O PP xa admite a posibilidade de perder escanos en Lugo e Ourense a prol do PSOE

Feijóo e Abascal reunidos en 2023 e vídeo no que a popular Ana Vázquez admite que o PSOE pode obter grazas a Vox máis escanos en Lugo e Ourense CC-BY-SA imaxe: PP | Montaxe: Praza.gal

Os populares, que estaban a centrar a súa campaña na Coruña para acadar alí un quinto escano, ven que o ascenso de Vox pode quitarlles o terceiro escano nas provincias orientais para darllo ao PSOE e xa apelan a concentrar o "voto útil"

"Non é casualidade que aquí en Ourense poidamos perder ese terceiro deputado e o leve Sánchez; repito, o terceiro deputado do PP pode levalo Pedro Sánchez". Quen así se pronuncia é a cabeza de lista do PP ao Congreso por Ourense, Ana Vázquez, quen apela ao "voto útil" da dereita ao PP e admite expresamente, como outros cargos dos populares, a posibilidade real de que os tres escanos con que contaba ata agora o partido en Lugo e Ourense fronte a un do PSOE poidan converterse nun empate a dous escanos. 

Un temor que para os populares se fai cada vez máis real a medida que aumenta a expectativa de voto para Vox neses territorios, onde eses votos, que varias enquisas sitúan por riba do 10%, serían insuficientes para darlles escano. Sería así un "voto perdido" para a dereita e a extrema dereita que segundo os populares facilitaría o segundo escano para o PSOE en cada circunscrición.

Ana de Bande salienta que a expectativa de voto a Vox subiu en Ourense ata o 11%. Serían uns cantos milleiros de votos que resultarían aínda insuficientes para acadar escano nunha circunscrición, como Lugo, con só catro postos en xogo. Uns cantos milleiros de votos que o PP dá por feito que perdería facilitando así indirectamente que os socialistas logren un segundo escano tanto en Ourense como en Lugo que xa obtiveron nas dúas provincias ao tempo en comicios xerais anteriores coma os dous de 2019 ou en 2008. Ou cando menos nalgunha das dúas provincias como ocorreu en 2004 ou 1996. 

O PSOE xa obtivo dous dos catro escanos de Lugo e Ourense en 2019 e 2008, e nalgunha das dúas provincias noutras ocasións previas

A esta situación na que unha candidata popular pide con voz preocupada "reflexionar" chégase tras un comezo de campaña e a precampaña previa que o PP centrou en Galicia especialmente na provincia da Coruña. Nela é cabeza de lista o secretario xeral do PP estatal, Miguel Tellado. Polo segundo posto desa mesma lista renunciou a Xunta á ata hai uns días conselleira de Política Social, Fabiola García. E nesa provincia celebrouse o sábado, en Santiago, o acto central e posiblemente único de Feijóo en Galicia.

Este luns o propio presidente do PPdeG e da Xunta, Alfonso Rueda, verbalizaba nun mitin en Padrón o que busca o seu partido con ese esforzo na provincia da Coruña: obter un quinto escano nunha circunscrición que reparte oito. Quere así dar "mans libres" a Feijóo para que non dependa de Vox, unha formación que o sábado o mesmo Rueda presentou como "salvapatrias que veñen de fóra" sen ter nunca representación en Galicia. 

O BNG tamén aspira a facerse cun escano en Lugo e Ourense, onde concorre con dúas das súas deputadas máis activas no Parlamento de Galicia

Porén, desta volta non só os populares temen que o crecemento insuficiente de Vox lles poida quitar un escano en Lugo e outro en Ourense. As enquistas tamén apuntan que a formación de extrema dereita pode obter un escano por esa A Coruña que está a priorizar o PP, neste caso en disputa co BNG, segundo admitiu a propia organización de extrema dereita. 

Alén do tirapuxa PP-PSdeG tamén o propio Bloque está a redobrar esforzos nas provincias de Lugo e Ourense. A formación soberanista faino ante o convencemento de que, como sucedera noutrora con En Marea, desta volta ten opcións de pelexar polo terceiro escano das respectivas circunscricións, aos que concorre con dúas das súas deputadas máis activas e con maior proxección do Parlamento galego, Olalla Rodil e Noa Presas.

Mentres, no PP, o desacougo polos posibles efectos de Vox non se cingue estritamente ás provincias orientais e tamén se estende ás circunscricións da Coruña e Pontevedra, esta última paradoxalmente incluída no pacto bipartito estatal dos de Feijóo cos de Abascal para o Senado. Neste sentido, en mitins, encontros e reparticións de propaganda cara ao 29N militancia de base pero tamén cargos significativos do partido están a poñer o acento na necesidade de que votantes tradicionais populares non sucumban á tentación de apoiar a extrema dereita ante o seu auxe demoscópico. 

Os peores resultados do PP en Galicia nos últimos anos déronse cando callou a división do voto de dereitas con fugas cara a Ciudadanos

A mensaxe dos conservadores, no atril do mitin e a pé de rúa, é que votar Vox nas provincias máis poboadas implica "tirar o voto ao lixo", sintetizan. Porque acabará por non obter representación pero si pode acrecentar as posibilidades da esquerda, defenden. 

De fondo, o temor a que os de Abascal si acaben achegándose á barreira de obter asento e que, en calquera caso, poidan erosionar as expectativa galegas dun Feijóo que pasou as súas noites electorais máis agres como líder do PPdeG precisamente cando callou a división do voto de dereitas con relevantes fugas cara a Ciudadanos. Por exemplo, nas municipais de 2015 e, sobre todo, nas xerais de 2019, primeira -e ata agora, única- ocasión na que o PSdeG logrou ser a forza máis votada en Galicia.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.