O Parador de Muxía prometido tras o Prestige abrirá 17 anos despois do afundimento

Obras do parador de Muxía sobre a praia de Lourido © Google Street View

Paradores anuncia en Fitur a apertura dun edificio cuxo custo pasou de 24 a 27 millóns malia ver recortadas as súas habitacións de 80 a 60

“Construirase un novo parador na Costa da Morte: 24 millóns de euros”. Esa foi a principal promesa no eido da reactivación turística incluída no Plan Galicia co que o Goberno de José María Aznar pretendía compensar a catástrofe ambiental do afundimento do Prestige en novembro de 2002. Esta fin de semana, en Fitur, o presidente de Paradores, o ex-secretario de Organización do PSOE Óscar López, anunciou que ese parador, en Muxía, a vila que tornou en símbolo daquel desastre ecolóxico, entrará finalmente en servizo a finais deste 2019, 17 anos despois do afundimento do petroleiro e tras un investimento que ascendeu finalmente a máis de 27 millóns malia que se reduciron as prazas do edificio de 80 a 60.

Tras a inclusión no Plan Galicia dun parador na Costa da Morte, o proxecto tardou en arrancar. Malia que o investimento é estatal, sería a Xunta a encargada de definir o edificio, pero o concurso público para deseñalo non se convocou ata 2008. Coa volta do PP ao Goberno galego, argumentouse que ese proceso fora mal realizado, o que paralizou o proxecto, que non foi desbloqueado ata 2010, cando se anunciou que o edificio contaría con 80 prazas

Presentación do proxecto do Parador de Muxía en 2010 CC-BY-SA Xunta de Galicia

Tras colocarse a primeira pedra en 2011, en 2012 o Goberno central anunciou a súa paralización

A súa construción encomendouse á empresa pública Tragsa e en 2011 púxose a súa primeira pedra, pero a crise fixo que os seguintes pasos avanzasen lentamente, ata o punto de que en 2012 o daquela ministro do ramo, José Manuel Soria, anunciou a súa paralización no marco dunha serie de recortes xerais en toda a rede de Paradores. O presidente Feijóo escenificou unha protesta pública contra o Goberno central do seu propio partido, o que na práctica non fixo que a obra se acelerase. 

O parador de Muxía, o porto exterior da Coruña e o AVE á Meseta son as únicas obras en avanzado estado de execución das oito grandes actuacións anunciadas no Plan Galicia

A obra volvería coller forza en 2016, cando o Goberno decidiu modificar o proxecto e reducir de 80 a 60 as súas prazas. Malia iso e unha nova ampliación dos prazos de execución, o seu custo fixouse en 27 millóns, tres máis dos previstos cando foi anunciado por Aznar.

Para cando finalmente entre en servizo, a finais deste 2019 se se cumpren as novas previsións de Paradores, o edificio será unha das tres grandes obras rematadas ou a piques de estalo (xunto co porto exterior da Coruña e o AVE á Meseta) do Plan Galicia das oito que contemplaba aquel documento.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.