Miguel Fernández pide unha xuntanza ao presidente tras retirar 250.000 dos 500.000 euros que o Goberno galego preveu en 2025 para un proxecto nun antigo cuartel do século XVIII cuxo custo roldaría os 15 millóns
A gala institucional coa que o Concello de Lugo culminou as celebracións polo vixésimo quinto aniversario da declaración da Muralla como Patrimonio da Humanidade virou, alén do festivo, na reivindicación dunha conta pendente a moitas voces políticas e sociais. O Museo da Romanización de Galicia no cuartel de San Fernando, un céntrico complexo do século XVIII.
Fíxoo pouco despois de que, como informou Praza.gal, a Xunta retirase a metade dos fondos que orzamentara este ano para o proxecto: 500.000 euros que presentara como mostra de "compromiso patente" ao respecto. Foi para transferilos a un fin ben diferente: cofinanciar o Bono Emancípate, as axudas para a compra de mobles para menores de 36 anos que alugasen unha vivenda. Por esa retirada e co pano de fondo do rexurdimento da demanda quere o alcalde da cidade, o socialista Miguel Fernández, pedir contas en persoa a Alfonso Rueda.
No marco dun encontro con membros da plataforma MURO -impulsada hai anos para tentar pular pola creación do Museo- o rexedor concretou a súa solicitude de xuntanza co presidente "para analizar e desbloquear a situación do Museo da Romanización", un "proxecto estratéxico" sobre o que aumenta a "preocupación" polo "desvío dos fondos autonómicos inicialmente comprometidos". Partida que por outra banda, subliña era de seu "testemuñal", medio millón para unha infraestrutura cultural que requiría duns 15 millóns, segundo "o anteproxecto actualizado.
O rexedor lembra que o Concello destinou 2,5 millóns en mercar o cuartel e subliña que "custodia, por responsabilidade, máis de 15.000 pezas" arqueolóxicas "propiedade da Xunta" que "precisan dun lugar de estudo e exposición"
"A pesar de que os Orzamentos Xerais da Xunta para 2025 incluían un importe meramente testemuñal, a metade dese crédito foi desviado a outros fins alleos ao museo", o cal evidencia que "non hai ningún avance nin garantía de cumprimento" dun "compromiso" para o que o Goberno galego chegara a anunciar 10 millóns de euros en 2010. O proxecto, resalta Fernández, foi paralizado en 2013 e "abandonado definitivamente en 2019", pero en 2022 foi Rueda quen dixo estar en disposición de achegar fondos para retomalo. "Tres anos despois, o compromiso é nulo e todo son escusas", censura o alcalde.
"É a miña responsabilidade esixir para Lugo o que é de xustiza; somos a única administración que investiu neste proxecto", ao "destinar 2,5 millóns de euros na adquisición do inmoble e preto de 150.000 euros en tarefas de conservación" e agora "debe ser o Executivo galego, única administración competente nesta materia, a que comprometa o financiamento necesario" para "un proxecto de cidade, de país e de memoria". Non é posible, advirte, "permitir outro ciclo de desatención da Xunta" cara a Lugo.
Neste sentido, advirte, cómpre lembrar que ao Goberno galego "lle corresponde salvagardar os restos arqueolóxicos" como as "máis de 15.000 pezas catalogadas, propiedade da Xunta, que están a ser custodiadas polo Concello por responsabilidade". E cómpre ter en conta, acrecenta o alcalde, que estas son só "unha parte das miles de pezas que seguen dispersas en dependencias doutras Administracións ou mesmo en domicilios privados de arqueólogos", materiais que "precisan dun inventariado rigoroso e dun lugar de referencia para o seu estudo e exposición".