A ofensiva antiabortista do bipartito de PP e Vox que goberna en Castilla y León, con anuncios como unha suposta obrigatoriedade de ofrecer a escoita do latido fetal ás mulleres que se acollan ao dereito a interromper o embarazo, deu lugar a un amplo balbordo social e político. Así, diversas organizacións feministas amosaron o seu claro rexeitamento e o Goberno de España, a través dun requirimento formal, advertiu o Executivo castelán e leonés de que non pode contravir a lexislación vixente sobre o aborto, agregando que o seu arsenal xurídico inclúe, en última instancia, a intervención directa a través do artigo 155 da Constitución.
Tras lograr a maioría absoluta en 2009, a primeira iniciativa lexislativa que impulsou o PP de Feijóo foi a da 'Red Madre' formulada polo Foro Español de Familia
O plan antiabortista do partido de extrema dereita en Castilla y León, na liña de gobernos ultradereitistas coma o húngaro, fixo regresar ao primeiro plano da política estatal a coalición selada polos populares nesa autonomía tras as eleccións de febreiro de 2022, xestado aínda con Pablo Casado como líder da formación pero selado cando o ex-presidente Alberto Núñez Feijóo xa o substituíra. Como naqueles primeiros días á fronte do PP, Feijóo atópase na axenda cun asunto incómodo e controvertido, o dereito ao aborto e o seu eventual recorte, que así e todo el mesmo axitou dende a oposición en Galicia e tamén nos seus primeiros tempos como presidente da Xunta. Non en van, como máximo mandatario galego foi pioneiro en protexer por lei as teses antiabortistas.
No ano 2007, durante o mandato do Goberno galego de PSdeG e BNG, o Foro Español de la Familia lanzou tamén en Galicia a súa iniciativa lexislativa popular antiabortista denominada Red Madre, coa que pretendían que os diferentes gobernos autonómicos desen soporte e financiasen a súa rede de centros. En 2008 deran xuntado as sinaturas precisas para tramitala, se ben socialistas e nacionalistas evitaran axilizala e a cuestión quedou para a seguinte lexislatura. En 2009 o PP logrou a maioría absoluta e a primeira iniciativa lexislativa que impulsou no Parlamento foi precisamente a da Red Madre, tomada en consideración menos dun mes despois da chegada de Feijóo á presidencia e aprobada definitivamente como lei a principios do verán de 2010.
A lei deu promoción legal á entidade antiabortista, despregada no territorio mediante asociacións que só nos últimos catro anos levan recibidos uns 300.000 euros da Xunta, que tamén lle cedeu espazos públicos para a súa actividade
Oficialmente, a lei promovida polo Foro Español de la Familia e asumida como propia polo PP de Feijóo -PSdeG e BNG votaran en contra- tiña como propósito "establecer e regular unha rede de apoio á muller embarazada". A norma deu cobertura legal á denominada Red Madre e a entidade antiabortista pasou a asumir funcións como o asesoramento a mulleres xestantes con dificultades socioeconómicas. Non en van, formalmente a súa actividade adoita ser presentada como unha iniciativa de "acompañamento á muller para superar calquera conflito xurdido ante un embarazo imprevisto", sen mencionar abertamente o seu carácter antiabortista.
Aínda que a matriz da Red Madre é unha fundación -actualmente está presidida María Torrego e no seu padroado figura Francisco Vázquez, antigo alcalde da Coruña e ex-militante do PSOE-, o seu despregamento territorial realizouse, sobre todo, a través de asociacións con personalidade xurídica de seu. En Galicia son tres: Redmadre Coruña -con delegacións na Coruña e Santiago- Redmadre Pontevedra -con sedes en Pontevedra e Vigo- e Redmadre Ourense.
