Pacientes coa COVID ocupan o 10% de camas hospitalarias e o 4% das UCI tras ingresar polo virus catro de cada dez

Gráficos de ocupación hospitalaria en Galicia sobre unha imaxe das novas instalacións da UCI do Clínico de Santiago, tomada durante unha recente visita do presidente da Xunta CC-BY-SA Foto: David Cabezón / Xunta [recorte] | Montaxe: Praza.gal

A alza nas cifras de casos novos -necesariamente incompletas, dados os protocolos actuais- rexistrados da COVID e o relativo incremento nos datos de hospitalizacións de persoas coa COVID que o Sergas fai públicos durante a semana (unha foto fixa das seis da tarde de cada xornada) devolveu a atención mediática cara á pandemia nos últimos días. Máis aínda dada a percepción individual que moitas persoas están a ter sobre unha abundancia de casos nas súas contornas persoais máis próximas.

As persoas ingresadas coa COVID roldan as 800 e Sanidade advirte de que "agora non ten sentido manexar" datos coma o número de casos activos, menos aínda para "comparar co de antes" en termos de vagas

Así o reflicten tamén as recorrentes preguntas que o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña (igual que a súa homóloga no Ministerio de Sanidad, Carolina Darias), recibe da prensa nos actos públicos aos que acode aínda que non estean vinculados á pandemia. A respecto, por exemplo, de se a Xunta manexa plans para recuperar algunha restrición. Como en días pasados, este mércores reiteraba que a preocupación a respecto do coronavirus non desapareceu das autoridades sanitarias en ningún momento, se ben insta a poñer o foco nas cifras de ocupación hospitalaria e non en "parámetros coma o porcentaxe de positivos ou o número de casos activos" que, dados os devanditos protocolos, "agora non ten sentido manexar" e moito menos "comparar co de antes" en termos de "ondas".

Outras patoloxías supoñen un 65% de ocupación en unidades convencionais e un 30% en UCI

E, que din esas cifras? Os datos do Ministerio de Sanidade, que van alén da foto fixa do total de persoas ingresadas, amosaban o pasado luns, día 4 (último dispoñible no momento en que se elabora esta información) que os hospitais galegos tiñan ingresadas daquela 790 persoas con test positivo da COVID en unidades de hospitalización convencional e outras 29 en unidades de coidados intensivos. Isto equivale ao 10% das camas en planta e ao 3,7% das UCI. Daquela, contando as persoas ingresadas por outras patoloxías, estarían sen ocupar dous terzos das camas convencionais dispoñibles e unha cuarta parte das prazas de UCI.

Atendendo ao parte do Sergas deste mesmo mércores, correspondente ao martes (824 ingresadas en camas convencionais, 34 nas UCI), as porcentaxes subirían un chisco. Quedarían no 10,8% en planta e no 4,6% nas UCI.

"40% dos ingresados ingresan por COVID e o 60%, con COVID", salienta o conselleiro de Sanidade

Como adoito, cómpre ter en conta que non todas as persoas contabilizadas como ingresos COVID chegaron ao hospital por mor do virus. O propio Comesaña o evidenciaba este mércores, en resposta a preguntas da prensa na Coruña. O Sergas vén detectando dende hai tempo que arredor do "40% dos ingresados ingresan por COVID e o 60%, con COVID", isto é, chegan ao hospital por mor doutra doenza. 

Por exemplo, un paciente "ingresa por unha fractura de cadeira" e, antes de operalo, "fáiselle a proba e se lle detecta" o virus. "O seu procedemento non se altera", pero pasa a contabilizar como pacientes coa COVID, detalla. A porcentaxe de persoas "con" COVID é máis alta entre o total de pacientes con test positivo que están na UCI, xa que adoitan chegar alí a causa de pneumonías provocadas polo coronavirus, agrega.

"Estamos pedindo dende hai meses", sinala o Conselleiro, que esta diferenciación se realice para todo o Estado e "o Ministerio está tratando de diferencialos", pero polo momento "non é posible". A Xunta, asegura, está a remitir esta información ao Estado. Non obstante, non a fai pública de maneira sistematizada e aberta, alén de declaracións coma estas. Tampouco revela a consellería os datos de novos ingresos diarios de persoas coa COVID, que si publica o Ministerio e segundo os cales, nos últimos días, Galicia vén roldando o cento por xornada.

O Sergas reitera as recomendacións de "levar máscara no traballo e no ámbito social" a "quen teña síntomas ou sospeitas" de contaxio, portala con "sentido común" en aglomeracións e de poñer a dose de reforzo da vacina a quen aínda non a teña

O titular de Sanidade realiza estas aclaracións nun contexto no que, admite, o Sergas vén detectando un "incremento hospitalario importante" nos últimos días, se ben manteñen que as liñaxes da variante ómicron actualmente circulantes (a predominante en Galicia é a B.A.5, explica) seguen tendo "menor repercusión a respecto da gravidade". Neste contexto, di, o seu depaertamento mantén unha "monitorización da capacidade asistencial" por se cumprisen medidas adicionais, se ben polo momento "temos marxe" porque as cifras non deixan de ser "razoables".

Alén disto, di, o Sergas reitera as recomendacións que vén realizando dende hai meses, e que pasan esencialmente por aconsellar a "quen teña síntomas ou sospeita" de estar contaxiado "que extreme as precaucións" e "leve máscara no traballo e no ámbito social". Neste sentido, abonda, "dende Sanidade sempre mantivemos a conveniencia de manter a máscara sempre que estimemos oportuno" por "sentido común" e especialmente en "concentracións de persoas". Polo demais Sanidade reitera que a principal mudanza a respecto dos dous anos anteriores é a ampla extensión da vacinación e por iso "anima" a poñer a terceira dose a quen aínda non a recibise.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.