Sanidade argumentou que as avaliacións dos “acordos de xestión” que asina con ela mesma son documentos de traballo internos, pero a Valedora di que debe entregalas a Praza.gal porque “serven para comprobar o seu grao de cumprimento”
A Xunta vén divulgando desde 2014 a sinatura entre a Consellería de Sanidade e as súas sete áreas sanitarias -isto é, entre ela e ela mesma- do que denomina “acordos de xestión”, compromisos concretos en materia de asistencia sanitaria, tempos ou calidade. Porén, rexeita facer públicas as avaliacións trimestrais contempladas neses mesmos acordos de xestión co argumento de que son documentos de traballo interno.
Pero agora a Valedora do Pobo, atendendo un recurso de Praza.gal, vén de establecer que esas avaliacións “non poden ter esa consideración” de documentos internos “xa que serven para comprobar o seu grao de cumprimento”. Sanidade ten dez días hábiles para entregar esas avaliacións e comunicarllo á Valedora.
Que as áreas sanitarias incumpren os seus acordos de xestión sábese grazas a declaracións ou informacións parciais da propia Xunta. Os acordos inclúen ducias de obxectivos concretos con indicadores numéricos para comprobar a súa execución, e algúns deles, poucos, vainos facilitando o propio Goberno galego, como os tempos medios de espera por operacións cirúrxicas, incumpridos en 2022 por todas as áreas agás a de Pontevedra.
Declaracións do propio presidente da Xunta permitiron comprobar tamén que non se cumpriu outro dos obxectivo dos acordos de xestión, o que o 90% das citas para atención primaria se dean en menos de catro días. Pero os acordos de xestión inclúen moitos outros obxectivos concretos, e para coñecer o seu grao total de incumprimento en 2022 Praza.gal formulou unha petición oficial de transparencia.
Sanidade non respondeu e este diario formulou un recurso ante a Comisión da Transparencia de Galicia, dependente da Valedora do Pobo. Tras a intervención desa institución a consellería respondeu denegando a información argumentando unha das excepcións previstas na lei de transparencia. Segundo Sanidade, o seguimento dos acordos de xestión e os seus obxectivos e indicadores numéricos “realízase internamente”, de xeito que “a información e os documentos utilizados para a devandita monitorización” son “documentos internos entre os equipos centrais e periféricos, con constantes alegacións, modificacións e non son obxecto de acceso” a través da Lei de Transparencia.
Isto é, Sanidade veu dicir que os acordos de xestión que publicita reiteradamente como un logro da Xunta son públicos pero non así a avaliación do seu grao de cumprimento a través de procedementos e informes previstos nos propios acordos de xestión. Unha interpretación que lle permitiría facer propaganda dos seus supostos obxectivos de mellora sanitaria pero ocultar ao escrutinio público o seu grao de execución.
A Valedora di que "non pode considerarse que os resultados da avaliación formal prevista nos acordos de xestión sexa unha información auxiliar ou de apoio", polo que a Xunta debe facela pública
Novamente Praza.gal recorreu esa resposta ante a Valedora do Pobo e agora esta vén de corrixir á Xunta: “Os intercambios de información entre os equipos centrais e periféricos do Sergas de alegacións e modificacións, pode ser considerado documentación interna ou de traballo, pero non pode ter esa consideración o resultado final da avaliación formal prevista nos propios acordos de xestión, xa que serven para comprobar o seu grao de cumprimento”, di a Valedora.
Engade que “non pode considerarse que os resultados da avaliación formal prevista nos acordos de xestión sexa unha información auxiliar ou de apoio”. Por iso estima a reclamación de Praza.gal e insta a Sanidade a que en dez días hábiles facilite a información solicitada e comunique en quince días ese cumprimento á Comisión da Transparencia.