Usuarios denuncian os atrasos "cronificados" dos trens entre Vigo e A Coruña, dos que Renfe non se responsabiliza

Pasaxeiros subindo ao tren nunha estación galega Dominio Público Plataforma en Defensa do Tren

A situación do tren en Galicia é unha historia de contrastes. Entre unha pretendida aposta -a cargo Goberno central a través da gratuidade de abonos- por potenciar un medio de transporte público e sustentable e unha realidade de eivas e atrancos. Entre a posta en marcha das conexións de alta velocidade e o abandono do tren convencional e o peche de estacións. Entre o relativo bo funcionamento dalgunhas liñas (especialmente entre A Coruña, Compostela, Pontevedra e Vigo e a conexión de Santiago con Ourense) e o esquecemento doutras cidades, como Ferrol e Lugo, ou do tren do norte polo Ortegal e a Mariña.

Membros das entidades Perder o Tren e Plataforma de usuarios de media distancia asistiron a pasada semana a unha vista oral da Xunta Arbitral de Transporte da Xunta, que estudará as súas denuncias

Pero mesmo naquelas liñas de suposto bo funcionamento e que contan cunha demanda moi importante, como as conexións do Eixo Atlántico entre Vigo e A Coruña, existen problemas que poñen en cuestión o servizo público que o tren debería cumprir para conectar cando menos as cidades galegas máis importantes. Dende hai tempo os usuarios e usuarias destas liñas de media distancia veñen denunciando atrasos importantes nas viaxes que realizan os trens, especialmente a primeira hora da mañá, hora punta para a incorporación ao posto de traballo ou ao lugar de estudo.

Tren de media distancia entre Vigo e A Coruña CC-BY Freecat

Estes atrasos, de 10, 15 ou máis minutos, prodúcense cunha gran frecuencia, tanto que en ocasións se converten máis na norma que nunha excepción, provocando importantes inconvenientes ás persoas que dependen destas conexións para entrar a estudar ou traballar

Estes atrasos, de 10, 15 ou máis minutos -no caso das viaxes entre Vigo e A Coruña e viceversa- prodúcense cunha gran frecuencia, tanto que en ocasións se converten máis na norma que nunha excepción, provocando importantes inconvenientes ás persoas que dependen destas conexións para entrar a estudar ou traballar, que neste último caso víronse obrigadas a modificar o seu horario de entrada (atrasándoo e adiando tamén a súa saída) ou a reducir o seu horario (coa conseguinte perda de salario). Moitos deles foron apercibidos nos seus postos de traballo polas continuadas faltas de asistencia a primeira hora. Así mesmo, outros perderon a posibilidade de compartir taxi para dirixirse ao seu lugar de traballo, ao non poder coincidir cos compañeiros e compañeiras cos que chegaran a acordos para facelo e así poder aforrar parte do custo do desprazamento.

RENFE non se presentou, limitándose a enviar por escrito as súas alegacións, un documento nos que admitía os atrasos pero responsabilizaba da maior parte dos problemas a ADIF 

A pasada semana algunhas das persoas prexudicadas polos continuados atrasos dos trens en hora punta e que denunciaran esta situación tiveron unha audiencia na Xunta Arbitral de Transporte da Xunta, unha cita á que RENFE non se presentou, limitándose a enviar por escrito as súas alegacións, un documento nos que admitía os atrasos pero responsabilizaba da maior parte dos problemas a ADIF (o Administrador de Infraestruturas Ferroviarias, encargado de xestionar liñas e estacións). Así, RENFE argumentou que a maior parte dos atrasos están "relacionados con incidencias da infraestrutura ferroviaria", en referencia a obras realizadas por ADIF, problemas nas instalacións de seguridade, á "subida e baixada de viaxeiros nas distintas estacións" ou a limitacións de velocidade introducidas pola entidade administradora. En base a isto, RENFE négase a indemnizar aos pasaxeiros que se viron prexudicados polos atrasos.

"O que establecemos é un contrato con Renfe. Renfe, despois, terá que botar contar con ADIF ou con quen sexa, pero a min non me está dando o servizo ao que se compromete", di unha das afectadas

Entre as persoas que presentaron as súas denuncias había varias que están a participar en dúas asociación creadas para organizar a protesta contra o mal funcionamento dos servizos ferroviarios, Perder o tren e Plataforma de usuarios de media distancia. Unha das integrantes desta última entidade critica en conversa con Praza.gal que RENFE non se presentase na audiencia da Xunta Arbitral de Transporte e, sobre todo, que "non se responsabilice dos atrasos" que, engade, "están cronificados".

