Maratón de Besteiro a prol de Sánchez fronte a un Feijóo "acompañado pola mentira"

Mitin do PSdeG en Vilagarcía, este mércores CC-BY-NC-SA PSdeG

“Nunca damos unha batalla por perdida”. A axenda do secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, multiplícase na recta final da campaña das eleccións xerais. Fíxoo este martes, de Parada de Sil a Vilagarcía pasando por Ourense, e faino tamén este mércores, con actos en Burela, en Ferrol e na Coruña. Con matices locais e o foco no que atinxe a cada circunscrición, unha idea forza atravesa as mensaxes de campaña do líder socialista: Pedro Sánchez pode recuncar fronte a un Alberto Núñez Feijóo “acompañado pola mentira”.

Esa “mentira”, advertiu Besteiro no mitin co que pechou o martes na capital do Salnés, foi a que marcou a “estratexia” do ex-presidente no seu debate cara a cara contra Sánchez a pasada semana, pero non reservou “as falsidades e medias verdades” unicamente para o encontro televisivo. Véñenlle de lonxe, reprocha, mesmo para “asegurar que sacou as oposicións de letrado” da Xunta “antes de que houbese oposicións a letrado da Xunta”.

Besteiro e integrantes das candidaturas do PSdeG ao 29N, en Parada de Sil CC-BY-NC-SA PSdeG

Besteiro sinala en clave de retranca as referencias que o líder do PP adoita realizar á súa carreira como funcionario na Administración galega, resaltadas nos últimos días por elDiario.es despois de que o ex-presidente volvese manter, na súa entrevista no podcast El sentido de la birra, que en 1985 concorrera e lograra sacar adiante “unhas oposicións a letrado da Xunta”, escala de elite da Administración que non existiu ata 1991. 

"Asegura que sacou as oposicións de letrado da Xunta antes de que as houbese; con Marcial Dorado estaba desorientado e agora, tamén acomplexado", ironiza o líder do PSdeG sobre o xeito en que o ex-presidente relata como chegou a funcionario da Administración galega

En realidade, Feijóo é técnico superior da Xunta. Accedeu a ese posto público como interino e logrou estabilizarse nel con praza en propiedade grazas a unha vía legal de estabilización excepcional habilitada no inicio do fraguismo, xusto cando obtivo os seus primeiros postos políticos da man de José Manuel Romay Beccaría. Esa estabilización reclamáraa como sindicalista con mobilizacións na fin do Goberno de Alianza Popular e no mandato do tripartito do socialista González Laxe.

Alén da inexactitude sobre o seu posto alleo á escala máis alta da Administración galega, para Besteiro que Feijóo se refira deste xeito ao seu propio currículo ten outras connotacións. "Con Marcial Dorado estaba desorientado, agora tamén está acomplexado", mantén.

Feijóo, no Parlamento con Romay nos anos 90, pouco despois de lograr estabilizarse como funcionario e acceder aos seus primeiros cargos políticos na Xunta © Parlamento de Galicia

Chamada á mobilización e foco en Lugo e Ourense

Alén dese contraste entre as figuras de Sánchez e Feijóo, Besteiro está a poñer tamén nas súas intervencións na necesidade de "mobilización" cara ao 29N e, especialmente, nas circunscricións de Lugo e Ourense. As provincias orientais, advirte o socialista, "comparten problemas" e tamén unha circunstancia electoral: "Somos os únicos que podemos arrebatarlle escanos ao PP" nelas.

[O PP xa admite a posibilidade de perder escanos en Lugo e Ourense a prol do PSOE]

"Se queremos parar á dereita hai que votar o Partido Socialista, cada voto que se dispersa é un regalo para Feijóo e Abascal", mantén Besteiro sobre as circunscricións lucense e ourensá

"Para que non vai amos atrás temos que concentrar o voto" nas circunscricións lucense e ourensá, porque apoiar o PSdeG, di, é, o "útil para frear a ameaza da dereita". "Se queremos parar esa dereita hai que votar o Partido Socialista", enfatiza para lembrar que en 2023 tanto en Lugo coma en Ourense o PP "levou tres dos catro escanos" en xogo fronte a un do PSOE". 

"Quedamos daquela a apenas tres mil votos para conseguir un deputado máis e hoxe é posible facelo se se concentra o voto de todos os progresistas", resalta. Porque "cada voto que se dispersa é un regalo para Feijóo e Abascal", alerta.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.