Por que o Servizo Galego de Saúde paga a cantidade que paga ao hospital privado Povisa, de referencia para máis de 130.000 persoas na área sanitaria de Vigo? É unha das preguntas que o Consello de Contas tenta responder no seu informe de fiscalización sobre o concerto que mantén o Sergas co policlínico vigués. O ente fiscalizador das contas públicas galegas non é quen de responder por mor da "falta de transparencia" coa que a Xunta negociou con esta empresa o contrato a través do que lle paga uns 80 millóns de euros ao ano.
No informe, entregado este 26 de xullo ao Parlamento, Contas analiza o concerto que entrou en vigor en setembro de 2014 e detense no seu funcionamento ata o verán de 2016. Adicionalmente, debulla algúns dos termos do novo acordo asinado entre o Sergas e Povisa a comezos de 2019.
A "novidade fundamental" do acordo de 2014 con relación aos anteriores é que Povisa pasou de recibir fondos públicos en función da "actividade realizada" a contar cun "importe fixo de 540 euros por doente" da sanidade pública que ten asignado. "Semella -razoa- que o concesionario ten garantido un importe ao ano con independencia da utilización do servizo por parte da poboación", toda vez que "o límite máximo de poboación que pode escoller povisa é de 139.000 persoas", pero o concerto tamén garante un mínimo de 120.000 se a baixada é "consecuencia de medidas adoptadas" pola Xunta, explica Contas.
E, como se chegou a ese importe de 540 euros por paciente ao ano? Para tentar sabelo o Consello de Contas remítese ao procedemento negociado sen publicidade a través do cal o servizo volveu ser adxudicado ao policlínico vigués. A Xunta xustifica o uso deste procedemento de contratación por non existir outra empresa sanitaria semellante que poida prestar o mesmo servizo en Vigo e é neste punto onde Contas reprocha a opacidade do proceso.
"Non se pode garantir que o prezo" de 540 euros por doente e ano "fose establecido de acordo cun sistema axeitado para valorar os termos económicos das prestacións", di o Consello de Contas
"Non consta no expediente acreditación" dos "aspectos tratados" na "negociación" do contrato, "o que sería esixible de acordo co principio de transparencia que debe guiar toda actuación administrativa. Tampouco inclúe "os datos empregados" para "calcular" o importe de 540 euros por persoa e ano. Así e todo, matiza, "é difícil que Povisa, sen ter competencia, presentase unha oferta inferior".
Deste xeito, coa información fornecida por Sanidade "non se pode garantir que o prezo (...) fose establecido de acordo cun sistema que sexa axeitado para valorar os termos económicos das prestacións". Isto podería facerse, por exemplo, "comparando" o custo dos servizos na rede pública. Tampouco "queda constancia" na documentación do contrato "as razóns que motivan" que Povisa exclúa determinados servizos sanitarios da súa carteira.
O contrato da Xunta con Povisa implica que o prezo por paciente, a efectos prácticos, "unicamente podería sufrir variacións á alza" e nunca baixar mediante un sistema que "pode non estimular a calidade da prestación sanitaria"
Así foi, reprocha o órgano fiscalizador, como Sergas e Povisa pactaron un sistema de remuneración que "pode non estimular a calidade da prestación sanitaria" porque é "independente do número de doentes atendido e da calidade da atención". Pero tamén porque é un importe que nunca baixa; aínda que existen cláusulas de revisión en función de factores como os custos dos servizos hospitalarios que cada ano publica o INE, se o resultado dese cálculo é "negativo", o acordado con Povisa é que a cota "se manterá igual á do ano anterior sempre que o importe sexa igual ou superior" aos devanditos 540 euros. No entanto, "se a variación fose positiva, o novo importe consolídase como referencia". "É dicir -exemplifica o propio Consello- se (...) se sitúa en 520 euros como consecuencia da revisión, mantense o importe de 540, e se acadase 550 euros, xa non podería baixar e unicamente podería sufrir variacións á alza".
Esta contratación de servizos con Povisa, advirte Contas, produciuse baseándose en informes da propia Xunta que non fan "ningunha referencia á influencia que podería ter" a entrada en funcionamento do hospital Álvaro Cunqueiro, aínda que se trata de documentos elaborados cando ese novo centro hospitalario estaba a construírse. Consolidouse así a decisión política instaurada polo Goberno de Manuel Fraga e mantida polo bipartito de manter Povisa "como hospital de carácter substitutorio" das prestacións públicas para unha parte da poboación viguesa, no canto de cubrila plenamente co novo hospital.
Contas constata que ata o 80% da cifra de negocio de Povisa depende do concerto co Sergas, o cal "condiciona notablemente o proceso de negociación" e as súas condicións
Malia o que o Consello de Contas dá en presentar como un marco vantaxoso para Povisa, a empresa comezou a arrastrar problemas económicos que, xustificou, se debían a que os devanditos 540 euros por persoa e ano non eran dabondo para "dar cobertura aos custos derivados da execución do concerto", nomeadamente "á parte correspondente á medicación de dispensación ambulatoria" e ás "diferenzas de interpretación sobre cal é o contido da carteira de servizos cuxa prestación asume Povisa", a cal Contas non dá discernido con claridade por mor da devandita falta de "transparencia".
Neste escenario foi no que Sanidade e Povisa "iniciaron negociacións" ata "culminar coa sinatura, o 1 de xaneiro de 2019", dunha cláusula de melloras do concerto. A principal novidade foi que de agora en diante "o Sergas pasa a subministrar directamente a medicación ambulatoria que dispense Povisa a pacientes da súa poboación de referencia" e outros fármacos de "alto impacto". O certo, conclúe o informe, é que "o mantemento de Povisa como hospital de carácter substitutorio" e a "forte dependencia" da empresa "dos ingresos procedentes do Sergas", ata un 80%" da súa cifra de negocio, "condiciona notablemente o proceso de negociación do concerto á hora de fixar as súas condicións económicas e prestacionais".