As mencións do candidato do PP á súa condición de funcionario como "letrado da Xunta", postos de alto rango creados seis anos despois do seu acceso como interino ao corpo superior da Administración Xeral, evocan os tempos en que foi sindicalista, xa lembrados pola CIG en 2012 para confrontalo cos recortes que aplicou ao persoal público
Ano 2012. En plena gran recesión, o Goberno galego de Alberto Núñez Feijóo fai seus e mesmo endurece os recortes aplicados no Estado polo gabinete de Mariano Rajoy en diversos ámbitos. Servizos públicos básicos como a sanidade e as persoas que os prestan, o persoal público, son o albo principal das tesoiradas para cadrar as contas en plena caída da recadación pública mentres, ao tempo, a Xunta rexeita as propostas de subas de impostos para rendas altas.
Naquel contexto a federación da CIG na Administración autonómica edita un boletín extraordinario dedicado ao "compañeiro Alberto Núñez Feijóo". "Vida, obra e milagres dun sindicalista", subtitulaba o sindicato aquela publicación, destinada a contrastar os recortes do daquela presidente da Xunta ao persoal público coas súas propias reivindicacións a finais dos 80, anos en que comezara a exercer como funcionario nunha nacente Xunta mentres, en paralelo, sen encamiñaba a un meteórico ascenso político. Uns tempos que, outra volta, rexorden informativamente, agora ao fío da campaña das eleccións xerais do 29N.
O xornal elDiario.es puxo o foco nos últimos días na cuestión despois de que, na súa entrevista no podcast El sentido de la birra, Feijóo volvese afirmar que en 1985 concorrera e lograra sacar adiante “unhas oposicións a letrado da Xunta”, escala de elite da Xunta que non existiu ata 1991. En realidade, Feijóo entrou en 1985 no corpo superior da Administración Xeral da Administración -condición que si figurou nalgúns dos seus currículos parlamentarios como "técnico superior"- como interino e logrou ficar nel con praza en propiedade grazas a unha vía legal de estabilización excepcional habilitada no inicio do fraguismo.
A estabilización como funcionario que reclamou como membro do sindicato AFICA logrouna pola vía legal habilitada nos primeiros tempos do fraguismo, cando comezou a súa sucesión de cargos políticos da man de Romay Beccaría
Aquel boletín da CIG de hai 14 anos lembraba que, como membro interino daquel corpo de persoal público, Feijóo virou sindicalista da man da Agrupación de Funcionarios Interinos e Contratados (AFICA), coa que concorreu ás eleccións sindicais da Xunta e foi elixido delegado da Xunta de Persoal dos Servizos Centrais en xaneiro de 1988, cando o Goberno tripartito presidido polo socialista Fernando González Laxe levaba escasos meses exercendo. En marzo daquel ano, xunto aos sindicatos nacionalistas xermolo da CIG (INTG e CXTG) e CCOO foi á folga e sumouse a un peche en San Caetano para reclamar, entre outras cuestións, que a futura Lei da Función Pública contemplase a estabilización do persoal na súa situación.
Aquela estabilización lograríaa en 1991, lembraba a CIG no seu boletín, xa con Fraga na Xunta "nas primeiras oposicións que se convocaron, aquelas famosas das tres oportunidades (...), aprobou á primeira, pero coa nota xustiña". Foi daquela, lembraban, "cando se produce realmente a súa entrada no corpo superior da Administración Xeral como funcionario de carreira", pero xa non chegaría a exercer porque "aínda sen ter aprobada a oposición", en xullo de 1991, foi nomeado secretario xeral da Consellería de Agricultura.
Con Romay ao Goberno de Aznar e retorno á Xunta
O primeiro posto duroulle apenas tres meses. A decisión partira do seu padriño político, José Manuel Romay Beccaría, que o levou consigo ao seu novo destino, a Consellería de Sanidade, para poñelo á fronte do Servizo Galego de Saúde, que botaba a andar tras asumir o Goberno galego as competencias na materia. Daqueles anos datan as fotografías que acreditan a súa amizade con Marcial Dorado, que outra volta rexurdiu na presente campaña electoral.
Aquel primeiro período de cargos políticos na Xunta finalizou en 1996, cando Romay o levou outra volta consigo, nesa ocasión para ser parte do Goberno de José María Aznar, onde primeiro dirixiría o Insalud e despois, Correos, posto que exercía cando a cúpula estatal do PP o enviou a Galicia en 2003 para, en plena crise do Prestige, remudar o defenestrado Xosé Cuíña como conselleiro de Política Territorial e ascender pouco despois a vicepresidente do Goberno do declinante Fraga.