"Europa confirma lo que llevamos diciendo meses: el Gobierno de la mentira de Sánchez y su ministra de trabajo Yolanda Díaz, manipulan las cifras del paro". Quen escribe é Miguel Tellado, vicesecretario de organización do PP, no último ano senador por designación do Parlamento de Galicia e actualmente cabeza de lista dos populares pola Coruña para as eleccións xerais do 23 de xullo.
O cabeza de lista do PP pola Coruña e outros cargos esgrimen datos de Eurostat sobre oferta e demanda de emprego para acusar o Goberno de España de "manipular as cifras do paro" malia non reflectir tal
Tellado lanzou esa afirmación o pasado luns nas redes sociais xunto cunha ligazón a unha noticia do xornal El Economista titulada "Bruselas detecta 985.000 parados 'ocultos' en España y más de 1 millón de infraempleados". A lectura do texto completo amosa ás claras que, alén do titular efectista, a información non recolle que a Unión Europea detectase ocultación ningunha, senón que se limita a salientar varios datos recompilados por Eurostat, a oficina estatística da Comisión Europea, sobre os desaxustes entre oferta e demanda de emprego.
Como explica a propia Eurostat, ese "desfase" ou "folgura" do mercado laboral (en inglés, "labour market slack") mide variables que van máis alá dos criterios da Organización Internacional do Traballo (OIT) para cuantificar unha persoa como desempregada. Por exemplo, cuantifica a poboación en situación de desemprego pero que xa non busca traballo activamente porque se desanimou ou a que busca emprego pero non está en condicións de incorporarse inmediatamente. A cifra -como refire tamén a información de El Economista, alén do titular, está en mínimos no caso español-. Tamén analiza cantas persoas desexarían traballar máis horas e en mellores condicións, entre outros aspectos.
No último ano foron varias as ocasións nas que Feijóo e outros cargos sinalaron supostas "maquillaxes" dos datos do paro mentres o Goberno galego do PP, ao tempo, se gababa deles
A acusación de Tellado, replicada por outros cargos da dirección do PP que encabeza Alberto Núñez Feijóo, non é nova. Nin no actual contexto, co ex-presidente como líder estatal do seu partido, nin no pasado, cando Feijóo optaba á presidencia da Xunta como líder da oposición ao Goberno de PSdeG e BNG (2005-2009).
Así, por exemplo, durante os últimos meses foron varias as ocasións nas que Feijóo e outros cargos confrontaron datos positivos de paro rexistrado ou da Enquisa de Poboación Activa afirmando que esas cifras estaban "maquilladas". Entre os dirixentes que secundaron a estratexia estivo tamén o actual presidente da Xunta, Alfonso Rueda, aínda que ao mesmo tempo atribuíu os bos datos do mercado laboral á xestión do PP en Galicia.
Rueda, precisamente, foi o encargado hai catorce anos de acusar o Goberno de PSdeG e BNG de ocultar datos do paro. Fíxoo, concretamente, o 24 de febreiro de 2009, cando faltaba menos dunha semana para as transcendentais eleccións do 1 de marzo. A través dun comunicado remitido á prensa, na súa condición de secretario xeral e xefe de campaña do PPdeG Rueda esixía que a Xunta publicase o "indicador de paro adiantado" para aquel mes de febreiro antes das eleccións para que a poboación puidese "coñecer o descalabro da economía galega".
Como secretario xeral do PPdeG e xefe da campaña de Feijóo en 2009, Rueda esixiu a publicación do "indicador de paro adiantado", que non existe, para acusar a PSdeG e BNG de pretenderen ocultar as cifras de paro rexistrado antes das eleccións
Ese "indicador de paro adiantado" non existía daquela e non existe na actualidade, ao contrario do que si sucede con outros indicadores económicos, coma o IPC, do que os institutos estatísticos oficiais ofrecen cifras adiantadas ou provisionais antes de publicaren as definitivas. O propio Feijóo reproduciría nos días seguintes os argumentos daquel comunicado, no que Rueda tamén acusaba a Xunta de "maquillar" as listas do paro para "reducir artificialmente" as cifras.
O 3 de marzo, na data correspondente polos calendarios habituais desta estatística, foron publicadas as cifras do paro rexistrado polo Ministerio de Traballo e recollidas, como adoito, polo Instituto Galego de Estatística. Apenas medio ano despois da caída de Lehman Brothers e no inicio dunha profunda crise económica internacional, o paro rexistrado situouse en 206.570 persoas, case 45.000 máis que un ano antes. A tendencia continuaría á alza durante tres anos máis, ata tocar teito en febreiro de 2013, con 292.823 persoas inscritas nas oficinas de emprego como demandantes.
Tras a chegada de Feijóo á Xunta, o paro rexistrado non tocou teito ata 2013 e o desemprego detectado pola EPA seguiu subindo ata 2014
No caso da Enquisa de Poboación Activa, que mide variables distintas e é a homologable a nivel internacional, o máximo de poboación en situación de desemprego en Galicia chegou un ano despois, a principios de 2014, con 296.900 persoas no paro.
Ante aqueles datos, Feijóo -que fora reelixido como presidente da Xunta en 2012- cuestionou que as cifras da EPA fosen correctas e, na mesma declaración, puxo en dúbida que parte da poboación desempregada quixese atopar un posto de traballo ao non estar inscrita nas oficinas de emprego. Isto é, polo efecto desánimo que é precisamente o que mide, entre outros aspectos, a estatística de Eurostat que agora esgrime o PP como suposto sinal de manipulación malia non corresponderse coa realidade.