Pacto bipartito PP-Vox para o Senado. As negociacións da formación que encabeza Alberto Núñez Feijóo coa extrema dereita liderada por Santiago Abascal cristalizan nun acordo para tentaren contrarrestar a alianza Senado de Progreso pechada polo PSOE e Fronte Ampla. Unha alianza con tres pólas, unha das cales inclúe a provincia de Pontevedra.
O secretario xeral do PP e cabeza de cartel dos de Feijóo pola Coruña ao Congreso, Miguel Tellado, ratificou este luns un pacto confirmado ao mesmo tempo por Vox. No caso galego implica que os ultradereitistas presenten un candidato por Pontevedra ao Senado no canto dos tres aos que terían dereito, mentres que os populares cubrirán os seus tres postos.
A intención deste acordo é que os votantes da formación ultra en Pontevedra marquen nas súa papeletas "o candidato de Vox e dous do PP", exemplifica Tellado. A mesma fórmula atinxe outras trece circunscricións, debullou Tellado: Sevilla, Huelva, Asturias, Badajoz, Araba, Navarra, Cáceres, Huesca, Zaragoza, Alacant, Granada, Cuenca e Jaén.
Na circunscrición pontevedresa e noutras trece Vox presenta un só candidato no canto dos tres aos que ten dereito coa intención declarada de que o electorado da formación de extrema dereita seleccione outros dous nomes do PP
A Cámara Alta elíxese cun sistema maioritario, non proporcional, e con listas abertas. O electorado selecciona unha, dúas ou tres opcións na súa papeleta, da mesma candidatura ou de candidaturas diferentes e os catro escanos que corresponden a cada circunscrición provincial (nas insulares son tres ou un) son para as catro persoas que reciban máis votos.
En 2023 as eleccións na provincia de Pontevedra ao Senado deron lugar a un reparto de tres postos para o PP e un para o PSdeG. Os representantes do PP obtiveron entre 220.000 (Pepa Pardo) e 212.000 votos (Nidia Arévalo) e a do PSdeG, Carmela Silva, case 187.000. Os candidatos de Vox oscilaran entre os 20.600 e os 23.800 votos. O pacto agora selado polos de Feijóo outorga ao partido de extrema dereita, potencialmente, maiores posibilidades de obter o que sería a primeira representación parlamentaria da súa historia en Galicia.
É así como se compón a parte do Senado que se designa nas eleccións xerais. A eses 208 membros súmanse os designados polos Parlamentos autonómicos (cada autonomía elixe un mínimo de un e outro por cada millón de habitantes ou fracción, tres en total no caso galego), que na lexislatura que remata foron 58.
O resto do pacto PP-Vox
A alianza dos de Feijóo cos de Abascal implica tamén que Vox non concorra en media ducia de circunscricións e os populares, en tres onde as súas posibilidades de ter representación eran practicamente nulas
As outras dúas pólas da alianza bipartita PP-Vox teñen como aspecto máis destacado que Vox non concorra coas súas siglas en media ducia de circunscricións: Las Palmas, Tenerife, Cádiz, València, Castelló e Balears. Neste caso cada candidatura do PP incluirá un nome "a proposta de Vox".
Por último, o PP accede a non presentar candidaturas ao Senado en tres provincias onde as súas posibilidades de obter representación eran practicamente nulas: Girona e Tarragona, onde nunca houbo senadores do PP. Tamén Gipuzkoa, onde hai case tres décadas que non o logran.
Afirma Tellado que este bipartito preelectoral das dereitas responde á súa vontade de "reconstrución nacional" e á convicción de que o Senado é "imprescindible" para as súas intencións. Entre esas intencións figura sumaren entre PP e Vox as tres quintas partes da Cámara Alta que lles permitisen, por exemplo, elixiren sen contar con ninguén máis as remudas dos membros do Tribunal Constitucional con mandato caducado, elección actualmente bloqueada precisamente polo PP. Tamén, agrega, para confrontar coas alianzas de esquerdas que, acusa, pretenden "alterar a vontade de cambio".