O pasado novembro o Concello de Lugo decidiu organizar unha xornada de portas abertas no Cuartel de San Fernando, o recinto militar do século XVIII que se deteriora dende hai anos en pleno centro da cidade da Muralla. O histórico edificio é obxecto de tirapuxa político en Lugo dende os tempos en que Xosé López Orozco, primeiro alcalde lucense polo PSdeG, reclamaba a Manuel Fraga e ao seu conselleiro de Política Territorial, Alberto Núñez Feijóo, que cumprisen a súa promesa de converter o cuartel no novo auditorio da cidade.
Case dez anos despois de anunciar 10 millóns de euros para converter o Cuartel de San Fernando no Museo da Romanización de Galicia, a Xunta ofrece a metade na hipótese de que o Estado decidise instalar un Parador no histórico recinto
O proxecto do auditorio fora desbotado por supor obras que porían en perigo a declaración da Muralla como Patrimonio da Humanidade e finalmente construído noutro lugar. Para substituílo, o Goberno galego propuxera converter San Fernando no Museo da Romanización de Galicia. O retorno do PP ao poder cadrou no tempo coa conclusión do expediente para declarar o cuartel como Ben de Interese Cultural e o gabinete de Alberto Núñez Feijóo chegou a dicir que puña sobre a mesa 10 millóns de euros para facer realidade o Museo, para o que houbo mesmo proxecto arquitectónico.
Pero no ano 2013 a propia Xunta adiou o Museo indefinidamente, "ata que a realidade económica o permita" e as intervencións no recinto foron poucas máis das indispensables para evitar a súa ruína. Agora, despois de que o goberno local (PSdeG-BNG) apostase por axitar a cuestión para reivindicar con máis énfase o prometido Museo, a Xunta confirma que renuncia a el porque, afirman, prefiren que en San Fernando haxa un Parador. Isto é, un establecemento hoteleiro da empresa pública estatal Paradores.
O Goberno galego presentaba a pasada semana a súa nova viraxe sobre o Cuartel de San Fernando asegurando que é parte do que denominou Proxecto integral para o impulso do turismo cultural en Lugo. Este seu plan, sinalaron o conselleiro de Cultura, Román Rodríguez, e o delegado lucense da Xunta, José Manuel Balseiro, implicaría un espazo hoteleiro de "aproximadamente 45 cuartos" no que houbese ademais dependencias para amosar "in situ" o "valioso patrimonio achado" no lugar.
A Xunta admite que apenas existiron contactos ao respecto co Goberno de España ou con Paradores, empresa pública coa que aínda cómpre "falar a proposta"
A letra pequena do ofrecemento pasa por que os 10 millóns de euros que a Xunta dixo ter dispoñibles para o Museo da Romanización de Galicia quedarían na metade. O Goberno galego ofrece uns 5 millóns para ese virtual Parador que suporía desbotar o Museo da Romanización como tal, xa que eses contidos, suxire Rodríguez, poden ser ofrecidos "en varios centros", como o Museo Interactivo da Historia de Lugo, que depende do Concello, ou o espazo museístico do Castro de Viladonga, que depende da Xunta pero que aborda unha época anterior á romanización, a do propio castro.
A reformulada proposta da Xunta implica tamén que só sería posible se o Goberno de España accede. E o propio conselleiro admite que non existiu negociación previa ningunha ao respecto. Así, nunha entrevista no xornal El Progreso, Rodríguez di estar "seguro" de que Paradores "vería positivo" un proxecto coma este e avanza que "imos negociar" ao respecto. Noutra entrevista, publicada en La Voz de Galicia, agrega que "coa rede de Paradores imos ter contactos", se ben polo momento só "tivemos contacto vía postal" e aínda cómpre "falar con eles a proposta".
O Concello ve "unha ocorrencia" que "evidencia a falta de compromiso"
Lara Méndez: "O Museo da Romanización debe estar no Cuartel de San Fernando; este cambio de criterio só se pode entender como froito da presión que senten ante a proximidade das eleccións"
O Goberno de España non tivo coñecemento oficial da proposta de cambio para o cuartel e tampouco o goberno do propio Concello de Lugo, que acolleu con contrariedade a nova viraxe. Para a alcaldesa lucense, a socialista Lara Méndez, "este cambio de criterio só se pode entender como froito da presión que senten ante a proximidade das eleccións autonómicas", pero por iso non deixa de ser unha "ocorrencia" que "evidencia a falta de compromiso da Xunta con Lugo".
"Desgraciadamente -di a rexedora- estamos acostumados despois de levar unha década na que a Xunta non remata nada do que inicia na nosa cidade" e agora, censura, o goberno de Feijóo dá "paus de cego" no canto de cumprir o que para o consistorio é irrenunciable, di. "O Museo da Romanización debe estar no Cuartel de San Fernando, por iso o fixemos de titularidade municipal", máis aínda por ser "unha xoia arquitectónica e arqueolóxica".
"Non compartimos o seu modelo de promoción turística, que se afasta da sostibilidade; con 182 prazas en construción no casco histórico, Lugo non precisa mais hoteis"
Esa, reitera Méndez, é a aposta do Concello fronte a unha Xunta que "non parece o mellor xestor cultural do país despois de máis de 300 millóns de euros investidos no Gaiás". "Tampouco -agrega- compartimos o seu modelo de promoción turística, que se afasta da sostibilidade", toda vez que "con 182 prazas hoteleiras en construción no casco histórico e a súa contorna, Lugo non precisa máis hoteis".
Tampouco foi ben acollida a mudanza na área cultural do Concello, que dirixe Maite Ferreiro (BNG), tamén vicepresidenta e responsable de Cultura da Deputación lucense. "Agradecemos ao conselleiro que poña á disposición 5 millóns para Lugo, non era sen hora", ironiza Ferreiro, quen subliña o feito de que o anuncio se produza en vésperas da xuntanza que "lle tiñamos pedida" e que finalmente se producirá o día 23 para abordar unha "longa lista" de asuntos pendentes. "Agardo que deixen ás Administracións de Lugo decidir como investir eses 5 millóns de euros", afirma.