O Sergas disponse a desbotar o groso do persoal contratado pola COVID: "Volve a precariedade"

Persoal sanitario nas urxencias dun hospital do Sergas CC-BY-SA Xunta

"Asinámolo porque nunca tiveramos tal estabilidade e nunca che ofrecen un contrato de seis meses seguido; collémolo aínda sabendo que era un caramelo envelenado", explica Aurora Magán, enfermeira eventual nas Urxencias do Hospital Clínico de Santiago e unha das profesionais cuxa vinculación co Sergas remata en poucas semanas. 

Máis de 730 profesionais sanitarios contratados de emerxencia pola COVID rematan o seu contrato nos próximos días

Ela foi unha das 1.200 profesionais contratadas de emerxencia ao abeiro do Plan de continxencia COVID do Sergas. 150 delas -a maioría enfermeiras- asinaron por un ano e 1.050 por seis meses, segundo aclara a Consellería de Sanidade, cunha posibilidade de renovación que se consumou en maio para 731 destes profesionais, entre eles Aurora, que rematan a súa vinculación o vindeiro sábado 30 de novembro. O resto, finaliza a mediados de decembro. 

Só unhas horas despois, no Parlamento, o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, aseguraba que o "obxectivo é manter o 80%" de "todo o persoal sanitario" contratado durante a pandemia, "unha vez finalizada a pandemia". 

Persoal dun centro hospitalario galego, nunha imaxe do pasado outono CC-BY-SA Xunta

"Non sei aínda o que vai pasar cando remate; o único claro é que non se se me renovará este contrato de emerxencia porque ten data de caducidade", explica Magán, do colectivo Eventuais en Loita, consciente da posibilidade de volver á "precariedade e inestabilidade" que leva sufrindo anos no Sergas, con moreas de contratos de días, semanas e meses e en distintos destinos. De momento, segue adscrita a un circuíto COVID que sabe que "desaparecerá" e xa foi advertida de que "sobrará xente". E está asignada a unha quenda que, agás que lle sexa ofrecido outro contrato nestes días, non pode cumprir a partir do sábado. 

Profesionais contratadas pola COVID rematan o día 30 o contrato e non saben se seguirán ou non: "Volvemos á precariedade e inestabilidade"

Desde o Sergas, ante as peticións de sindicatos e profesionais para que se manteñan como mínimo as contratacións de emerxencia realizadas pola pandemia, aseguran que se "está a analizar a continuidade dos contratos activos, co obxectivo de garantir a continuidade da xestión da pandemia nas áreas que sexa necesario". Polo momento, a maioría dos profesionais, como Aurora, non saben se seguirán traballando e se o fan, din estar "convencidas" de que será "en peores condicións" e con moitos meses nos que pasarán "días na casa". 

"Temos a certeza de que nos veñen tempos escuros, de que seguramente volveremos atrás e regresaremos á contratación precaria e de pouco tempo", explica quen expresa unha reflexión compartida: "Moitas pensamos que podía ser que acabásemos pagando o ter traballado tanto pola COVID e nestas condicións". 

O Sergas di que "está a analizar a continuidade dos contratos activos, co obxectivo de garantir a continuidade da xestión da pandemia nas áreas que sexa necesario"

"Naquelas áreas onde sexa necesario que o persoal que dá asistencia na pandemia continúe, continuará sen dúbida", insiste o Sergas, que advirte tamén de que "hai un importante crecemento con máis de 1.000 prazas no orzamento de 2022 polo que o persoal sanitario terá importantes ofertas de traballo vinculadas á estabilidade, ademais de reforzos".

"Son persoas que xa están traballando... Aquí non se vai crear máis emprego, senón consolidar algún. Todo seguirá como antes", insiste Aurora Magán, que coincide co sindicato maioritario na sanidade galega, CIG, que lembra que esas prazas que se anuncian "non son de nova creación", senón que xa estiveron cubertas por eventuais durante máis de tres anos. 

Interior dun centro de saúde da área de Santiago-Barbanza durante un cribado da COVID en febreiro de 2021 CC-BY-SA Sergas

Desde os profesionais e os sindicatos lémbrase que aumentar o persoal é necesario en todos os ámbitos, pero sobre todo nunha Atención Primaria que segue "saturada" e cos traballadores "desbordados"

A campaña da vacinación por quendas e unida á terceira dose da vacina da COVID para maiores de 80 provoca tamén problemas, como exemplifica Pablo, enfermeiro nun centro de saúde, que relata que o pasado luns dúas enfermeiras das catro dedicaron case toda a mañá en exclusiva á vacinación. "Dos outros dous que quedabamos, unha tivo que saír a unha emerxencia e só un permaneceu para o resto de traballo", engade. "É un caso pero así hai máis; cada área sanitaria é un mundo, pero a falta de reforzos e persoal é evidente en moitos lugares", relata. 

"Descontrol" nas citas para as vacinas

Ademais, desde CIG-Saúde denúnciase o "descontrol" do sistema de citación para a campaña de vacinación da gripe e a terceira dose da covid, que "ten provocado queixas de diferentes centros de saúde ao verse obrigados a anular citas xa confirmadas".

Segundo o sindicato, e tras habilitarse o pasado luns 18 a citación para a vacina da gripe, os centros de saúde comezaron a dar citas para administrala. No entanto, o mércores día 20, e con citas xa confirmadas, "os centros recibiron unha instrución na que se indicaba que as persoas maiores de 79 anos ían ser citadas por SMS desde a propia xerencia".

"Isto obrigou ao persoal non sanitario a contactar coas persoas que tiñan cita confirmada para comunicarlles que recibirían unha SMS coa nova data. Deste xeito, a desorganización e falta de previsión, en tempo e forma, da administración sanitaria redobrou o traballo e sobrecargou, aínda máis, as áreas administrativas", di a CIG. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.