Nicolás Maduro na precampaña municipal galega

O presidente de Venezuela, nun acto recente © Goberno de Venezuela

As declaracións institucionais son o mecanismo parlamentario a través do cal a Cámara galega se pronuncia oficialmente a respecto dun asunto concreto, especialmente se non entra directamente nas súas competencias, caso por exemplo dun conflito internacional, e a súa aprobación require da unanimidade dos grupos. Así, por exemplo, este mesmo mércores o Parlamento apoiou oficialmente a autodeterminación do Sáhara Occidental a través dunha destas declaracións e hai semanas non puido manifestarse na defensa do pobo palestino porque o PP se negou. Apenas dúas horas antes dese apoio ao pobo saharauí o pleno debateu unha proposición non de lei, figura parlamentaria destinada a instar á Xunta a tomar unha medida determinada, que non se dirixía ao Goberno galego, senón ao de Venezuela.

A apenas unha semana do inicio da campaña das eleccións municipais e mentres medios e dirixentes políticos ligan a forzas políticas da esquerda estatal co Goberno venezolano, os populares galegos apoiáronse nun recente debate do Parlamento Europeo para trasladar o asunto ao lexislativo galego. O PP considerou "necesario que o Parlamento de Galicia exprese a súa solidariedade coa cidadanía venezonala en xeral e a comunidade galega nese país en particular" e se "sume ás iniciativas que outras institucións democráticas están a aprobar para que reclame que se respecte en Venezuela os dereitos fundamentais". Así, redactaron e aprobaron unha proposta pola que o Parlamento galego debe "solicitar do Goberno de Venezuela que cumpra o disposto na súa Constitución" no que atinxe a dereitos como "liberdade de expresión" ou  "pluralismo político".

Beiras pregúntase "quen é o PP para falar de dereitos humanos" e o BNG ve os populares como "imperialistas fracasados"

Alén do paradoxo de que os populares reclamen o cumprimento da constitución bolivariana aproveitando un recuncho do regulamento parlamentario a iniciativa suscitou un duro debate que derivou na foto procurada polos conservadores: a de AGE e BNG votando en contra. O rexeitamento máis irado foi o protagonizado polo voceiro de Alternativa, Xosé Manuel Beiras, que entre lecturas de textos de Eduardo Galeano e Celso Emilio Ferreiro lamentou que o PP pida promocionar os "dereitos humanos" en Venezuela mentres practica "políticas racistas e xenófobas" coa emigración africana. "Quen son vostedes para vir falar de dereitos humanos?", preguntouse antes de lembrar que en 2003 o propio Grupo Popular "nin sequera aceptou dous minutos de silencio" polas vítimas da guerra de Irak.

O PSdeG votou a prol pero ve "lamentable" a actitude do PP

Ademais das de Beiras, apercibido -pero non expulsado- por dirixirse aos escanos dos deputados populares para increpalos, a iniciativa tamén foi rexeitada polo Bloque, cuxa deputada Montse Prado parafraseou a Castelao para considerar os populares uns "imperialistas fracasados" e censurar que apelen á liberdade de expresión do pobo venezolano mentres impulsa a "lei mordaza" en España. Tamén a voceira socialista, Marisol Soneira, considerou "lamentable" a actitude do PP, que procurou "chinchar" coa única "finalidade" de "examinar" a AGE e BNG". Os socialistas, non obstante, votaron a favor porque, din, o goberno de Nicolás Maduro "está perseguindo á oposición".

Tellado (PP) sentencia que Alternativa e Bloque "non merecen representar os galegos"

Tras as tomas de posición dos diferentes grupos o voceiro do PP, Miguel Tellado, saíu en tromba contra Alternativa e Bloque. "Acuden a teorías conspirativas internacioanis para non sumarse á defensa da democracia e as liberdades", di, mentres degradou as emendas presentadas á categoría de "insulto á intelixencia dos demócratas". Para ambos grupos, acusa, as "vidas" dos "galegos que viven en Venezuela non valen nada". "Non merecen ocupar o escano no que están sentados, non merecen representar os galegos e galegas", acrecentou, atribuíndolles a abmos grupos unha "escasa vontade democrática" e recomendándolle concretamente a Beiras que "marche e non volva" para "facerlle un favor á democracia".

Seguir lendo en Propósito de emenda, o espazo de crónica política do Obradoiro de Praza

O presidente de Venezuela, nun acto recente © Goberno de Venezuela

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.