Ás Cercanías xa existentes nunha ducia de cidades, varias das cales as verán melloradas, sumaranse agora novos servizos en Valladolid e Córdoba mentres o Eixo Atlántico galego queda como a área máis poboada sen melloras
O Ministerio de Transportes vén de anunciar, no marco da presentación dos Orzamentos do Estado para o próximo ano, a creación dunha nova figura para o transporte ferroviario, os “servizos ferroviarios de proximidade”, que presenta como “aqueles necesarios para dar resposta á mobilidade cotiá con frecuencias intermedias entre as Cercanías e a Media Distancia”. Uns novos servizos que son incluídos dentro da categoría das Obrigas de Servizo Público (OSP), que son os que o Estado se obriga a financiar e manter para facelos máis baratos e habituais para os usuarios.
A nova figura implantarase arredor de dúas cidades que ata agora non tiñan servizos de Cercanías, Valladolid e Córdoba, e aplicarase tamén para mellorar os servizos noutras tres que xa tiñan Cercanías: Madrid, Málaga e Murcia. Galicia, coa pequena excepción da antiga liña de Feve nas proximidades de Ferrol, seguirá quedando así á marxe non só das Cercanías senón tamén da nova figura intermedia e o Eixo Atlántico que une as principais cidades galegas seguirá encadrado nos servizos de Media Distancia.
Ata agora había unha ducia de cidades ou conglomerados urbanos en toda España con servizos de Cercanías: Catalunya, Madrid, Asturias, Santander, Bilbao, Donosti, Zaragoza, Valencia, Murcia/Alacant, Málaga, Sevilla e Cádiz. A elas hai que sumar os servizos de proximidade en ancho métrico, os da antiga Feve, presentes nas proximidades de Ferrol e en varias liñas de Asturias, Cantabria, Euskadi, León e Cartaxena.
Agora o Ministerio de Transportes di que vai crear os “servizos ferroviarios de proximidade” como “aqueles necesarios para dar resposta á mobilidade cotiá con frecuencias intermedias entre as Cercanías e a Media Distancia”. Cita cinco relacións: no eixo Medina del Campo-Valladolid-Palencia e en Córdoba como dous conglomerados urbanos que ata agora non tiñan Cercanías, e varias liñas en Madrid, Málaga e Murcia que xa contaban con Cercanías.
“O obxectivo desta iniciativa é mellorar a conectividade en ditas zonas con máis frecuencias e/ou tarifas máis accesibles desde o primeiro trimestre de 2023”, di o ministerio
Segundo o ministerio, “o obxectivo desta iniciativa é mellorar a conectividade en ditas zonas con máis frecuencias e/ou tarifas máis accesibles desde o primeiro trimestre de 2023”. Ademais da creación desta nova figura que non se aplicará en Galicia, onde o Eixo Atlántico seguirá encadrado dentro da Media Distancia, o ministerio tamén ampliará as Obrigas de Servizo Público (OSP), que xa se veñen aplicando a todo tipo de servizos en Galicia, a varias liñas de alta velocidade de media distancia, a maioría en Castela e León, unha delas con efectos no país, a Zamora-Ourense.