En maio de 2016 Alberto Núñez Feijóo sorprendeu o PPdeG no seu décimo sexto congreso ascendendo a Miguel Tellado á secretaría xeral. Substituía así no segundo posto organicamente máis relevante do partido ao seu titular dende unha década antes, Alfonso Rueda, enviado polo daquela presidente da Xunta a liderar o partido na provincia de Pontevedra para tentar endereitar o rumbo tras unha serie de sonoros fracasos que incluíran a perda da Deputación.
O ex-presidente reproduce na dirección estatal do PP o que xa fixera en Galicia e sitúa na secretaría xeral a quen antes fora voceiro exercendo con precisión a encomenda de zoupar na esquerda con paus tan grosos como pouco pulidos
Tellado fora elevado a ese cargo clave na sala de máquinas do PPdeG tras ano e medio exercendo de voceiro do partido como remuda de Paula Prado, que tivera que retirarse pola súa imputación no caso Pokémon -a investigación acabou sendo arquivada-. Na portavocía exercera con precisión a función encomendada: zoupar nas formacións da esquerda con paus dialécticos tan grosos como pouco pulidos: dende ligazóns co terrorismo ata as clásicas apelacións a Venezuela ou acusar de "envelenar" a veciñanza coa auga da traída ao daquela novo goberno municipal das mareas no seu Ferrol natal.
Estes e outros episodios semellantes pasaron, como é costume, por baixo de moitos radares xornalísticos de Madrid. Os mesmos que este 2 de xullo de 2025 expresaron sorpresa pola escasa moderación que, consideran diversas voces, supón que Feijóo aproveite o congreso que o partido celebra esta fin de semana para entregar a Tellado a secretaría xeral ata agora ocupada por Concepción Cuca Gamarra. Ou, o que é o mesmo, para reproducir mecanicamente na dirección estatal do PP o que xa fixera en Galicia.
Sorpresas intra M-30 á marxe, as súas intervencións nestes dous anos na Cámara Baixa non foron especialmente diferentes das protagonizadas en Galicia
Esas interpretacións críticas inclúen algúns dos exabruptos lanzados por Tellado dende que, tras as eleccións xerais de 2023, o antigo titular da Xunta o nomeou voceiro no Congreso. Sorpresas intra M-30 á marxe, as súas intervencións nestes dous anos na Cámara Baixa non foron especialmente diferentes das protagonizadas mentres en Galicia foi secretario xeral e tamén deputado dun grupo que no Pazo do Hórreo lideraba Pedro Puy, de perfil político e intelectual radicalmente distinto ao de Tellado, actualmente relegado no Congreso a un papel secundario no que continuará, toda vez que a nova voceira será a leonesa Ester Muñoz.
Considerar unha folga feminista como "o máis machista que se pode facer", ligar os grupos da esquerda en xeral e ao BNG en particular coa violencia, facer paralelismos entre o ambiente interno do PSdeG e o cheiro "dun can mollado" ou animar a "meter a man nos buzóns dos veciños" para retirar papeletas de partidos que non fosen o PP foron só algunhas mostras dun tempo no que tampouco aforrara ataques en clave estatal. Así, por exemplo, Tellado dera en afirmar que o representante do Ministerio de Traballo en Navantia cobraba cen mil euros anuais malia non ser certo ou acusara a Pedro Sánchez de non ter "decencia" nin "moral" por non axustar os horarios do toque de recollida durante a pandemia ao esixido por Feijóo

Cando, en 2016, o ex-presidente da Xunta o elixiu para a secretaría xeral do PPdeG, Feijóo ilustrou a designación cun paralelismo futbolístico. "Xa sei que me dirán que non é Cristiano Ronaldo ou Messi" pero "sería perfectamente Iniesta, que foi o capitán da selección española que gañou o Mundial", expresou para evidenciar a súa confianza en que executaría á perfección as súas decisións e, por extensión, as formulacións de quen en boa medida sempre foi número dous do agora líder estatal do PP con independencia de vicepresidencias ou secretarías xerais, a súa principal asesora, Mar Sánchez Sierra.
Unha das virtudes orgánicas de Tellado, iniciado politicamente no sindicalismo estudantil nacionalista e de esquerdas, é cumprir con exactitude o labor encomendado. Se cadra mesmo indo un chisco alén do solicitado, pero nunca quedando curto
E así sucedeu. Porque unha das virtudes orgánicas de quen se iniciou politicamente ben afastado do PP, participando como estudante de Políticas na Universidade de Santiago no nacionalista e de esquerdas Movemento Estudantil Universitario (MEU), escisión dos Comités Abertos de Facultade (CAF), é cumprir con exactitude o labor encomendado. Se cadra mesmo indo un chisco alén do solicitado, pero nunca quedando curto ou máis moderado.
Así seguirá sucedendo na nova xeira política de quen fora xornalista en medios locais de Ferrolterra, xefe de prensa do Concello ferrolán con Juan Juncal (2003-2007), xefe de gabinete da Consellería de Traballo con Beatriz Mato (2009-2011) e da alcaldía de Ferrol con José Manuel Rey (2011-2012). Nela, o cometido non será outro que turrar sen piedade para que Alberto Núñez Feijóo dea logrado agora o que non logrou en 2023, ser presidente do Goberno de España, e facelo cunha estratexia de ataque total nada diferente á utilizada en Galicia contra o Executivo de coalición de PSdeG e BNG, agora alimentada no Estado polos casos de corrupción que atinxen ao PSOE. Porque, ao cabo, quen toma as decisións non é Tellado, é Feijóo.