Dende maio do ano pasado, o ex-presidente da Xunta Alberto Núñez Feijóo é senador por designación polo Parlamento de Galicia, cargo ao que accedeu para poder contar cun escano nas Cortes dende o que confrontar con Pedro Sánchez. Dende aquela formulou apenas media decena de iniciativas, as dos debates co presidente do Goberno de España. Ningunha delas ten relación ningunha con Galicia.
Canda Feijóo marchou tamén ao Senado en representación do Parlamento galego Miguel Tellado, quen dende 2016 fora secretario xeral do PP de Galicia. Tellado, ao contrario que Feijóo, si leva formuladas algunhas iniciativas ligadas con Galicia. Non obstante, o groso da súa actividade política en Madrid céntrase no seu novo posto de vicesecretario de organización do PP, o home de Feijóo para o aparello do partido.
Dende este posto orgánico, Feijóo encomendou a Tellado que este 21 de xaneiro encabezase a comitiva do PP na manifestación contra o Goberno de España do PSOE e Unidas Podemos convocada en Madrid pola fundación Foro Libertad y Alternativa, que deu abeiro a múltiples organizacións da extrema dereita co partido Vox á fronte. Xunto a Tellado acudiron outros cargos dos populares, entre eles Adrián Pardo, deputado no Parlamento de Galicia e presidente das Novas Xeracións do PPdeG.
Os populares lanzan contra Sánchez e o Goberno de España acusacións como estar inmersos nunha "deriva" na que o Estado está "dirixido" por EH-Bildu e ERC
Como informa Marta Monforte para infoLibre, a manifestación -á que acudiron unhas 31.000 persoas, segundo a Delegación do Goberno de España en Madrid- transcorreu entre peticións de dimisión e descualificacións como "ditador" ou "golpista" dirixidas a Pedro Sánchez. Na protesta abondaban as bandeiras españolas co escudo oficial ou sen el, pero tamén foron vistas bandeiras co escudo da ditadura e outras habituais da extrema dereita, como as dos Terzos de Flandres.
Os organizadores da marcha aseguran que a súa maniestación ten como entre os seus obxectivos alertar de que "os réximes democrátcos poden mutar sen alzamentos militares a populismos colectivistas", algo que ao seu xuízo está a acontecer en España. Tellado, en declaracións aos medios, afirmou que o PP comparte que o Estado está inmerso nunha "deriva" porque o "dirixen" EH-Bildu e Esquerra Republicana de Catalunya, toda vez que o Executivo español atende "demandas do populismo de extrema esquerda".
A reforma do Código Penal para modificar o delito de sedición ou as consecuencias da lei de liberdade sexual en forma de reducións de condenas nalgúns casos son mesturadas por Tellado con outras acusacións como que Sánchez, afirma, "bota das estradas de Navarra á Garda Civil", en referencia ao traspaso de competencias de tráfico a esa autonomía, transferencia que o propio PP chegou a apoiar nese territorio e tamén en Galicia ata que freou entre presións da extrema dereita. "O que lle pedimos [a Sánchez] é que non vale todo", concluíu.
Na súa etapa de oposición en Galicia Feijóo tamén apoiou que o PP se adherise a unha mobilización 'ultra', daquela para denunciar unha suposta "ditadura" lingüística, e igual que agora tamén evitou acudir
Feijóo, como estaba previsto, non participou na manifestación. Si a apoiou a través de Twitter onde, referíndose á presenza da comitiva encabezada por Tellado, cualificou a protesta como "defensa da democracia e da Constitución con serenidade e argumentos", lonxe "do ruído independentista e das comparacións gratuítas", afirmou.
Non é a primeira vez que Feijóo apoia que o PP secunde unha mobilización de cariz ultra pero evita acudir persoalmente. Así sucedeu, por exemplo, na súa etapa na oposición en Galicia, cando en vésperas das eleccións de 2009 o PPdeG enviou unha ampla representación á protesta convocada pola asociación denominada Galicia Bilingüe -agora integrada na plataforma Hablamos Español, tamén presente na protesta deste sábado en Madrid a través da que xa era a súa cabeza visible daquela, Gloria Lago, e outros membros- para denunciar unha suposta "ditadura" lingüística e a "imposición" do galego. Naquela ocasión, Feijóo puxera na súa axenda unha viaxe preelectoral a Sudamérica para as mesmas datas e á fronte da comitiva situara ao secretario xeral do PPdeG, o actual presidente da Xunta, Alfonso Rueda.