"Apostei pola renovación". É a explicación que, ás présas e de pasada na súa chegada ao recinto de Expourense, ofreceu Alberto Núñez Feijóo para xustificar o nome que viña de elixir como o seu número dous, o substituto de Alfonso Rueda como secretario xeral do partido. Cando practicamente todas as olladas se dirixían ao conselleiro de Política Social, José Manuel Rey Varela, Feijóo pousou a súa en Miguel Tellado, o deputado ferrolán a quen no último ano e medio lle veu correspondendo transmitir publicamente as mensaxes máis duras como voceiro do partido en substitución de Paula Prado, a quen remudou tras ser imputada -o proceso foi arquivado meses despois- no caso Pokémon.
Feijóo desbotou as opcións de Rey Varela ou Hernández, xerando sorpresa e mesmo incredulidade entre os asistentes
A elección de Tellado xerou sensacións de sorpresa, mesmo de incredulidade, entre os delegados e dirixentes que axisten ao conclave no que o presdiente do PP ourensán, José Manuel Baltar, exerce como anfitrión. A apenas seis meses das decisivas eleccións galegas Feijóo pon o que ata agora foi traballo de Rueda, controlar o complexo aparello dos populares galegos e o seu xogo de equilibrios, nas mans de quen ata a presente lexislatura era practicamente un descoñecido na política autonómica. Non en van, tras os seus dous anos como xefe de gabinete de Beatriz Mato na Consellería de Traballo, chegou á primeira liña da política galega tras exercer, a partir de 2011, a xefatura de gabinete da Alcaldía de Ferrol ás ordes, precisamente, do agora desbotado Rey Varela.
"Xa sei que me dirán que non é Cristiano Ronaldo ou Messi; sería Iniesta", di Feijóo do seu elixido
A traxectoria de Tellado, quen tras traballar en varios medios fora tamén xefe de prensa do Concello ferrolán con Juan Juncal (2003-2007), non estivo sempre ligada ao PP, nin sequera á dereita. Non en van, este licenciado en políticas pola USC nado en 1974 estivo, antes de achegarse aos populares, próximo a organizacións xuvenís do nacionalismo galego. Neste punto, resta saber se, alén de colocar o discurso máis duro do seu partido -nos últimos tempos Tellado foi quen, por exemplo, ligou a oposición galega co terrorismo, apelou recorrentemente a Venezuela ou acusou o goberno de Ferrol de "envelenar" a veciñanza coa auga-, é quen de asumir o segundo posto na xerarquía do PPdeG ou, o que é o mesmo, o control diario da formación alén das grandes decisións, que seguirán recaendo no presidente.
Feijóo eloxiou a Rueda, "bo e xeneroso", e evitou citar a Baltar, que intervén na xornada do domingo
Feijóo tentou contrarrestar a sorpresa entre os seus cunha primeira explicación da decisión en clave futbolística. "Xa sei que me dirán que non é Cristiano Ronaldo ou Messi", evidenciou. En todo caso "sería Iniesta, capitán da selección", ilustrou, nun contexto no que despide a Rueda como "bo e xeneroso", igual que "xenerosas comigo e co partido" foron tamén, di, os xa expresidentes provinciais José Manuel Barreiro, Carlos Negreira e Rafael Louzán. Para que non houbo cita ningunha foi para Baltar quen, non obstante, si subirá ao atril na xornada do domingo.
Así, con Tellado á súa beira, Feijóo afronta unha decisiva xeira cun organigrama do que desaparece a vicepresidencia, cargo simbólico ata agora ocupado por Barreiro. Segundo o listado de cargos da nova cúpula lida polo xefe do Goberno galego, o partido tampouco contará con voceiro como figura independente -o posto aglutínase na secretaría xeral- e nunha das vicesecretarías estará un dos que soou como candidato a número dous, Agustín Hernández, como responsable de acción sectorial. Tamén serán vicesecretarias a alcaldesa de Oímbra, Ana María Villarino (acción municipal), a rexedora de Moraña, María Luisa Piñeiro (acción electoral), e a concelleira en Lugo María Teijeiro (acción social).
Segundo o novo secretario xeral, que asegurou coñecer a decisión do presidente dende a noite do venres, esta nova distribución de responsabilidades non debe ser vista como unha "simplificación" da estrutura do partido. É, simplemente, unha "estrutura para o 2016", di.