A COVID incrementa as esperas de pacientes de alto risco oncolóxico: "temos medo de que sigan recortando a sanidade que nos salva"

Equipo para a realización da proba de Dermatoloxía Dixital © Grupo Gamma

A pesar de ser "paciente prioritaria" de "alto risco oncolóxico", acumula nove meses de espera por un TAC, proba fundamental para o control e detección de posibles cancros

En xaneiro do ano 2018 Rocío Fraga foi operada dun melanoma. Dende entón mantén un seguimento e un estrito control por parte dos servizos de dermatoloxía oncolóxica e de oncoloxía xeral, ao tratarse dunha "paciente prioritaria" de "alto risco oncolóxico". Ata o mes de novembro do ano 2020 as revisións foras trimestrais. Nese momento pasaron a ser semestrais, adiándose polo tanto ata o mes de abril de 2021. Porén, malia ter solicitado en novembro de 2020 a realización dun TAC para abril de 2021, tampouco ese prazo se cumpriu e a finais de agosto seguía sen data programada para a realización desta proba, fundamental para o control e detección de posibles cancros.

A situación que sofre non é un caso illado, unha excepción, senón que está a afectar cada vez con máis frecuencia a pacientes oncolóxicas, en parte polos recortes sucesivos que veu sufrindo o sistema sanitario e en parte pola situación agravada como consecuencia da pandemia de COVID.

Hospital Teresa Herrera da Coruña CC-BY-SA Nemigo

Rocío Fraga, ex-concelleira da Marea Atlántica no Concello da Coruña, denunciou a súa situación a través de varias reclamacións presentadas ante o Sergas e relata o proceso sufrido nos últimos meses neste artigo de opinión. E, ademais, vén de elevar unha queixa ante a Valedora do Pobo. Nesas reclamacións alerta do "risco" para a súa saúde que supoñen estes atrasos. "É evidente que os TAC son as probas máis importantes para o control oncolóxico, e un atraso de meses pode supoñer un risco importante para a miña saúde", escribe.

"É evidente que os TAC son as probas máis importantes para o control oncolóxico, e un raraso de meses pode supoñer un risco importante para a miña saúde", destaca

Na súa reclamación ante a Valedora do Pobo, Rocío Fraga, denuncia tamén a imposibilidade de realizar na área sanitaria da Coruña a Dermatoloxía Dixital, unha proba "non invasiva e tremendamente precisa e útil", un procedemento que se foi implantando no sistema público galego nos hospitais de Lugo, Ferrol, Pontevedra e Santiago de Compostela, pero aínda non nos de Vigo e A Coruña. A Dermatoloxía Dixital, explica "marcou un antes e un despois no seguimento dos lunares, mellorando o diagnóstico precoz de melanoma e reducindo a práctica de biopsias e exéreses de lesións de forma innecesaria".

Nun comezo, Fraga era derivada ao Hospital de Lugo (HULA) para a realización desta proba, e alí tivo que desprazarse en dúas ocasións. Porén, nun momento dado foille negada esta posibilidade, indicando que o procedemento ía ser implantado no hospital da Coruña, algo que ata agora non sucedeu.

Na súa reclamación ante a Valedora do Pobo, Rocío Fraga, denuncia tamén a imposibilidade de realizar na área sanitaria da Coruña a Dermatoloxía Dixital, unha proba "non invasiva e tremendamente precisa e útil"

Así, ante a imposibilidade de acceder a esta proba na Coruña, en abril deste ano 2021 a súa dermatóloga oncolóxica revisoulle manualmente as pencas da pel, palpando tamén os seus ganglios, concluíndo que “aparentemente” todo estaba ben, pero indicándolle que non pode asegurar máis ata contar cos resultados das probas complementarias pendentes, un TAC e a analítica que encarga no Hospital Teresa Herrera da Coruña e que a finais de agosto seguen sen poder realizarse. 

Fraga lembra que a Lei 12/2013, de 9 de decembro, de garantías de prestacións sanitarias recolle no seu Capítulo II os tempos máximos de acceso e sistema de garantías, artigo 5, a fixación dos tempos máximos de acceso 45 días nas probas diagnósticas e/ou terapéuticas. Un prazo que neste caso foi máis que superado.

Interior dun centro sanitario galego © Xunta

Fraga responsabiliza da situación ao "desleixo que os xestores políticos están a ter sobre a sanidade pública e como afecta ao meu seguimento e, por extensión, ao de innumerables galegos e galegas en situacións similares e de maior ou menor gravidade"

Rocío Fraga explica no devandito artigo de opinión que "durante todo o proceso sentinme sempre moi segura e en boas mans de grandes profesionais, e son precisamente as conversas coas profesionais e a miña experiencia as que me levan a tentar trasladar, en primeira persoa, o que estou a sufrir". Fraga responsabiliza da situación ao "desleixo que os xestores políticos están a ter sobre a sanidade pública e como afecta ao meu seguimento e, por extensión, ao de innumerables galegos e galegas en situacións similares e de maior ou menor gravidade".

Conclúe que "o que estou sentindo é medo, un medo que seguramente coñezan todas as persoas que, durante os seus seguimento oncolóxico, agardan resultados de probas que lles van dicir se pasan á seguinte fase ou sofren recaídas ou metástases".

"Temos medo de que sigan recortando a sanidade que nos salva, que sigan impedindo ás e aos profesionais facer o seu traballo"

E remata: "Temos medo de que nos nosos TAC, feitos con meses de atraso, atopen a causa do agravamento da nosa enfermidade, que pode custarnos a vida. Temos medo de que sigan recortando a sanidade que nos salva, que sigan impedindo ás e aos profesionais facer o seu traballo, que só sexamos números e euros, de que sigan antepoñendo os obxectivos económicos aos obxectivos sanitarios, a que se entenda a sanidade pública como un custe e non como unha inversión en vida".

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.