O pasado novembro o presidente do Goberno de España ironizou no Senado para expoñer o método co que, dixo, é posible saber que é o que vai facer Alberto Núñez Feijóo como líder do PP. Abonda con observar as portadas "da prensa conservadora" e agardar ata que siga a liña marcada, chanceou para caricaturizar a ruptura do pacto para renovar o Consello Xeral do Poder Xudicial por parte do ex-presidente da Xunta tras posturas editoriais claramente contrarias en varios medios de liña editorial dereitista.
Sánchez afirma que abonda con ollar á "prensa conservadora" para saber o que vai facer Feijóo. Ten tamén a opción de botar man doutro guieiro: o sucedido en Galicia de 2006 a 2009
Alén da sincronía entre eses titulares e as decisións de Feijóo á fronte do seu partido, Pedro Sánchez tería tamén a opción de botar man doutro guieiro para prever os seguintes movementos do presidente dos conservadores: ollar cara ao sucedido en Galicia de 2006 a 2009. Tras máis de medio ano no cargo, o antigo xefe do Goberno galego e o seu equipo asesor de confianza veñen acreditando reiteradamente a reciclaxe de múltiples elementos que xa empregaran na súa etapa de oposición ao Executivo do PSdeG e do BNG en Galicia (dende 2006, cando remudaron o equipo de Fraga, ata 2009, cando lograron a presidencia da Xunta), cuxo nacemento o propio Sánchez viviu de primeira man. Tamén nos seus primeiros pasos no retorno ao poder.
O manual de asedio estreado en Galicia hai década e media desprégase agora dende a madrileña rúa de Génova dende a primavera de 2022. Faino con elementos clave como presentar a situación política ao xeito dunha emerxencia permanente, caricaturizar o Executivo da esquerda como amante do luxo e do desbalde mentres está preso de minorías extremistas ou esixir dimisión no socio minoritario da coalición gobernante.
As semellanzas son obvias entre o plan de 2009 e o 'remake' de 2023, pero cunha excepción. Daquela Feijóo aínda non tiña o control orgánico completo no PPdeG, pero tampouco tiña que temer que ningún contrapoder interno fixese sombra á súa estratexia de proxección como líder
Nesta liña, esta semana o equipo asesor encabezado por Mar Sánchez Sierra puxo en escena o que fora outro dos seus fitos de oposición no PPdeG. Como en febreiro de 2009, escasos días despois de enviar -sen Feijóo- unha ampla delegación do partido a unha manifestación impulsada pola extrema dereita, os populares artellaron unha escenografía pretendidamente institucional na que dar a Feijóo fasquía presidencial e, nese marco, asinar un "contrato" redactado polo propio PP con diversas esixencias de "rexeneración democrática". Daquela dixo aspirar a cumprilo cunha nota non inferior a "sobresaliente" no seu primeiro mandato na Xunta.
As semellanzas son obvias entre o plan de 2009 e o remake de 2023, pero cunha excepción. Naquela altura, aínda que Feijóo e o seu equipo aínda non contaban cun control orgánico completo no PPdeG -sobre todo en Ourense-, tampouco tiñan que temer ningún contrapoder interno que fixese sombra á súa estratexia de proxección do líder. Agora o panorama é outro e, apenas vinte e catro horas despois da sinatura do reciclado "contrato", a madrileña Isabel Díaz Ayuso volveu ocupar o centro do escenario da dereita co amplísimo balbordo xerado en torno ao seu nomeamento como ex-alumna ilustre na Universidad Complutense de Madrid, as manifestacións en contra e a prol e as súas propias declaracións ao respecto.
Malia este atranco non semella, en todo caso, que a estratexia da reciclaxe na estratexia de Feijóo vaia cesar. Deste xeito, ante a proximidade das citas electorais cabe agardar que medren, por exemplo, as acusacións de desbalde que ata agora o PP centra no uso por parte de Pedro Sánchez dos transportes oficiais propios da presidencia do Goberno de España. Cabería agardar, por exemplo, episodios semellantes á denuncia pública lanzada polos populares en 2008 sobre a suposta existencia "dun mini-bar" dun "coche oficial de súper-luxo" no vehículo que utilizaba Anxo Quintana (BNG) como vicepresidente da Xunta.
Aplicando o manual, as 'candidatas' para seren destinatarias de acusacións de "desbalde" e "súper-luxo" como as de 2009 por parte do equipo de Feijóo ben poden ser, por exemplo, Yolanda Díaz ou Irene Montero
Aplicando o manual, as candidatas para seren destinatarias de acusacións semellantes ben poderían ser Yolanda Díaz, vicepresidenta segunda e ministra de Traballo, ou Irene Montero, ministra de Igualdade. Os seus postos no Goberno e roles partidarios sitúanas en posicións políticas parecidas ás de Quintana no Goberno que presidía Emilio Pérez Touriño e, polo tanto, en susceptibles de seren albo de acusacións semellantes.
Tamén de campañas negativas en segundo plano, como acusacións e insinuacións sobre as súas vidas privadas, envíos de correos anónimos aos medios de comunicación e outras accións como as vividas en Galicia en vésperas das eleccións de 2009. Os populares negaran ser autores de todo aquilo.