En setembro de 2014 o Goberno de Mariano Rajoy viuse obrigado a retirar o que presentara abertamente como contrarreforma da lexislación en materia de interrupción voluntaria do embarazo, que supuña a grandes trazos un regreso á lexislación de 1985 e só daba poder de decisión real á muller en caso de violación. Tras defender durante case un ano o proxecto entre fortes protestas que os populares atribuían ao "feminismo rancio" que sente "animadversión polos homes", a presión social e o inicio do devalo electoral nas eleccións europeas daquel ano tombou a modificación legal e levou por diante o ministro de Xustiza que dera en personificala, Alberto Ruiz-Gallardón.
Catro anos despois daquela frustrada derrogación da vixente lei do aborto, aprobada por folgada maioría absoluta no Congreso en 2010, o novo presidente do PP, Pablo Casado, elixiu a defensa dunha contrarreforma semellante como unha das súas primeiras bandeiras dende que accedeu ao liderado do partido. Se dá chegado ao Goberno de España, reitera, activará outra volta a contrarreforma para volver á lei de 1985 e ademais, bosquexa, poría en marcha normas para doatar de "información" e "recursos" ás mulleres cun embarazo non desexado. Dito doutro xeito, o plan de Ruiz-Gallardón combinado cunha normativa semellante á vixente en Galicia dende o ano 2009, cando o PP de Alberto Núñez Feijóo asumiu as propostas da antiabortista Red Madre inmediatamente despois de chegar ao poder.
Casado defende que o aborto "non é un dereito" e, na liña do afirmado por Feijóo mentres estivo sobre a mesa a contrarreforma de Gallardón, asegura que a lei de 1985 contou co "acordo dos dous grandes partidos", aínda que non é certo
Na liña do que vén afirmando nos últimos meses, Casado resumiu este domingo o seu roteiro para recortar a lei do aborto durante unha entrevista en laSexta. O seu "compromiso", afirmou, é volver á lei de 1985 porque "a nova lei", que leva oito anos en vigor, "recoñece o aborto como un dereito" mediante un sistema de prazos: catorce semanas como regra xeral e vinte e dúas só no caso de "graves anomalías no feto". Segundo o presidente dos populares, o aborto "non é" un dereito da muller porque "tamén hai outro dereto, que é o do que non naceu: ten dereito a vivir".
Como xa fixera o propio Feijóo mentres a contrarreforma de Ruiz-Gallardón estivo sobre a mesa, Pablo Casado tamén esgrime que a lei do 2010 naceu sen consenso, mentres que a de 1985 contou co "acordo dos dous grandes partidos". No entanto, estas afirmacións non se corresponden coa realidade. A despenalización do aborto en 1983 contou co voto en contra de Alianza Popular e a lei do aborto de 1985, tamén. Ademais, aquela lei foi recorrida polo propio Grupo Popular ante o Tribunal Constitucional. O deputado encargado daquel recurso fora José María Ruiz Gallardón, pai do que despois sería dirixente do PP madrileño e ministro de xustiza. En 2010 o PP tamén se opuxo á lei promovida polo Goberno de Zapatero e, igualmente, recorreuna no TC.
Na liña da 'Red Madre'
Alén de defender que o aborto deixe de ser un dereito, Casado tamén suxire que, se chega a ter responsabilidades de Goberno, no canto de "empregar recursos" para a realización de interrupcións voluntarias do embarazo, destinaríaos a "apoiar a maternidade". Aínda que non ofreceu excesivos detalles ao respecto, as liñas xerais desta idea correspóndense coas da lei vixente dende hai case unha década en Galicia, cando o PP estreou a súa maioría absoluta no Parlamento galego para aprobar unha iniciativa lexislativa popular (ILP) impulsada polo Foro Español de la Familia que, baixo o enunciado de "establecer e regular unha rede de apoio á muller embarazada". A norma deu cobertura legal á denominada Red Madre, entidade antiabortista cuxos membros pasaron a asumir funcións como o asesoramento a mulleres xestantes con dificultades socioeconómicas.
Dende a entrada en vigor da lei do aborto de 2010 o número de interrupcións voluntarias do embarazo diminuíu cada ano tanto en Galicia como no conxunto do Estado
Entre os froitos daquela lei estiveron numerosas inxeccións económicas da Xunta á Red Madre, difusión das súas mensaxes en instalacións públicas e normativas anexas como o "protocolo de renuncia de bebés no hospital". Os populares tamén puxeron nas mans desta entidade antiabortista recursos públicos dende outras institucións como o Concello de Santiago; cando gobernaron na capital galega (2011-2015) outorgáronlle de balde o uso dun piso de emerxencia social. Esta cesión foi retirada tras o cambio de Goberno na cidade e o actual equipo de goberno (Compostela Aberta) cedeu o inmoble a unha entidade que traballa con persoas sen fogar.
Tanto as vantaxes para a Red Madre como os intentos de derrubar a lexislación do 2010 sobre interrupción voluntaria do embarazo cadraron, no caso galego e tamén no conxunto do Estado, cunha diminución sostida do número de abortos. Así, os datos do Servizo Galego de Saúde -que, polo momento, chegan a 2016- indican que dende o primeiro ano completo de aplicación da nova lei cada exercicio os abortos practicados en Galicia foron menos que no ano previo, pasando de máis de 4.000 en 2011 a un milleiro menos en 2016.