Contas insta o Sergas a "regular" os concertos coa sanidade privada e detecta unha suba do gasto, que encabeza Povisa

Hospital concertado Povisa, en Vigo Dominio Público Povisa

O gasto en concertos do Sergas subiu un 3% no pasado 2018 comparado co ano anterior, ata sumar un total de 208 millóns de euros, unha situación que sinala o Consello de Contas no seu informe de fiscalización, no que volve recomendar á Xunta a "regularización" das concertacións sanitarias "que se manteñen no tempo sen soporte contractual axeitado" e sen unha xustificación á súa urxencia.

O gasto en concertos do Sergas aumentou un 3% en 2018, ata alcanzar os 208 millóns de euros

So é unha das numerosas recomendacións que se fan na análise da Conta Xeral do Servizo Galego de Saúde de 2018, un dos diversos informes que o conselleiro maior de Contas, José Antonio Redondo, entregou este venres ao presidente do Parlamento galego, Miguel Santalices. 

Neste documento, Contas lembra que os concertos representan, en termos de gasto real, o 5% do gasto do Sergas, e teñen "naturaleza estrutural" no sistema de saúde público de Galicia. Con todo, lembra o informe, hai determinados servizos "nos que non se emprega ningunha fórmula contractual, senón que se recorre de forma reiterada ás autorizacións de uso e na meirande parte dos casos non se acreditan as necesidades urxentes que se pretenden atender, limitándose a enumerar servizos necesarios". 

Contas advirte de que hai servizos concertados "nos que non se emprega ningunha fórmula contractual" e recórrese retiradamente ás "autorizacións de uso"

Aínda que o Consello de Contas recoñece o esforzo da Xunta por continuar na regularización dos concertos na Coruña e en Lugo, pero só no caso da asistencia sanitaria e hemodiálese, volve reparar no caso de Povisa en Vigo, que "sobresae" entre o resto. Así, lembra que o concerto con este centro supuxo un gasto en 2018 de 78 millóns de euros, un 3% máis que no ano anterior, e que representa o 38% do total do gasto en actividade concertada do Sergas. 

Contas advirte deste acordo con Povisa --propiedade agora dunha multinacional estadounidense-- pola súa "natureza de concerto singular de carácter substitutivo para a prestación da asistencia sanitaria especializada a un sector da poboación da área sanitaria de Vigo", o que o sitúa "nun ámbito diferente ao resto de entidades concertadas e non responde á aplicación clásica da utilización dun dispositivo privado para dar cobertura a excesos temporais de demanda que caracteriza a concertación co resto de centros privados". 

Tal e como insiste o órgano fiscalizador, a vinculación de Povisa co sistema público "é moi estreita", de tal xeito que "os seus recursos se incorporan como elementos fundamentais no proceso de planificación e xestión das prestacións, transcendendo o ámbito que se deriva do modelo clásico de concertación". 

Contas advirte de que o concerto con Povisa supuxo 78 millóns, un 38% do total de gasto en actividade concertada e un incremento do 3%

As advertencias do Consello de Contas, ademais, que evidencian que a construción e posta en marcha do novo Hospital Álvaro Cunqueiro en Vigo non supuxo a renuncia á elevada dependencia de Povisa. 

Ademais, o organismo tamén lamenta que "non se apreciaron avances destacables" respecto das recomendacións do anterior informe e rexeita que as dotacións iniciais que marca o Sergas nos seus orzamentos "son insuficientes" para "poder garantir o cumprimento do principio de orzamento limitativo que debe presidir a xestión do organismo". 

O ex-conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuíña, durante unha visita a Povisa © Povisa

Así, destaca o "desaxuste estrutural" entre gastos e recursos, o que amosa "as dificultades para establecer medidas estables de financiamento", reparando no feito de que se recorra ao fondo de conteinxencia para cubrir gastos do Sergas con "carácter previsible", un elemento que considera "distorsionador" e sobre o que Contas xa avisara " de xeito recorrente". 

"Os recursos de Povisa incorpóranse como elementos fundamentais na planificación das prestacións, transcendendo o modelo clásico de concertación"

O informe advirte de que a contía que Galicia destina ao gasto sanitario "é moi superior" á que establecen os seus presupostos iniciais, cun financiamente adicional de case 210 millóns, razón pola que recomenda que se "deben establecer condicións que posibiliten un sistem estable de financiamento, así como medidas rigorosas para o seu cumprimento. As modificacións orzamentarias, di Contas, "deben reducirse ás estritamente necesarias para non desvirtuar o seu carácter excepcional". 

O órgano fiscalizador tamén pide "regularizar e depurar" os dereitos recoñecidos pendentes de cobro e as obrigas de pago arrastrados doutros exercicios e volve advertir de "excesivas" as redistribucións, o que evidencia "deficiencias na elaboración dos orzamentos de cada EOXI". 

Ademais, o informe destaca que de cara a futuros exercicios, están comprometidos a 31 de decembro de 2018 créditos por valor de 2.146 millóns de euros, un 5% máis que en 2017, dos cales o 61% son absorbidos na construción do novo hospital de Vigo, o contrato da central loxística, o contrato para cubriras necesidades de probas diagnósticas e o da xestión de espazos do CHUO. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.