O TSXG vén declarando improcedentes ducias de despedimentos de persoal que seguiu contratado por "obra ou servizo" moito despois de rematada a pandemia e agora ademais declara nulos varios ceses producidos tras denunciar os afectados a súa situación
O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) vén ratificando nos últimos meses como improcedentes ducias de despedimentos de persoal que a Xunta contratou como reforzo pola pandemia da COVID pero que seguiu traballando cos mesmos cometidos ata o pasado ano, moito despois da fin da emerxencia sanitaria. A decisión do Goberno galego de manter eses contratos por "obra ou servizo" moito despois de rematada a pandemia converteunos en fraudulentos, e polo tanto os seus despedimentos en improcedentes, máis caros para a Xunta.
Pero nalgúns casos a actuación da Xunta foi máis grave porque as persoas afectadas denunciaran previamente a situación dos seus contratos, polo que o seu despedimento está a ser considerado pola xustiza como unha represalia. Neses casos os despedimentos dese persoal contratado fraudulentamente por "obra ou servizo" non están a ser cualificados polos tribunais como improcedentes senón como nulos, coa obriga da Xunta de readmitir os afectados e indemnizalos por danos morais por vulnerar os seus dereitos fundamentais.

Segundo sucesivas sentenzas avanzadas por Praza.gal o pasado decembro, a xustiza vén considerando fraudulentos ducias de contratos por "obra ou servizo" que a Xunta asinou a comezos de 2021 como reforzos pola pandemia pero que mantivo cos mesmos cometidos despois de dar ela mesma por rematada a emerxencia sanitaria en outubro daquel mesmo ano. A comezos do pasado ano, tres anos despois de asinar esas ducias ou mesmo centos de contratos e dous anos e medio despois de rematada a pandemia, o Goberno galego comezou a despedir a ese persoal dando por rematada a obra ou servizo.
A xustiza vén dicindo que tanto tempo despois eses contratos xa non podían considerarse por obra ou servizo, senón que eran fraudulentos e o persoal debía ser considerado indefinido, co que o seu despedimento, improcedente e con tres anos de antigüidade, debe ser indemnizado en mellores condicións.
Pero a esta situación xeral que afecta a ducias ou mesmo centos de persoas hai que engadir varios casos particulares de persoal que durante o transcurso dos seus contratos por obra ou servizo denunciou que estes debían ser considerados indefinidos. A Consellería de Política Social despediunos igualmente, pero agora o TSXG ratifica que ao facelo vulnerou a súa garantía de indemnidade, a protección que ten un traballador fronte a posibles represalias cando reclama dereitos, aínda que estes non lle sexan recoñecidos.

Nun dos casos sobre os que agora vén de pronunciarse o TSXG, a traballadora, contratada por obra ou servizo en xullo de 2021, reclamara en marzo de 2023 que se recoñecera o carácter fixo da súa relación laboral. A Xunta non lle respondeu e presentou demanda ante a xustiza que en sentenza de xullo de 2023 recoñeceu o carácter indefinido do contrato.
A Xunta non foi quen de achegar "unha xustificación obxectiva e razoable da súa decisión de despedimento" de persoas que previamente a denunciaran por contratos fraudulentos
Malia esa sentenza, en marzo de 2024, ao tempo que despedía a ducias de persoas contratadas por obra ou servizo, a Xunta comunicoulle tamén a ela o seu cesamento. Un despido no que o TSXG considera que hai suficientes "indicios" e "de especial intensidade" de "vulneración da garantía de indemnidade, á vista da conexión temporal entre o citado proceso xudicial e o seu despedimento". Isto é, que foi despedida como represalia por reclamar previamente que o seu contrato por obra ou servizo era fraudulento e debía ser considerada indefinida.
Segundo o TSXG, a Xunta non achegou "unha xustificación obxectiva e razoable da súa decisión de despedimento" tras eses antecedentes. Así que a muller non só debe ser reincorporada ao seu posto cobrando o soldo que deixou de percibir desde o seu despedimento senón que a Xunta é condenada a indemnizala con 7.500 euros por danos morais.
Outro dos casos agora ratificado polo TSXG é o dun traballador contratado por obra ou servizo como reforzo pola COVID en abril de 2021. En setembro de 2023 o traballador pediu que a súa relación laboral fose considerada fixa, ao que a Xunta non contestou, e en novembro dese ano o afectado presentou demanda ante a xustiza. En marzo de 2024, "pouco antes de que o xulgado competente ditase sentenza", a Xunta comunicoulle o seu cesamento, como a ducias doutros contratados por obra ou servizo. "Os indicios de vulneración da garantía de indemnidade son de especial intensidade, pois estaba presentada a demanda", di o TSXG, que salienta que tampouco neste caso a Xunta achegou ningunha xustificación "obxectiva e razoable" para o despedimento.