O Sergas prevé manter ou aumentar a espera cirúrxica en 2026 na maioría de áreas sanitarias

Operación cirúrxica nun hospital do Sergas, sobre gráficos con indicadores de demora fixados nos ADX para 2026 CC-BY-SA Foto: Sergas | Montaxe: Praza.gal

Os Acordos de Xestión (ADX) son unha fórmula que o Servizo Galego de Saúde emprega dende hai media década para formular obxectivos anuais de organización interna e de atención á poboación. O Goberno galego materialízaos como pactos asinados entre a Xerencia do Sergas e os responsables de cada unha das sete áreas sanitarias, que rubrican metas concretas, moitas delas numericamente, cuxo cumprimento a propia Consellería de Sanidade vén evitando revelar a posteriori.

Entre os indicadores medibles para os que estes acordos de xestión fixan obxectivos anuais están as listas de espera cirúrxica. Neste 2026 na maioría das áreas sanitarias o prognóstico é que os tempos medios de demora para acceder a unha operación apenas se reduzan ou mesmo aumenten, segundo os ADX asinados a principios de febreiro.

O obxectivo máis inmediato que fixan neste ámbito os ADX é a demora cirúrxica media no mes de xuño, isto é, a media de días que espera cada paciente dende que está a súa inclusión efectiva na lista, a chamada lista "estrutural". As cifras oscilan entre os 77 días que esperan ter de media na área sanitaria de Santiago e os 54 da de Lugo.

A única redución significativa da demora cirúrxica media que agarda o Sergas para xuño deste 2026 é na área de Santiago tras o seu notable aumento do ano pasado. En Lugo e Ourense a previsión é que non diminúan

Como amosan os gráficos que acompañan esta información, o cumprimento dos obxectivos dos ADX implicaría que a mediados deste ano unicamente a área de Santiago-Barbanza experimentase unha redución significativa da espera media. Agardan que cumpra esperar case nove días menos en comparación con xuño de 2025, cando experimentara unha suba moi notable, ata superar os 85

Na área da Coruña-Cee a expectativa é reducir a demora media uns dous días e nas demais, apenas un día con dúas excepcións: Lugo e Ourense. Para a área ourensá o pactado é unha espera media de 61 días e medio en xuño de 2026, isto é, exactamente o mesmo que o dato publicado polo Sergas como real para xuño de 2025. E na área lucense a xerencia contempla unha demora media de 54 días: un ano antes eran 53,9.

O segundo limiar para o que os ADX fixan obxectivos concretos de espera cirúrxica é o remate do ano, decembro de 2026. Neste caso aínda non é posible realizar unha comparación cos datos reais do peche de 2025, que o Sergas aínda non publicou, polo que a referencia máis próxima son as cifras do remate de 2024.

Máis espera que en 2024 en catro das sete áreas

A área sanitaria lucense contempla que no remate de 2026 o tempo medio medio para acceder a unha operación sexa unha semana superior ao de finais de 2024

Ao realizarmos esa comparación os obxectivos de descenso da demora cirúrxica só se atopan en tres áreas encabezadas pola de Ourense, onde agardan que a demora media sexa de 62 días, unha semana menos que no remate de 2024, ano marcado polos seus malos datos. Na da Coruña propóñense que a finais de 2026 haxa que esperar de media catro días menos que no remate de 2024 -74 días e medio fronte a 78 e medio- e na de Pontevedra unha redución de tres días, ata os 59.

Nas outras catro áreas o propio Sergas asume que a demora cirúrxica seguirá sendo máis elevada cando acabe este ano que na fin de 2024. O incremento máis avultado sería o de Lugo, con sete días e medio máis ata chegar aos 55; en Vigo o obxectivo é rematar o exercicio cunha demora media de 70 días fronte aos menos de 64 de finais de 2024. Mentres, tanto en Santiago coma en Ferrol a previsión é que a espera media sexa uns cinco días superior á rexistrada no remate daquel ano.

O Sergas traza estes obxectivos por áreas nun contexto no que o dato máis recente para o conxunto do sistema situaba en xuño do ano pasado a espera media cirúrxica en 69 días. O dato, lixeiramente inferior ao do peche de 2024, seguiu sendo moito máis elevado que o acadado xusto antes da pandemia da COVID, cando se situara en algo menos de 55 días para rematar 2019.

O conselleiro asegura que a "redución nos tempos de acceso a cirurxías" é unha das "prioridades máis destacadas" dos ADX pero sinala "dificultades" que atribúe ao Goberno de España

Malia estas cifras, a propia Consellería de Sanidade sinala a "redución nos tempos de acceso a cirurxías" como unha das "prioridades máis destacadas" dos Acordos de Xestión para 2026. Tras a súa sinatura o conselleiro sinalou os ADX como mostra da "vontade da Xunta de ofrecer á cidadanía tempos de acceso cada vez máis curtos poñendo o acceso nas prioridades clínicas". 

Trátase, matizou Antonio Gómez Caamaño, dun obxectivo con "dificultades". Estes atrancos, considera, débense a razóns alleas á xestión do Goberno galego. Cita como causas o "escenario marcado pola falta de profesionais" e "as folgas contra o Estatuto Marcos que promove o Ministerio de Sanidade". O Ministerio, precisamente, vén de lanzar o seu plan para "unificar" e "modernizar" a información das listas de espera en todo o Estado apelando, entre outras razóns, a unha "crecente demanda social de transparencia e rendición de contas" ao respecto.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.