Nin pola gravidade dos doentes nin pola súa repercusión hospitalaria: "Nada que ver" coa situación previa á vacinación masiva e coa circulación de variantes anteriores. O pasado maio, ante a liña ascendente de novos ingresos de persoas coa COVID-19 e cando xa entraran en vigor os protocolos de vixilancia que poñen o foco na poboación maior de 60 anos e a considerada vulnerable, a xefa de Medicina Preventiva do Complexo Hospitalario da Coruña (CHUAC) e mais a xefa de Microbioloxía do Clínico de Santiago (CHUS) expresábanse nestes termos, en declaracións a Praza.gal, para explicar o novo escenario a respecto do coronavirus.
Nos últimos días, ao fío de novas subas nas cifras de casos rexistrados (algo máis de 1.500 diarios nas últimas xornadas) e dunha certa liña ascendente nas hospitalizacións, volvéronse escoitar algunhas voces de desacougo mentres a pandemia regresaba aos titulares e alertas de última hora. Unha ollada en perspectiva aos datos e ás declaracións das autoridades sanitarias suxiren un escenario relativamente semellante ao do pasado maio, pero agora no inicio do período estival en sentido estrito, o primeiro verán coa COVID, pero sen máscaras obrigatorias agás no interior do transporte público e dos recintos sanitarios e sociosanitarios.
Os datos máis recentes do Instituto de Salud Carlos III -dependente dos Ministerios de Sanidade e Ciencia- apuntan a que en Galicia se veñen rexistrando nos últimos días uns 80 ingresos diarios de persoas coa COVID en unidades de hospitalización convencional e en torno a media decena nas UCI. Alén das oscilacións de días concretos, o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, resaltaba este venres que a situación tende á estabilidade dende hai meses, con arredor de 600 hospitalizacións simultáneas de pacientes coa COVID en camas convencionais e en torno a unha trintena nas UCI.
Persoal dos hospitais vén reiterando que o actual escenario non ten "nada que ver" co previo á vacinación
Como adoito, cómpre ter en conta que non todos estes ingresos se producen a causa do coronavirus, senón que moitos deles son de persoas que ingresan por outros motivos. Así, a xefa de preventiva do CHUAC, María José Pereira, explicaba para Praza.gal que estes perfís son habitualmente "doentes clinicamente asintomáticos desde a perspectiva COVID, pero aos que se fai unha PCR previa a unha proba invasiva ou un procedemento cirúrxico, e aparece un resultado positivo.
Aínda que non existen bases de datos que distingan entre as persoas que ingresan "coa" COVID e as que son hospitalizadas "pola" COVID, nos últimos meses a Consellería de Sanidade veu sinalando que as persoas que ingresan por outro motivo adoitan ser algo máis da metade dos pacientes hospitalizados con test positivo no coronavirus. As persoas que si ingresan a causa do virus, abondaba o pasado maio a doutora Pereira, agora adoitan ser "maiores que noutras ondas" e vacinados dende hai máis tempo e xa non coas pneumonías que eran habituais "en non vacinados", senón con infeccións máis leves pero que "descompensan enfermidades crónicas de base".
UCI ocupadas ao 2%
Dende principios de ano os pacientes coa COVID ocupa máis porcentaxe de camas en unidades convencionais que nas UCI
En termos de ocupación hospitalaria, o que Comesaña define como "escenario novo" vénse traducindo dende a pasada primavera cunha maior ocupación hospitalaria nas camas convencionais que nas UCI. Como amosa o primeiro dos gráficos sobre estas liñas, ata principios deste 2022 o máis habitual foi que os pacientes coa COVID ocupasen unha maior porcentaxe de camas en coidados intensivos que en unidades convencionais, pero a tendencia mudou cada vez con máis claridade.
Os datos máis recentes, pechados a 30 de xuño, apuntan a que arredor do 8% das camas hospitalarias dispoñibles en Galicia estaban ocupadas por persoas con test positivo do coronavirus e que esa porcentaxe roldaba o 2,3% nas UCI. Contando todas as camas, a porcentaxe de ocupación estaría na contorna dese 8%.
Xunto coas cifras de ocupación hospitalaria, o outro principal indicador que cómpre ter en conta para avaliar a situación xeral da COVID dende que non son computados todos os casos é o de falecementos. Actualmente, Galicia rexistra unha media a 7 días dunhas 4 mortes por xornada de persoas diagnosticadas como positivas por coronavirus. O total dende o comezo da pandemia sitúase en 3.603.
Sanidade subliña que o groso de casos son leves e reitera os consellos de "sentido común" e uso da máscara para quen "teña síntomas ou crea que está contaxiado"
Con todos estes datos e tendencias sobre a mesa, o conselleiro de Sanidade sinalaba este venres, en respostas a preguntas da prensa durante un acto en Malpica, que cómpre encadrar as cifras no devandito "novo escenario". Matiza Comesaña que a "preocupación" a respecto do virus nunca foi abandonada por parte das autoridades sanitarias, se ben "todo parece indicar" que as liñaxes da variante ómicron que circulan na actualidade, "afortunadamente", seguen caracterizándose pola súa "levidade", aínda que tamén son máis contaxiosas.
Neste escenario, Comesaña reitera que os consellos xerais son os habituais, a comezar polas "precaucións" por parte das persoas que "teñan síntomas ou crean que están contaxiadas", medidas que consisten esencialmente no uso da máscara e nunha recomendación xeral de "sentido común". "Por suposto, estamos pendentes e preocupados coma sempre", reitera, antes de responder o Sergas non detecta polo momento motivos para pensar en que a situación sexa máis grave