Sanidade liga o 10% do complemento de produtividade de persoal médico de familia a que as incapacidades temporais da poboación que atenden non se "desvíen" do "estándar" ou a que respondan un mínimo do 80% das altas propostas pola inspección
O persoal de baixa laboral e, por extensión, o persoal médico de familia que o atende está no albo político da Xunta. Así o evidenciou o presidente, Alfonso Rueda, no último debate de política xeral ao anunciar a súa intención de intensificar o control das incapacidades temporais da poboación traballadora no marco da loita contra o que a patronal galega inclúe no saco xeral do "absentismo". Ese seguimento atinxe xa tamén aos salarios dos médicos, cun recorte para profesionais cuxos pacientes teñan as baixas máis longas.
Neste 2026, os Acordos de Xestión (AdX) -fórmula que o Servizo Galego de Saúde emprega dende hai media década para formular obxectivos anuais de organización e atención- volveron incluír, xunto a obxectivos en materias como listas de espera ou derivacións á sanidade privada, referencia á "xestión das incapacidades temporais". Dentro dos obxectivos de recursos humanos, indica "cumprir os tempos estándar para os procesos que cursen alta".
Como adiantou La Voz de Galicia e puido comprobar Praza.gal, Sanidade concretou eses AdX nas instrucións específicas para o persoal médico de familia coa devandita penalización salarial. Da duración das baixas dos pacientes dependerá ata un 10% do complemento de produtividade variable (CPV), un plus salarial de algo menos de 2.500 euros anuais e, ademais, condicionará tamén o seu avance na carreira profesional.
Evitar as baixas de maior duración equipárase a outros indicadores como gasto farmacéutico ou prevención de condutas prexudiciais para a saúde
Así, por exemplo, nos AdX de medicina de familia xa remitidos en varias das áreas sanitarias, como amosa o documento que acompaña esta información -correspondente á de Santiago-, ese 10% está supeditado ao devandito "cumprimento dos tempos estándar" para dar de alta ao persoal de baixa. Enténdese como que "o número total de días de incapacidade temporal alcanzados" debe ser "menor aos que se deberon alcanzar segundo as táboas de duración estándar", un indicador fixado en manuais da Seguridade Social.
Noutras áreas, para non perderen ese 10% do complemento de produtividade o persoal médico ten que responder, como mínimo, ao 80% "das propostas de altas das incapacidades temporais por parte da inspección". Fontes sanitarias consultadas por este diario detallan que esta conxuntura é a que se produce cando unha mutua traslada a súa aposta por que unha persoa de baixa deixe de estalo a través da inspección, que á súa vez o comunica ao persoal médico para que traslade a súa postura ao respecto. Desta maneira, explican as mesmas fontes, Sanidade preme para que esas propostas sexan respondidas rápido e non se obvien.
Outros indicadores dos que depende o cobro íntegro dese complemento son o gasto farmacéutico, o seguimento da obesidade ou lograr que pacientes que fuman abandonen o tabaco. Tamén reducir o número de pacientes "con potenciais problemas de seguridade" no uso de opioides ou o uso "efectivo" do sistema informático do Sergas.
Parte dunha "campaña de criminalización das persoas de baixa"
"Tanto a indicación do inicio da incapacidade temporal como a súa finalización son decisións profesionais que teñen que estar soportadas en criterios clínicos e nas necesidades asistenciais dos pacientes", advirte CIG-Saúde
Para a CIG-Saúde, sindicato maioritario entre o persoal do Sergas, introducir a duración das baixas laborais dos pacientes como indicador para que o persoal médico cobre ou non un plus salarial é parte da "campaña de criminalización das persoas que están de baixa". "Tanto a indicación do inicio da incapacidade temporal como a súa finalización son decisións profesionais que teñen que estar soportadas en criterios clínicos e nas necesidades asistenciais dos pacientes", advirten.
Neste sentido, especifica a central sindical, a duración das baixas laborais "non depende do profesional que a indica", senón "entre outros" factores, "das características do paciente" e "da súa patoloxía". Mais tamén "da eficiencia do sistema sanitario, por exemplo, das listas de agarda". Por iso, advirten, CIG-Saúde "rexeita que a indicación dunha alta poida ter efectos retributivos para as profesionais", en tanto que "isto rompe a confianza entre pacientes e profesionais e atenta contra uns mínimos criterios éticos".
Fontes sanitarias consultadas por Praza.gal interpretan esta ligazón entre salarios e altas ao persoal de baixa nun contexto de "presión" ao persoal facultativo, que ven incrementada tamén polas visitas da Inspección de Servizos Sanitarios ao persoal médico de familia para revisar, caso a caso, os expedientes da poboación de baixa. En apenas un mes, o pasado marzo, xa se produciron 110 destas inspeccións, segundo datos da propia Xunta, que esta semana semana aprobou incorporar 18 persoas máis á Inspección de Servizos Sanitarios -cun custo de 3 millóns en tres anos- "dedicados especificamente a dar resposta ás medidas de mellora das xestión das baixas laborais", resumiu Alfonso Rueda.
"Que non se estendan máis alá de cando existan razóns clínicas"
Sanidade asegura que "en ningún caso" está a "fomentar que unha persoa" con "condicións clínicas para estar de baixa vaia traballar"
Preguntada polas razóns que levan o Goberno galego a incluír este indicador nos seus acordos de xestión para medicina de familia, a Consellería de Sanidade asegura que a súa vontade non é outra que "evitar que as baixas se estendan máis alá de cando existan razóns clínicas que o aconsellen". Remarca, asemade, que "é un dos 53 indicadores marcados nos acordos de xestión" e que "está recollido no convenio" entre a Seguridade Social e a Xunta "para o control das baixas" de 2025 a 2028.
Asegura o departamento que dirixe Antonio Gómez Caamaño que o Goberno de Rueda ten "o pleno convencemento de que os médicos de familia están facendo todo o que está na súa man para que as baixas non se estendan máis alá de cando as persoas se recuperan da enfermidade que provocou esa baixa". Daquel, argumentan, "este obxectivo de xestión vai reforzar un obxectivo que, na inmensa maioría dos casos, xa se está a cumprir".
En resposta a Praza.gal afirma Sanidade, asemade, que estes "obxectivos de xestión" non se dirixen "especificamente aos facultativos", senón que "van dirixidos aos equipos directivos das áreas sanitarias" para que "xestionen correctamente os medios dispoñibles" e así "garantan que a duración media" das baixas "non se desvíen máis alá do necesario". "En ningún caso -enfatiza Sanidade- se fomenta nin se aconsella que unha persoa que reúna as condicións clínicas para estar de baixa laboral vaia traballar" porque "a prioridade" é que "se recuperen"
Os datos oficiais máis recentes ao respecto indican que Galicia é a segunda autonomía con menor incidencia das baixas laborais (27 por cada mil persoas afiliadas á Seguridade Social), pero tamén a segunda na que estes procesos duran máis. O noso país si destaca por riba da media noutras estatísticas ligadas á saúde laboral, como son as mortes e accidentes graves no traballo.