Tres de cada catro camas hospitalarias en Galicia están ocupadas e a COVID non supón nin o 1%

Atención a un paciente en coidados intensivos do Hospital Lucus Augusti en 2021 CC-BY-SA Ana Varela / Xunta

A situación da sanidade pública regresou nos últimos meses ao primeiro plano das preocupacións cidadáns e tamén do debate político ao fío da saturación da Atención Primaria e da carencia de persoal en servizos como os Puntos de Atención Continuada (PAC), entre outras cuestións. No entanto, a medida que a situación da pandemia da COVID-19 foi mellorando pola ampla extensión da vacinación e mais polas características das variantes predominantes do virus, vén perdendo presenza pública a situación dos hospitais.

A repercusión da COVID é xa residual no que atinxe aos ingresos hospitalarios

Pero, alén da actualidade, os sistemas de información creados precisamente para controlar o coronavirus e o seu impacto hospitalario seguen funcionando. E permiten coñecer non só como a repercusión da COVID é xa residual no que atinxe a ingresos, senón tamén cal é a das demais patoloxías, xa que o Ministerio de Sanidade tamén controla e publica os datos que lle transmiten as comunidades autónomas sobre a ocupación xeral das camas hospitalarias. En Galicia actualmente están ocupadas arredor de tres de cada catro camas convencionais, nas que o impacto directo da COVID non chega ao 1%.

Se ollamos a evolución destes indicadores dende o inicio do primeiro mes de outono e ata o último dato dispoñible no momento da elaboración desta información -1 de decembro-, é posible observar como a principios de setembro estaban ocupadas algo menos do 70% das camas hospitalarias convencionais de Galicia, máis do 65% (unhas 4.800) por pacientes con patoloxías diferentes da COVID-19. As persoas ingresadas co coronavirus como causa directa eran daquela apenas o 0,8% (pouco máis de medio cento) e unha porcentaxe moi semellante, as que foran hospitalizadas por outra razón, pero deran positivo ao realizárenlles un test da COVID.

As persoas ingresadas coa COVID como causa directa son apenas o 0,8% en unidades convencionais e arredor do 0,9% nas UCI

Como amosa o gráfico sobre estas liñas, a ocupación hospitalaria foi aumentando nos meses seguintes e contra finais de decembro oscilou entre o 75% e o 80%. Así, por exemplo, a 1 de decembro había en Galicia algo máis de 5.700 hospitalizadas por diversas patoloxías e a elas engadíanse unhas 75 que ocupaban camas de hospitalización convencional por mor da COVID e en torno a 70 que tiñan o virus, pero ingresaran por outra causa.

Dous terzos das camas UCI libres

No que atinxe ás unidades de coidados intensivos, o peso da COVID tamén é residual e a situación xeral, moito máis desafogada que nas camas de hospitalización convencional. Atendendo aos datos tirados por Praza.gal da base de datos do Ministerio, actualmente en torno a dous terzos das arredor de 700 camas UCI dispoñibles en Galicia están libres e o terzo restante (unhas 250) atenden persoas con patoloxías diferentes ao coronavirus. Só en xornadas puntuais do período analizado (de setembro a decembro) as persoas ingresadas a causa da COVID supuxeron máis do 1% de ocupación en coidados críticos.

Estabilidade en torno á vintena de ingresos COVID

Esta escasa ocupación hospitalaria a causa da COVID é produto dun período de especial estabilidade en canto ao impacto hospitalario do virus. Dende finais do pasado verán foron excepcionais os días en que os hospitais galegos tiveron que recibir máis dunha vintena de pacientes con test positivo do coronavirus, tendo ademais en conta que en torno á metade -como sinalaban as autoridades sanitarias e agora acreditan os datos- ingresaban por outras causas.

Dende finais do verán son excepcionais os días con máis dunha vintena de ingresos de pacientes con test positivo da COVID

A base de datos do Ministerio, que se remonta a hai máis de dous anos, amosa como quedan xa lonxe as datas nas que Galicia superaba reiteradamente os 80 ingresos diarios de pacientes coa COVID. Aínda máis lonxe está a que foi a peor vaga no país, a do inverno 2020-21, cando a vacinación apenas comezara e se rexistraran picos próximos aos 200 ingresos diarios. Como amosa o gráfico baixo estas liñas, son especialmente significativas as baixísimas cifras de novos ingresos de persoas coa COVID en coidados intensivos, nas que xa é habitual encadear múltiples días consecutivos sen ningún paciente novo con esta doenza.

Todo isto sucede nun contexto no que a escasa repercusión da COVID en forma de ingresos hospitalarios non significa que a circulación do virus sexa escasa. O propio Sergas a cualifica como "notable" nos informes de vixilancia doutro virus, a gripe, que convive nestas semanas tamén con outros como o virus sincitial respiratorio (VRS), o cal afecta á infancia e ten saturados os servizos de Pediatría dende hai semanas.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.