Tras anos de críticas do Consello de Contas ao actual sistema de derivación de parte das pacientes a dúas clínicas privadas a dedo, Sanidade argumentou falta de persoal para licitar 800 interrupcións voluntarias do embarazo ao ano por 460.000 euros
O pasado agosto Praza.gal avanzou que a Consellería de Sanidade viña de convocar un concurso público para subcontratar con dúas clínicas privadas unhas 800 interrupcións voluntarias do embarazo ao ano por uns 460.000 euros. A Xunta argumentaba oficialmente que carecía de persoal e recursos materiais para acometelos. Co novo contrato pretendía regularizar a actual situación, na que Sanidade xa viña subcontratando a dedo unha parte considerable dos abortos con dúas clínicas privadas a través dun procedemento excepcional, as autorizacións de uso temporal, criticado desde hai anos polo Consello de Contas pola súa opacidade.
Porén, este martes a Xunta vén de declarar deserto o concurso ao non presentarse ningunha clínica, o que agora obrigará ao Goberno galego ou a convocar un novo concurso que poida resultar máis atractivo para o sector privado (con prezos máis altos ou menos requisitos, por exemplo) ou a continuar co actual sistema de contratación a dedo. Outra opción, como veñen reclamando os partidos da oposición e sindicatos, é que o Sergas acometa as reformas organizativas necesarias para asumir nos seus propios centros a totalidade dos abortos.
Nos últimos anos entre o 30% e o 40% das arredor de 3.000 interrupcións voluntarias do embarazo que se realizan en Galicia veñen sendo derivadas polo Sergas aos dous únicos centros privados con autorización para practicar eses abortos que existen no país, a Clínica Arce da Coruña e a Clínica Castrelos de Vigo.
Os informes de fiscalización do Sergas dos tres últimos anos elaborados polo Consello de Contas reflicten como a Clínica Arce vén recibindo entre 400.000 e 500.000 euros ao ano para ese cometido, mentres que a Clínica Castrelos oscila entre 30.000 e 50.000 euros. Ademais destas dúas clínicas galegas, o Sergas tamén encarga algúns abortos máis complexos á Clínica Isadora, de Madrid, pero con cifras inferiores, de entre 5.000 e 30.000 euros ao ano.
O sistema de subcontratación a dedo que pretendía mellorar o concurso agora deserto "vulnera os principios esenciais da contratación pública (publicidade, concorrencia, transparencia)", di o Consello de Contas
Todos estes abortos veñen sendo subcontratados polo Sergas desde hai anos "sen ningunha fórmula contractual", segundo vén denunciando reiteradamente o Consello de Contas, senón a través da figura da autorización temporal de uso. Contas di dese procedemento a dedo que "carece de sustento para ser utilizada con esta finalidade e vulnera os principios esenciais da contratación pública (publicidade, concorrencia, transparencia, etc.)".
O ente fiscalizador engade que "ademais de carecer das notas de excepcionalidade e temporalidade que identificarían esta figura, ao obviarse a vía establecida na lexislación de contratos públicos non existe expediente de contratación e, polo tanto, carécese de pregos que regulen a contratación, de oferta ou de contrato que estableza e ordene os dereitos e obrigas das partes".
O novo concurso público pretendía poñer orde á fin nese sistema opaco establecendo un contrato marco -divido en dous lotes, un para o norte e outro para o sur de Galicia- no que os 800 abortos subcontratados ao ano serían unha estimación que podería variar en cada exercicio. Un concurso que replicaba dalgún xeito o reparto actual de peso entre as áreas de influencia das clínicas coruñesa e viguesa, prevendo moitos máis cartos e abortos no norte da comunidade que no sur. De feito, en sucesivas intervencións de altos cargos da Xunta no Parlamento vense repetindo que na área sanitaria de Vigo "a práctica totalidade das interrupcións" realízanse na sanidade pública.
Tras pecharse o prazo dun mes para a formulación de candidaturas o Sergas comprobou "que non había ofertas presentadas á licitación"
O concurso foi convocado o 22 de agosto, e as clínicas interesadas tiñan de prazo ata as 14 horas do 22 de setembro para presentar as súas ofertas. Pero este martes 17 de outubro a xerente do Sergas, Estrella López-Pardo, asinou unha resolución declarando deserto o concurso despois de que a mesa de contratación do mesmo comprobase na súa reunión do pasado 29 de setembro "que non había ofertas presentadas á licitación".
Ante esta situación o Sergas pode volver a convocar un novo concurso no que mellore as condicións do mesmo para o sector privado, sexa en volume de abortos, prezo unitario de cada un ou rebaixando outros requisitos. Tamén pode continuar co opaco sistema actual de autorizacións temporais de uso, o que en todo caso apunta que sucederá cando menos ata que se convoque un novo concurso ou se mellore o sistema público.