O pasado 25 de novembro Alberto Núñez Feijóo cumpriu medio ano como senador por designación do Parlamento de Galicia. Accedeu ao cargo tras abandonar a presidencia da Xunta para dedicarse a tempo completo ao liderado estatal do PP en substitución do defenestrado Pablo Casado coa intención de ter un asento nas Cortes dende o que ter a oportunidade de confrontar co presidente do Goberno de España.
A actividade do ex-presidente como senador limítase ata agora a dúas preguntas a Sánchez e outras tantas respostas en comparecencias do titular do Goberno de España
Alén desa intención declarada de ter un foro no que debater contra Pedro Sánchez ante a imposibilidade de acceder a un escano no Congreso dos Deputados, o certo é que Feijóo accedeu á que constitucionalmente é a Cámara de representación territorial do Estado como representante de Galicia. Tan certo como que, seis meses despois, o antigo xefe do Goberno galego leva formuladas apenas catro iniciativas como senador e que ningunha delas está vinculada co país.
Tal e como amosa a información oficial do Senado, ata o momento Feijóo utilizou a Cámara Alta única e exclusivamente para exercer como líder do PP fronte a Sánchez. Niso consisten as devanditas catro iniciativas. Dúas delas foron senllas preguntas para outras tantas sesións de control: "Considera o presidente do Goberno que o seu Executivo está á altura das necesidades das familias españolas?", en maio, e "Vai seguir reformando o Código Penal para favorecer a membros do seu partido e aos seus socios de Goberno?", en novembro.
Tellado, que accedeu canda Feijóo ao Senado, leva rexistradas unha vintena de iniciativas, a maioría ligadas con Galicia. Neste tempo, o terceiro senador por Galicia, o socialista Leiceaga, tramitou 21 preguntas e participou en varios debates e iniciativas lexislativas
As outras dúas iniciativas do senador Feijóo son as súas intervencións en resposta a dúas comparecencias do xefe do Goberno español o 6 de setembro e o 18 de outubro. O seu expediente complétase, ata o momento, co trámite da toma de posesión. Todo semella indicar, ademais, que a listaxe de iniciativas non aumentará no que queda de ano, toda vez que o PP evitou solicitar unha última sesión de control ao Goberno no Senado antes da fin de 2022, o que a efectos prácticos supón renunciar a un novo 'cara a cara' de Feijóo fronte a Sánchez.
A discreta actividade parlamentaria de Feijóo contrasta coa do outro senador designado polo Parlamento ao mesmo tempo ca el, Miguel Tellado, que fora secretario xeral do PPdeG e que foi enviado polo partido ao Senado cadrando coa súa entrada na dirección estatal do partido ao carón do ex-presidente, no seu caso como vicesecretario de organización. Tellado, que leva sendo senador por Galicia exactamente o mesmo tempo que Feijóo, rexistrou ata agora 19 preguntas escritas e realizou outras tres en pleno, unha vintena de iniciativas das que unha amplísima maioría están ligadas directamente con Galicia.
Neste mesmo período de medio ano, o terceiro senador por designación do Parlamento de Galicia, o socialista Xoaquín Fernández Leiceaga, leva rexistradas 21 preguntas escritas, todas elas sobre Galicia. Ademais, neste tempo defendeu unha moción nunha comisión, participou nos debates doutras catro en pleno e participou no proceso de elaboración de dúas leis, entre outras actividades. Precisamente o grupo do PSOE vén sinalando a Feijóo pola súa escasa actividade como senador e algúns dos seus membros mesmo destaca as súas ausencias en diversas votacións.