Logo de non presentarse ningunha clínica ao contrato marco co que pretendía poñer fin ao opaco sistema actual de subcontratación, Sanidade di que decidirá "nun futuro" o procedemento administrativo para esta prestación
A Consellería de Sanidade aínda non sabe como vai continuar realizando todos os abortos voluntarios que se requiren en Galicia logo de quedar deserto o concurso público que convocou para regularizar a contratación administrativa de parte delas, unhas 800 ao ano, que xa se viñan subcontratando a dedo con clínicas privadas. Tras non presentarse ningunha clínica a ese concurso, Sanidade di que está a "avaliar as propostas de continuación da prestación asistencial da interrupción voluntaria do embarazo, por parte da Dirección Xeral de Asistencia Sanitaria do Sergas, que se decidirá nun futuro".
O pasado agosto Praza.gal avanzou que Sanidade viña de convocar un concurso público para subcontratar con dúas clínicas privadas unhas 800 interrupcións voluntarias do embarazo ao ano -en total practicánse en Galicia uns 3.000 abortos ao ano- por uns 460.000 euros. A Xunta argumentaba oficialmente que carecía de persoal e recursos materiais para acometer directamente todos os abortos que se requiren. Co novo contrato pretendía regularizar a actual situación, na que Sanidade xa viña subcontratando a dedo con dúas clínicas privadas unha parte considerable dos arredor de 3.000 abortos voluntarios que se practican ao ano en Galicia a través dun procedemento excepcional, as autorizacións de uso temporal, criticado desde hai anos polo Consello de Contas pola súa opacidade.
Ante o concurso deserto, a Xunta ten tres opcións básicas: un novo concurso con condicións máis atractivas para as clínicas privadas, seguir co opaco sistema actual de contratación puntual a dedo ou mellorar o sistema público para non derivar abortos á privada
Porén, como avanzou este xoves este diario, a Xunta vén de declarar deserto o concurso ao non presentarse ningunha clínica, o que agora obrigará ao Goberno galego ou a convocar un novo concurso que poida resultar máis atractivo para o sector privado (con prezos máis altos ou menos requisitos, por exemplo) ou a continuar co actual sistema de contratación a dedo.
Outra opción, como veñen reclamando os partidos da oposición e sindicatos, é que o Sergas acometa as reformas organizativas necesarias para asumir nos seus propios centros a totalidade dos abortos.
Preguntada a consellería polo que fará agora, a súa resposta é que "a declaración de deserto dun concurso de contratación é un dos escenarios que poden acontecer nunha licitación pública". Sanidade confirma que neste caso "o concurso quedou deserto, co cal o departamento sanitario galego está a avaliar as propostas de continuación da prestación asistencial da interrupción voluntaria do embarazo, por parte da Dirección Xeral de Asistencia Sanitaria do Sergas, que se decidirá nun futuro". O Sergas di que en todo caso "continuará a garantir esta prestación a calquera muller na Comunidade Autónoma, cando así o precise".
Sanidade asegura que "a licitación do contrato desta prestación non responde a ningún cambio nas políticas da Xunta: é unha cuestión administrativa". Segundo di, "calquera muller cun embarazo de menos de 14 semanas (que é o obxecto deste contrato) e que queira interrompelo na sanidade pública poderá facelo hoxe, ao igual que o poderá facer tras a licitación deste contrato que non cambia en nada a prestación". Nada di sobre que se garantan esas interrupcións do embarazo no sistema público en todas as áreas sanitarias ou se para ofrecer esa prestación directamente nun centro público a muller pode ser desviada a outra área afastada do seu domicilio ante a incapacidade do Sergas de cubrir cos seus recursos toda a demanda, especialmente no norte do país.