A clínica que practica os abortos non atendidos no Sergas ameaza con rachar o convenio

Vázquez Almuiña, conselleiro de Sanidade © Xunta

Unha nova denuncia sobre as difíciles condicións nas que unha muller ten que levar a cabo un aborto euxenésico en Galicia volve poñer en dúbida as garantías sanitarias para estes casos no país. Desta vez, foi unha parella a que enviou unha carta ao conselleiro de Sanidade e á Valedora do Pobo explicando a súa situación e lamentando que, ante as malformacións do feto e problemas derivados nun embarazo na 19ª semana de xestación, tivesen que desprazarse a Madrid para abortar. Piden explicacións, pregúntanse como é posible que "nin polo público nin polo privado" se poida levar a cabo esa intervención en Galicia, acusan a Xunta de "deixamento de funcións" e reclaman solucións para o futuro. A resposta da Administración foi anunciar unha denuncia contra a clínica coa que mantén convenio na capital do Estado polas presuntas eivas no trato a estes pacientes. "Están a botar balóns fóra e a lavar as mans", coincidiron os denunciantes e o centro Isadora, hospital que non dubida en amosar a súa indignación co Goberno galego. 

"Chegará un momento no que nos neguemos a facer o que nos chega derivado do Sergas; non nos renda se, aínda por riba, nos denuncian"

"Chegará un momento no que nos neguemos a facer o que nos chega derivado do Sergas; non nos renda se, aínda por riba, nos denuncian ou nos digan que nos van denunciar". Fontes da clínica Isadora amosan sorpresa e malestar pola carta do conselleiro Vázquez Almuíña á parella afectada, na que anuncia que presentará "a oportuna denuncia" ante a Inspección de Servizos Sanitarios da Consejería da Comunidad de Madrid para que "tomen as medidas correctoras sobre ese centro sanitario, incluídas as sancionadoras, que correspondan". 

Todo por unhas leves queixas da parella sobre o "frío" trato en Madrid, pero que centra as súas críticas no feito de que en Galicia non haxa posibilidade de asumir estes abortos terapéuticos. "Unha situación de clara deixa de funcións por parte do Sergas, que afecta directamente a saúde física e mental de moitas mulleres", din. 

Sanidade respondeu á denuncia pola falta de atención aos abortos terapéuticos en Galicia cunha denuncia á clínica a onde deriva as mulleres

As denuncias polas precarias situacións nas que se realizan nalgúns hospitais de Galicia abortos terapéuticos pasadas as 14 semanas de xestación leva agora a que sexan maioría as mulleres que elixen a opción de desprazarse a Madrid, con toda a problemática engadida que supón. No caso dos que optan por quedar perto da casa, mesmo ofrecéndose a pagar unha clínica privada, non adoita haber máis alternativa que desprazarse os 600 quilómetros até a capital do Estado.

"En Galicia non se fan estes abortos terapéuticos porque non hai profesionais preparados e formados; decláranse obxectores para evitar problemas"

A Xunta mantén convenio desde hai máis de vinte anos coa clínica Isadora, o primeiro centro de España con vocación social para a interrupción do embarazo, e a onde envía as mulleres ás que non pode asegurar unha asistencia completa en Galicia superadas as 14 semanas de embarazo. "En Galicia non o poden facer porque non hai profesionais preparados e formados e decláranse obxectores para evitar problemas", aseguran fontes de ACAI (Asociación de Clínicas de Interrupción Voluntaria do Embarazo). 

"A media de idade dos especialistas neste tipo de abortos é de entre 50 e 70 anos en España; non hai remuda xeracional porque nin tan sequera se forma os profesionais nas facultades de medicina. Ademais, realizar este tipo de interrupcións de embarazo non é positivo para as súas carreiras médicas", insisten desde ACAI, que aclaran a súa postura. "Non nos opoñemos, nin moito menos, a que sexan un servizo público na sanidade pública, pero o que non pode ser é que se faga mal ou non se faga", engade. 

"Oxalá ningunha muller tivese que facer eses quilómetros; por suposto que o aborto debería estar regulado e asegurado na sanidade pública", dicía a este diario Empar Pineda, recoñecida activista feminista e a favor do dereito ao aborto, responsable da clínica Isadora desde a súa fundación hai máis de vinte anos e vítima do acoso, as presións e as denuncias dos movementos antiabortistas.

En Galicia, tal e como recoñecera o Sergas, tan só se garante a asistencia médica completa para estes abortos pasadas as 14 semanas de xestación no caso de desprazarse a Madrid. No resto dos casos, a obxección de conciencia é a xustificación empregada pola Xunta, que chegou a recoñecer eivas na asistencia ás mulleres tras as denuncias da Plataforma Galega polo Dereito ao Aborto. 

Clínica Isadora, en Madrid © Clínica Isadora

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.