"Velar" polo castelán, "dereito" á educación privada ou cambio climático "realista": os novos principios do PP de Feijóo

Presentación este martes en Sevilla do novo relatorio político do PP para o congreso que revalidará a Feijóo como o seu presidente © PP

O relatorio político co que Feijóo vai actualizar o ideario do PP fixado por Rajoy en 2017 elude cuestións como o aborto, a prostitución ou a relixión e en lugar de eutanasia fala dun mellor sistema de coidados paliativos

O congreso do PP que do 4 ao 6 de xullo vai revalidar en Madrid a Alberto Núñez Feijóo como o seu presidente estatal tamén actualizará o ideario político do partido e renovará o aprobado baixo a presidencia de Mariano de Rajoy en 2017. O borrador de relatorio político elaborado pola dirección de Feijóo, que agora pode recibir emendas, comeza facendo unha defensa da Transición, "quizais, a nosa maior xesta", malia que no seu momento só a metade de Alianza Popular, da que naceu o PP, apoiou a Constitución.

O texto do relatorio político agora feito público fai unha defensa de España reclamando "máis nación, menos nacionalismo", do que di que "nace do supremacismo e dunha visión egoísta da patria". Nesa liña, defende "un Estado das Autonomías racional e viable". 

Feijóo no último comité de dirección do PP © PP

En materia de linguas, o PP de Feijóo di defender "un bilingüísmo cordial que busque a convivencia equilibrada entre as linguas cooficiais nos distintos territorios". Pero esa convivencia restrínxena os populares nas institucións estatais. "Velaremos polo uso da lingua común no Congreso dos Deputados e manteremos a posibilidade de uso de linguas cooficiais no Senado", di o texto, o que suporía que galego, éuscaro e catalán deixen de falarse na Cámara Baixa. 

O PP pide "máis nación, menos nacionalismo" e un país "que non persiga aos seus empresarios máis exitosos"

O relatorio político evita entrar en cuestións historicamente polémicas no PP como o aborto ou a prostitución. Nada se di deses temas máis alá de que "hai que defender a vida" e "a dignidade de toda vida humana". Tampouco fala da eutanasia, pero si defende "a necesidade de garantir os coidados que sexan necesarios a quen máis o necesitan ata o último suspiro. Escollemos a cultura da vida digna sempre e, para iso, comprometémonos cun sistema de coidados paliativos mellor dotado e humanizado".

En materia educativa, o PP de Feijóo di crer "na liberdade e, por iso, ademais de reforzar a educación pública, protexeremos, sempre, as ensinanzas concertadas e especial, e o dereito a optar tamén a unha educación privada". 

Feijóo na manifestación contra Pedro Sánchez de hai dúas semanas © PP

Sobre o cambio climático, o novo PP di abordalo "coa importancia que require, pero desde un diagnóstico exclusivamente científico". E engade que "as políticas climáticas non poden construírse a costa do benestar e as oportunidades da xente e a transición económica debe ser ordenada, realista e xusta", fuxindo de "políticas climáticas baseadas en prazos moitas veces irrealizables".

Finalmente, en materia económica os populares defenden "un país onde o Estado non asfixie con impostos" e "que non persiga aos seus empresarios máis exitosos".

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.