A través delas veñen logrando diversas axudas da Xunta que só nos últimos catro anos (dende 2019) suman algo máis de 295.000 euros, segundo a base estatal de subvencións do Ministerio de Facenda. En anos anteriores obtiveran tamén outros subsidios para, por exemplo, sufragar gastos de persoal. Tamén lograron cesións de espazos públicos como un piso destinado a fins de emerxencia social proporcionado polo Concello de Santiago mentres gobernou o PP (2011-15) -despois retirado polo goberno de Compostela Aberta- e, máis recentemente, un espazo na área para colectivos do eido "social, cultural ou sanitario" da nova sede da Xunta en Pontevedra. Estes e outros grupos intensificaron nos últimos anos a intensidade da súa actividade e mobilizacións para opoñérense á nova lei de saúde sexual que impulsa o actual Goberno de España do PSOE e UP.
Alén destas achegas e axudas directas da Xunta, a aprobación da lei da Red Madre trouxo consigo a difusión das mensaxes da organización en espazos públicos e o desenvolvemento de normativas anexas como o "protocolo de renuncia de bebés no hospital" aprobado polo Consello da Xunta en 2012. Segundo indicara o Goberno galego daquela, a intención do documento era a "promoción" entre as mulleres que agardan un bebé, sobre todo en casos de embarazo non desexado, "da acollida e da adopción como alternativas eficaces para permitirlles seguir adiante" coa xestación.
O espírito da lei da Red Madre impregnou outras normativas da Xunta como as que recoñecen os "concibidos non nados" como "un membro máis da unidade familiar" para diversos trámites e axudas
O espírito da lei da Red Madre impregnara tamén outras leis posteriores. Así, por exemplo, fora especialmente significativo que a lei de apoio á familia e á convivencia de Galicia, aprobada en 2011, regulase xunto a outros aspectos da política social a "asimilación a descendente" do "fillo ou filla concibido ou concibida" para realizar diversos trámites ou solicitar certas axudas do Goberno galego. A lei facultaba tamén o Goberno galego para financiar "campañas de sensibilización destinadas á concienciación social da importancia da maternidade, ao fomento da natalidade e á protección do dereito á vida en formación".
Na mesma liña, o primeiro Plan integral de apoio á muller embarazada de Feijóo como presidente contemplaba a "valoración da vida en formación (nasciturus) como un membro máis da unidade familiar aos efectos das axudas previstas en materia de vivenda", en baremos para o acceso a prazas de colexios" ou outras "materias sociais". Ata 2019, segundo confirmada daquela a Consellería de Política Social a Praza.gal, a Xunta expedira "algo máis de 400 certificados" para que os "concibidos non nados" sexan "asimilados á categoría de descendentes".
Naqueles anos o PPdeG presentara estas medidas como contraposición á lei do aborto aprobada por folgada maioría absoluta no Congreso en 2010, a coñecida como lei de prazos. Así, por exemplo os populares galegos defendían en 2012 no Parlamento a necesidade de frear o que descualificaran como "aberracións" do "desgoberno socialista" de Zapatero, ao cal atribuíran unha suposta "utilización incontrolada" da pílula poscoital e do propio aborto "como métodos anticonceptivos". O certo é que, como amosa o gráfico sobre estas liñas, dende a aprobación da lei de 2010 e ata os últimos datos dispoñibles (2019), as cifras de interrupcións voluntarias do embarazo descenden ano tras ano.
O feito de que fose o Goberno de Feijóo o que adiantase medidas antiabortistas coma estas lembrábao este luns a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, que preguntada sobre a controversia proveniente de Castilla y León considerou preciso lembrar que "unha das primeiras decisións" do agora líder do PP á fronte da Xunta foi "poñer en marcha un apoio público para unha rede antiabortista". O PSdeG, pola súa banda, anunciaba tamén este luns a súa intención de cuestionar no Parlamento de Galicia ao presidente Alfonso Rueda se pretende permitir ou implantar en Galicia medidas semellantes ao do seu compañeiro de partido "intervido por Vox", sinala o voceiro socialista, Luis Álvarez.
Interesouche esta información?
Editamos un xornal plural grazas ao apoio das socias e socios. Dende moi pouco, a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas. Podes optar por unha cota mensual ou faceres unha achega puntual, agora tamén con tarxeta ou a través do Bizum.