Alén de reciclar ou reproducir diversas estratexias políticas e mesmo estéticas aplicadas en Galicia tanto dende a oposición ao Goberno de PSdeG e BNG como dende a Xunta, o ex-presidente Alberto Núñez Feijóo e o seu equipo de asesores veñen de pechar tamén a súa proposta programática para as eleccións xerais do 23 de xullo. O documento, presentado este pasado martes, resume en 365 medidas -unhas máis ou menos concretas, outras en clave de intencións máis ou menos xerais- o plan que, din, Feijóo aplicaría no caso de lograr maioría dabondo como para ser investido presidente do Goberno de España.
O programa do PP promete condicionar ao consentimento paterno o dereito ao aborto das mozas de 16 e 17 anos. Segundo Feijóo, en caso de discrepancia decidiría "un xuíz de familia"
Algunhas destas medidas programáticas concretan en letra as intencións lanzadas por Feijóo en diversas intervencións en medios de comunicación e actos de partido e, alén da xestión diaria, atinxen a aspectos ideolóxicos claramente ancorados na dereita. Nalgúns casos, con promesas máis ou menos claras de retrocesos en dereitos cidadáns, caso da interrupción voluntaria do embarazo ou a eutanasia, ou de contrarreformas mediante derrogacións como a da lei da memoria democrática. En ningún punto do texto hai mencións a Galicia.
No referido ao dereito ao aborto, o plan de Feijóo é recuperar e mesmo endurecer a contrarreforma introducida polo Goberno do PP de Mariano Rajoy en 2015, despois de renunciar, no medio de fortes protestas, ao recorte máis profundo do dereito que abandeirara o ministro Ruiz-Gallardón. Así, os conservadores prometen agora que as mozas de 16 e 17 anos xa non poderán interromper un embarazo conforme aos prazos legais se non contan co consentimento dos seus pais.
Concretamente, o punto 129 do programa do PP asegura que, se gobernan, introducirán na lei "o consentimento dos titulares da patria potestade previo á realización do aborto nas mozas menores de idade". Aínda que o programa non o explicita, Feijóo asegurou nos últimos días ser partidario de que, en caso de negativa paterna, sexa "un xuíz de familia" o que decida.
O programa tamén promete "revisar a lei de Eutanasia"
No que atinxe ao dereito á eutanasia, protexido por lei dende hai dous anos, o programa popular é menos explícito. O PP promete "revisar a Lei de Eutanasia tomando en consideración a opinión do Comité de Bioética". A pasada semana, nunha intervención televisiva, Feijóo expresábase tamén neste sentido, obviando que profesionais da medicina e da bioética xa están obrigados legalmente a avaliar e ditaminar cada solicitude de eutanasia. A promesa inclúena no punto 139 na que, como na devandita entrevista en El hormiguero (Atresmedia), mesturan o dereito á eutanasia co "impulso aos coidados paliativos".
A volta do conde de Fenosa
Deixar sen efecto o que o PP denomina "mal chamada Lei de Memoria Democrática" suporía restituír o condado de Fenosa e o señorío de Meirás e liberar o Goberno de España da obriga de colaborar na exhumación das vítimas da ditadura
Alén destes dereitos, o programa do PP tamén atende as reivindicacións dos sectores máis á dereita do propio partido, mais tamén da extrema dereita de Vox e dalgúns medios de comunicación, prometendo a "derrogación da mal chamada Lei de Memoria Democrática". Prométeno, din, para "recuperar a concordia e o acordo" e substituíla por unha lei distinta que "reforce os principios democráticos e a reconciliación nacional" nunha "sociedade (...) que aspira á xustiza e ao recoñecemento da verdade".
Esa eventual derrogación, no caso de producirse, tería entre as súas consecuencias a restitución de honras e títulos nobiliarios concedidos pola ditadura, caso do condado de Fenosa ou do señorío de Meirás. Ademais, o Goberno de España quedaría liberado da obriga de colaborar na busca e exhumación de vítimas da ditadura e podería continuar sen atrancos, entre outros aspectos, a actividade de organizacións de exhaltación dos golpistas como a Fundación Francisco Franco.