Política Social esgrime a pandemia para despedir máis barato ducias de traballadoras de residencias

Traballos de limpeza e desinfección pola pandemia nunha residencia de maiores da Xunta CC-BY-SA Xunta

A Xunta cesou en abril por fin de "obra ou servizo" persoal contratado en 2021 pola COVID-19 e o TSXG ve fraude e lembra que o propio executivo deu por superada a pandemia hai tres anos, polo que os contratos son xa indefinidos e os despedimentos, improcedentes

Non é o mesmo cesar un traballador contratado por "obra ou servizo" cando rematan eses motivos aos poucos meses de iniciarse a relación laboral que despedir de xeito improcedente un traballador indefinido con tres anos de antigüidade. Así llo vén dicindo o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) á Xunta en varias condenas das últimas semanas que revelan que o pasado abril a Consellería de Política Social deu por rematados "máis de 100 contratos de obra subscritos con motivo de reforzo Covid" en residencias a comezos de 2021.

O Goberno galego presentou os despedimentos tres anos despois como fin da obra ou servizo, pero a xustiza vén lembrando en sucesivos casos que a propia Xunta deu por rematada a pandemia en outubro de 2021, polo que esa xente xa non estaba contratada realmente por ese motivo senón por tarefas estruturais e que os seus contratos se converteran de feito en indefinidos. E polo tanto os seus despedimentos improcedentes deben ser indemnizados co dobre dos cartos previstos pola consellería. 

A conselleira de Política Social, Fabiola García, nunha residencia de maiores durante a pandemia CC-BY-SA Xunta de Galicia

Segundo os feitos probados recollidos nunha das varias sentenzas ao respecto que se foron emitindo nas últimas semanas, a comezos do pasado mes de abril a Consellería de Política Social deu por rematados "máis de 100 contratos de obra subscritos con motivo de reforzo Covid" para residencias de maiores ou dependencia. Foran asinados a comezos de 2021 e a Xunta deunos por rematados tres anos despois, malia que ela mesma declarou a finalización da situación de emerxencia sanitaria en Galicia o 21 de outubro de 2021. 

Sucesivas sentenzas condenan o Goberno galego a reincorporar ou indemnizar co dobre do previsto as persoas afectadas

A análise das sentenzas sobre cada caso que xa se foron facendo públicas permite comprobar un mesmo xeito de proceder por parte da Xunta e unha mesma argumentación por parte da Xustiza. Se o persoal seguiu traballando despois da fin da pandemia decretada pola Xunta, realmente non estaba contratado por "obra ou servizo" ligado á emerxencia sanitaria senón que continou realizando outras funcións "estruturais". 

Polo tanto, os seus contratos convertéranse xa legalmente en indefinidos non fixos e os seus despedimentos tres anos despois deben ser declarados improcedentes. Así que o TSXG condena en cada caso á Xunta a readmitir a persoa afectada ou indemnizala por ese despido improcedente e non por fin de obra ou servizo.

Unha das varias sentenzas que condenan a Xunta por despedir ducias de persoas por fin de "obra ou servizo" cando xa debían ser consideradas indefinidas CC-BY-SA Praza Pública

E a diferenza entre un tipo de despedimento e outro é relevante xa que a contía da indemnización (tendo en conta ademais circunstancias de cada caso, como a xornada laboral) varía notablemente. Nun caso dun limpador ao que a Xunta deu uns 2.000 euros como indemnización por fin da "obra ou servizo" a Xustiza recoñécelle o dereito a percibir 6.500 euros por despido improcedente. 

Mesmo hai un caso dunha ATS que estaba embarazada no momento do seu despedimento, polo que este non é declarado improcedente senón directamente nulo e a muller debe ser readmitida

Noutro caso doutra limpadora a media xornada que a Xunta indemnizou con 850 euros a condena fixa 1.700 euros. Para outro limpador indemnizado inicialmente con 2.100 euros establécese por sentenza un pagamento de 3.800 euros. Mesmo hai un caso dunha ATS que estaba embarazada no momento do seu despedimento, polo que este non é declarado improcedente senón directamente nulo e a muller debe ser readmitida.

O contrato de obra e/ou servizos extinguirase pola realización da obra e/ou servizo, de modo que a continuidade da prestación de servizos máis alá desa data [da fin da emerxencia sanitaria] implica a realización de tarefas estruturais, non temporais, o que implica que o contrato deveu indefinido e xa non pode operar a causa de fin de contrato pactada no mesmo", salienta o TSXG.

Administración das primeiras vacinas contra a COVID nunha residencia da Xunta, en decembro de 2021 CC-BY-SA Xoán Crespo / Xunta

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.