"Hai un compromiso, un tempo comprometido, que nunca se cumpre", sinala. "O que establecemos é un contrato con Renfe. Renfe, despois, terá que botar contar con ADIF ou con quen sexa, pero a min non me está dando o servizo ao que se compromete", di. A usuria salienta que esta situación, ao darse "en hora punta laboral" supón "un problema enorme". "No meu caso esgotei as medidas de flexibilidade no meu traballo e tiven que reorganizar a miña xornada con redución de soldo. E hai mestres apercibidos que están a madrugar moitísimo, porque non se poden permitir chegar uns minutos tarde, porque teñen grupos de cativos ao seu cargo", exemplifica.

Unha parte dos usuarios e usuarias afectadas polos atrasos puxeron en marcha entidades e grupos de comunicación para manterse informados e organizar as súas protestas e denuncias ©

"No meu caso esgotei as medidas de flexibilidade no meu traballo e tiven que reorganizar a xornada con redución de soldo. E hai mestres apercibidos que están a madrugar moitísimo, pois non se poden permitir chegar uns minutos tarde, ao ter grupos de cativos ao seu cargo", exemplifica

"Necesitamos unha reparación dos danos, necesitamos que Renfe ou ADIF solucionen as causas dos atrasos", apunta. E engade que "quizais sexa o momento de revisar a duración dos tempos de viaxe en Galicia, porque os que agora se anuncian non son reais. Prometen uns tempos que non son quen de cumprir e máis agora que cada vez somos máis usuarios". "Temos unha sensación de estafa", resume. De igual xeito, comenta que "vivín en Madrid un tempo e utilizaba o tren que era un servizo que podía ser mellorable, pero era outro mundo en relación ao que pasa en Galicia: aquí pago moito máis, hai menos frecuencias e engánannos continuamente cos tempos de chegada".

Poucas frecuencias en hora punta laboral

Parte do problema procede da falta de frecuencias a primeira hora da mañá para realizar as viaxes entre as cidades do Eixo Atlántico

Parte do problema procede da falta de frecuencias a primeira hora da mañá para realizar as viaxes entre as cidades do Eixo Atlántico. Así, na dirección entre Vigo e a Coruña o tren máis empregado é o que sae ás 6:40 da cidade olívica, pasa 6:59 por Pontevedra, 7:42 por Santiago e chega á cidade herculina ás 8:13 horas. Un horario, en principio, axeitado para entrar a traballar ás 8:30 na Coruña. O problema prodúcese cando este tren chega 15 minutos tarde as máis das veces.

"Quizais sexa o momento de revisar a duración dos tempos de viaxe en Galicia, porque os que agora se anuncian non son reais. Prometen uns tempos que non son quen de cumprir e máis agora que cada vez somos máis usuarios", di

As persoas que necesiten chegar aos seus traballos ás 8:30 só teñen unha opción anterior pouco conveniente, un Rexional que parte de Vigo ás 5:05 da mañá e que tarda dúas horas e once minutos en realizar o percorrido. Ademais destas dúas frecuencias, a primeira hora hai outro tren lento (o tempo de viaxe anunciado é de dúas horas e seis minutos) que parte de Vigo ás 6:57 e chega á Coruña despois das 9. E un Media Distancia que sae de Vigo ás 8 e chega á Coruña ás 9:20.

Na dirección inversa, entre a Coruña e Vigo, a situación é semellante. O tren máis empregado para a incorporación laboral a primeira hora é o que parte da cidade herculina ás 7 da mañá e chega a Vigo ás 8:33, despois de pasar por Santiago ás 7:30 e por Pontevedra ás 8:13. Ademais de que o horario é xa inconveniente para entrar ao traballo ás oito e media, os continuados atrasos empobrecen aínda máis o servizo. Ademais deste, hai un rexional ás 5:35 que chega a Vigo ás 7:40 e dous máis de Media distancia ás 8 e ás 9:20, con horarios pouco convenientes para unha incorporación laboral ás nove da mañá.

Tren na nova estación de Urzaiz do Eixo Atlántico de alta velocidade CC-BY-SA Praza Pública

O tren, servizo público esencial

"Se queremos apostar definitivamente por que o tren sexa o núcleo da mobilidade cotiá isto hai que poñelo ao día", conclúe

"Non pode ser que os primeiros trens á Coruña ou a Vigo cheguen despois das 8", comenta a este respecto a usuaria prexudicada polos atrasos, que engade que "só está ben atendida a conexión con Santiago". De igual xeito, reclama que "se queremos apostar definitivamente por que o tren sexa o núcleo da mobilidade cotiá isto hai que poñelo ao día". 

"Hai que darlle sentido ao servizo público. Os servizos esenciais condicionan o acceso ao emprego e a libre circulación de persoas e vertebran un territorio xerando cohesión social e benestar ás persoas. O tren é un servizo público esencial e debe ter cobertura territorial completa", engade.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.