Críticas á subcontratación de abortos: “Non pode ser que a obxección de conciencia se concentre na pública"

Unha manifestación polo dereito ao aborto nunha imaxe de arquivo © PGDA

CIG, deputados do PSdeG ou a Asociación para a Defensa da Sanidade Pública rexeitan o concurso convocado polo Sergas para subcontratar 800 interrupcións voluntarias do embarazo ao ano por 460.000 euros

Tras avanzar o mércores Praza.gal que a Consellería de Sanidade vén de sacar a concurso a subcontratación de 800 interrupcións voluntarias do embarazo ao ano que non é quen de asumir no sistema público por "falta de recursos, tanto materiais como humanos" diversos colectivos veñen amosando o seu rexeitamento. CIG, deputados do PSdeG ou a Asociación Galega para a Defensa da Sanidade Pública reclaman que a Xunta rectifique e faga o necesario para garantir que todos os abortos autorizados polo Sergas sexan atendidos no sistema público.

Estimación de abortos a realizar na privada co novo contrato en cada área sanitaria e importe máximo de cada intervención CC-BY-SA Praza Pública

Segundo a xustificación oficial esgrimida pola Xunta para subcontratar parte dos abortos voluntarios -o pasado ano houbo preto de 3.000-, a falta de persoal débese ao "dereito a exercer a obxección de conciencia". Porén, desde CIG-Saúde critícase que "non pode ser que os profesionais con obxección de conciencia se concentren na sanidade pública e só se poidan facer estas intervencións na privada". Por iso, o sindicato reclama que Sanidade "garanta a contratación de profesionais que realicen estas intervencións na sanidade pública".

O sindicato defende "que os cartos que a Consellería de Sanidade vai dedicar a privatizar as interrupcións voluntarias do embarazo", 460.000 euros ao ano durante tres anos prorrogables ata cinco, "sexan investidos en dotar de recursos humanos e estruturais na sanidade pública para facer, en prazo e con calidade, estas intervencións". 

Outro dos argumentos esgrimidos posteriormente por Sanidade para xustificar a contratación é que as interrupcións voluntarias antes das 14 semanas de embarazo "non son complexas" e así se poden destinar os quirófanos públicos a outras intervencións. Pero a CIG rexeita ese argumento xa que con el "deixariamos para que fixeran na sanidade privada un gran número de intervencións pouco complexas de cirurxía ambulatoria que se fan na sanidade pública".

Xustificación do Sergas da subcontratación das interrupcións voluntarias do embarazo CC-BY-SA Praza Pública

A falta de pronunciamentos públicos dos dous partidos da oposición, BNG e PSdeG, cando menos varios deputados socialistas amosaron xa o seu rexeitamento ao concurso agora convocado pola Xunta, polo que din que pedirán explicacións no Parlamento. 

"O Sergas ten que organizar os circuítos adecuados para que se respecte o dereito da muller a pesar da obxección de conciencia dos profesionais"

Tamén desde a Asociación Galega para a Defensa da Sanidade Pública amosouse o rexeitamento á iniciativa do Goberno galego lamentando que "a Xunta segue avanzando na privatización do sistema sanitario público" do que considera "unha vulneración dun dereito fundamental das mulleres, ás que se priva do dereito de abortar na sanidade pública".

A asociación cre que co concurso de subcontratación agora convocado "a Xunta demostra novamente a súa incapacidade para planificar e xestionar os recursos sanitarios públicos". "Os xerentes de cada hospital, os Sergas ou a Consellería teñen que organizar os circuítos adecuados para que se respecte o dereito da muller a pesar da obxección de conciencia dos profesionais", conclúe.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.