non, eu non o diría así. O interese por destruír aquel goberno estaba fóra do goberno e estaba nun interese lexítimo por parte do PP, pero tamén acompañado por intereses doutros axentes da vida económica e mediática que vían perigar a súa situación dentro do país e que non se sentían protagonistas como foran sempre. O que pasou co PsdeG foi que non foi quen de facer unha lectura axeitada de todo isto e pensou que aquilo só ía contra o BNG, cando en realidade ía contra o Bloque pero tamén contra todo o goberno.

"O interese por destruír aquel goberno era do PP, pero tamén de intereses económicos e mediáticos que vían perigar o seu protagonismo"

De entre as reaccións políticas, económicas e mediáticas, cal delas lle sorprendeu máis?

O que máis me sorprendeu foi que en Galicia, no ano 2009, se puxese en marcha por primeira vez unha campaña electoral baseada no intento de destrución persoal do adversario. Era a primeira vez que se facía no Estado español e ao PP saíulle ben porque ninguén llo botou en cara. Daqueles ventos recóllense agora algunhas tempestades. Algo que no ano 2009 era novidoso e sorprendente agora converteuse en moeda corrente de todas as campañas.

"Foi a primeira campaña de destrución persoal do adversario; e saíulle ben ao PP porque ninguén llo botou en cara"

Cre que unha campaña tan dura como aquela de 2009 sería máis respostada pola sociedade nestes tempos?

Non o sei. O certo é que, daquela, non fomos capaces nin de respostar nós. Era unha campaña dirixida a desmoralizar a xente do BNG e conseguírono, o cal tamén demostra unha enorme debilidade pola nosa parte.

O BNG pasou de case o 20% dos votos de hai dez anos a pouco máis do 10% de 2012. É debido a esa debilidade? Como se corrixe?

Iso só se corrixe con convicción nas ideas e con fortaleza política e experiencia. Non hai unha solución máxica. Todo proxecto político ten que facer un esforzo continuo por manter as súas ideas, valores e principios e outro igual por colocarse todos os días na cabeza da xente, ou polo menos da xente que te vota. Iso, normalmente, as forzas políticas non o fan ou lles custa moito facelo.

"Non só ao BNG, senón a todas as forzas políticas, fáltalles colocarse na cabeza da xente, ou polo menos na da que lles vota"

Fáltalle ao BNG colocarse na cabeza da xente?

Non só ao BNG, creo que é un mal xeral das forzas políticas, mesmo dos proxectos que agora se presentan como novidosos. A min dáme a impresión que despois do éxito das mareas, algunha xente das mareas pensa que Galiza está chea de antisistemas e esquerdistas e deberían facer un esforzo por mirar á cara da xente que lles votou, que deposita neles moita ilusión, pero que en ningún caso esperan ningunha acción política extravagante.

Cre que a acción política das mareas será extravagante?

Non, estou seguro de que non. Hai xente moi competente e moi seria arredor deses movementos e saberán conducir as cousas acaidamente. Pero si que pode haber esa tentación e ogallá que non caian nese erro.

"O máis importante do 24M non foi o resultado das mareas ou do BNG, senón que o PP está danado e a alternativa xa non é o PSdeG"

É certo que nas últimas municipais o BNG perdeu forza, pero mantén vilas importantes, gaña outras e hai dúas cidades como Compostela e A Coruña que teñen alcaldes nacionalistas. Foron bos resultados para o nacionalismo?

Non hai que mirar se os resultados son bos ou malos para o BNG ou para aqueloutro. Hai que miralos valorando se son bos ou malos para Galiza e, en xeral, estes resultados son moi bos para os que cremos que o país ten que ter unha transformación no futuro inmediato. Aos feitos puntuais e simbólicos da Coruña ou de Compostela únense os resultados do Bloque, que coloca alcaldes en vilas moi importantes, que ten a alcaldía de Pontevedra e que ten todo un exército militante espallado polo país que dá cohesión territorial e programática a unha alternativa posible. O máis importante do resultado electoral non é o do BNG nin o das mareas, senón que por primeira vez a base electoral do PP está seriamente danada e a alternativa non é o PSdeG, senón varios actores pero que todos xogan nunha mesma dirección. Agora hai que saber aproveitar esta oportunidade entre todos.

Cre que para "aproveitar a oportunidade entre todos", como di, se debería comezar por unha candidatura galega unida para as xerais?

Creo que sería moi positivo e que debe primar o sentido de país. Ábrese unha lexislatura no Estado chea de oportunidades e Galiza non pode aspirar unicamente a ser un espectador. Ten que aspirar a ser un protagonista e o xeito de contribuír ao cambio no Estado é que Galiza teña voz propia nas Cortes. Iso non implica que a voz propia sexa unha representación illada e allea ao que sucede no Estado. Ao contrario, ten que ter vontade de chegar a acordo con outros grupos e así determinar a vontade colectiva do Estado para que esta teña en conta a Galiza e se faga de acordo cos intereses da maioría social. Estes obxectivos deberían ser suficientes para chegar a algún tipo de acordo.

"Por suposto que forzas de ámbito estatal poden incluírse nesa candidatura galega, pero a base fundamental debe ser a cidadanía"

Deberían incluírse nese acordo forzas estatais que poñan Galicia por diante?

Por suposto que si, pero eu diría máis: non é só que se poidan sumar forzas de ámbito estatal, senón que a base fundamental dun proceso así non deben ser as forzas políticas, senón que se debe construír un movemento de base cidadá onde as persoas conten individualmente e onde se poidan sumar todas aquelas que teñan unha sentimento de pertenza a este país, que queiran que Galiza exista, que queiran rexeneración democrática, que a economía se faga pensando na xente e non nos mercados... Toda esa xente a título individual debe de ser a base fundamental deste movemento galego que permita que Galiza conte no proceso que se vai abrir na próxima lexislatura.

"Eu non vou xogar ningún papel nesa futura candidatura unitaria; non teño ningunha pretensión de figurar en nada"

Que papel vai xogar aí Somos Nós?

Ningún e todo o que se queira utilizar. Somos Nós non é un partido político e non vai participar en ningún proceso de elaboración de candidaturas nin de conformación de proxectos. O labor será intentar ser, humildemente, un punto de encontro, un instrumento que se pode utilizar se así se considera. Nin o último nin o máis importante.

E que papel vai xogar Anxo Quintana?

Eu, ningún. Eu colaboro en Somos Nós pero non teño absolutamente ningunha pretensión persoal de figurar en absolutamente nada.

Anxo Quintana, nun acto de Somos Nós CC-BY-SA Somos Nós

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.