O Consejo de Transparencia avala o "interese público" de que Praza.gal revele os incidentes pero Adif di que "afecta directamente" a Iryo ou Ouigo "que actúan en réxime de libre competencia" malia que en Galicia só opera Renfe
Que Praza.gal revele os incidentes que se veñen rexistrando no Eixo Atlántico ferroviario pode ter segundo Adif "un impacto directo sobre a competitividade dos operadores ferroviarios que concorren en réxime de libre competencia no mercado da Alta Velocidade". Así o sinala o ente público dependente do Ministerio de Transportes na súa petición á Audiencia Nacional para impedir que este diario teña acceso a esa información. Un argumento que confronta coa realidade do Eixo Atlántico, no que non existe libre competencia e no que só operan trens de Renfe.
A petición de transparencia formulada por Praza.gal para coñecer o detalle e os motivos dos incidentes reiterados que se veñen rexistrando no Eixo Atlántico e agora recorrida por Adif ante a Audiencia Nacional conta co aval do Consejo de Transparencia estatal, que considera que "existe un interese público evidente no coñecemento da información".
Na súa resolución favorable a este diario, o Consejo de Transparencia xa sinalaba que "se ben existe un contexto de competencia a nivel nacional nos servizos de transporte de viaxeiros de Longa Distancia Convencional e de Alta Velocidade, dito contexto non é efectivo aínda na Alta Velocidade correspondente aos traxectos que teñen a súa orixe ou destino na Coruña e Vigo, que son obxecto do presente procedemento". A súa resolución mesmo facía ver que esa competencia nin sequera chegou aínda á liña Madrid-Galicia, "por tanto, non queda xustificado por Adif que a información que puidera existir sobre os incidentes en ditos traxectos [...] se trate actualmente de información afectada pola normativa de competencia".
O Consejo de Transparencia, na resolución contra a que agora recorre Adif, xa sinalara ademais que "non resulta suficiente argumentar sobre a posibilidade incerta de que se poida producir un dano sobre os interese económicos e comerciais" senón que "o prexuízo debe ser definido indubitado e concreto e o dano debe ser substancial, real, manifesto e directamente relacionado coa divulgación da información". Tamén se pregunta por que podería afectar á libre competencia entre empresas operadoras de trens coñecer os incidentes na liña ferroviaria xestionada por Adif pero non outros datos que xa son públicos como o prezo dos billetes.

Malia esta realidade de falta de competencia nos servizos ferroviarios do Eixo Atlántico e os argumentos ofrecidos polo Consejo de Transparencia para avalar a petición de Praza.gal, no seu recurso ante a Audiencia Nacional Adif insiste no mesmo argumento. Segundo di, "a divulgación da información solicitada pode ter un impacto directo sobre a competitividade dos operadores ferroviarios que actualmente concorren en réxime de libre competencia no mercado da Alta Velocidad".
O Consejo de Transparencia constatou que a libre competencia "non é efectiva" aínda en Galicia, pero Adif recorreu ante a Audiencia Nacional a súa decisión favorable a que Praza.gal teña acceso ás incidencias na liña A Coruña-Vigo
Engade que "esta información constitúe un activo sensible que reflicte o funcionamento detallado do sistema, os puntos críticos do servizo, as marxes de rendemento e as situacións de disfunción, o que podería ser utilizado por competidores ou axentes externos con fins alleos á finalidade de transparencia".
Adif mesmo chega a sinalar que "a información cuxa entrega se ordena afecta directamente a operadores ferroviarios distintos de Adif, como Iryo, Ouigo ou Renfe, que actúan en réxime de libre competencia no mercado da Alta Velocidade". Por iso, segundo Adif habería que consultarlles antes de facer pública a información sobre as incidencias no Eixo Atlántico. Porén, en toda Galicia só a pública Renfe presta servizos ferroviarios de pasaxeiros.