Chiscadelas ao pacto de esquerda en Galicia ás portas da campaña

Leiceaga, Pontón e Villares, en actos de precampaña CC-BY-SA Praza Pública

Unha carreira electoral tamén está composta de sensacións e expectativas. E un percorrido pola contorna das principais forzas da esquerda en Galicia permite concluír que, ás portas da campaña electoral do 25S, nesa batalla vai en cabeza quen aspira a recuncar no poder, o PP de Alberto Núñez Feijóo. O impacto dos resultados das xerais de xuño, as escasas enquisas publicadas e o ritmo acelerado que tomou a vida política galega dende a convocatoria dos comicios provoca que non sexan poucas as voces de PSdeG, BNG ou En Marea que ven os conservadores a acariñar a súa terceira maioría absoluta consecutiva. No entanto tamén existen outras voces: as que lembran que as porcentaxes de voto ao PP nas últimas convocatorias electorais o deixan lonxe da absoluta. E as que apostan polas chiscadelas ao entendemento pola banda da esquerda para mobilizar o electorado que, por razóns diversas, poida decidir quedar na casa.

Cando xa pasou máis dunha década dende a campaña electoral na que PSdeG e BNG amosaron abertamente a súa vontade de pactaren se os números permitían desbancar a Manuel Fraga -dirixentes socialistas e nacionalistas mesmo acudiran naquel 2005 a convocatorias de colectivos cidadáns a prol do cambio de goberno-, os candidatos da esquerda que, a priori, máis probabilidades poderían ter de fiar esa alternativa, intercambian chiscadelas ao respecto. Pero fano, non obstante, nun clima ben distinto ao daqueles comicios, aos que o país chegaba despois de, por exemplo, as intensas protestas tras o naufraxio do Prestige ou contra a guerra do Iraq.

Na banda socialista a vitoria de Xoaquín Fernández Leiceaga nas primarias do partido interpretouse como o triunfo do sector máis proclive ao pacto. Nesta liña, tras ser elixido o propio candidato manifestaba o seu roteiro: "Imos tentar construír unha alternativa sólida e con capacidade de goberno e, a continuación, tentaremos que teña maioría parlamentaria como sempre se fixo en Galicia cando houbo cambio", isto é, "un goberno liderado polo Partido Socialista que negocia con outros partidos para ter apoios suficientes a partir dun programa", sinalou nunha entrevista con Praza.gal. Nesta liña, durante a precampaña o aspirante do PSdeG conxugou en diversas ocasións o verbo "liderar". Ese é o reto, seguir a ser a primeira forza da esquerda. 

Leiceaga aposta por "liderar" unha "alternativa sólida e con capacidade de goberno"

O liderado da esquerda é tamén un dos retos de En Marea, o efervescente espazo político alentado cara a este obxectivo polos resultados das municipais e xerais de 2015, pero aínda cun aquel de depresión por mor da caída nos comicios de xuño e pola treboada interna previa á integración con Podemos e as primarias. O candidato Luís Villares, acabado de chegar da xudicatura, amósase dende hai semanas disposto a "pactar" para "un cambio político transformador". "Que ninguén teña dúbidas disto", advirte, mesmo nun escenario no que En Marea ficase por tras do PSdeG. Nesta liña, este mércores amosouse convencido, nun acto na Coruña, de que "a partir do día 25 demostraremos que é posible a creación dun espazo de entendemento contra as políticas antisociais do PP". "Galicia van marcar o paso para acabar coa política do PP", tamén no conxunto do Esatdo, afirma.

Villares: "Demostraremos que é posible o entendemento contra as políticas antisociais do PP"

Na penúltima xornada da precampaña tamén foi cuestionada ao respecto a candidata do BNG, Ana Pontón. No transcurso dun almorzo informativo resaltou que "o diálogo" entre forzas políticas "non é malo para a cidadanía". "Foron bastante máis letais as maiorías absoluta de Feijóo", ilustra, nun contexto no que, como nas últimas semanas, se amosa convencida de que o Bloque será "chave" para un cambio político. Sempre que estivo "na man" do BNG, os populares non gobernaron, vén resaltando Pontón, quen se declara "sorprendida" por que Feijóo ataque con dureza un eventual tripartito en Galicia mentres reclama un para España entre o PSOE, Ciudadanos e o seu propio partido.

Pontón defende o "diálogo" e subliña que sempre que estivo "na man" do BNG, o PP non gobernou

Así arrincan as expectativas dun eventual cambio de goberno nun contexto no que, cando menos publicamente, as fontes demoscópicas seguirán sendo moi poucas. A que marcará o ritmo do inicio da campaña será a que o CIS publique no mediodía deste xoves, o inquérito máis completo e con maior mostra dos que se coñecerán sobre os comicios galegos ata o 25S. Mentres, na banda da dereita, Feijóo alerta dos perigos dunha eventual mudanza e aguilloa os seus asegurando ter "moi difícil" a absoluta. A mobilización e o medo ao cambio son tamén claves nunha campaña popular na que se pretende evitar que eventuais fugas de sufraxios a Ciudadanos ou Democracia Ourensana poidan acabar movendo escanos cara ao bando desfavorable.

Leiceaga e candidatos socialistas, este mércores en Vigo CC-BY-NC-SA PSdeG
Acto público de En Marea, o pasado martes en Ames CC-BY-NC-SA En Marea
Ana Pontón e Rubén Cela, ante a prensa este mércores CC-BY-NC-SA BNG

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.