5 anos da COVID e o confinamento: así foron os meses que eliximos esquecer

Máscara de protección deitada nunha rúa do centro da Coruña CC-BY-NC-SA Praza.gal
Publicidade
Publicidade

Lembras onde estabas o 4 de marzo de 2020? Ese día notificouse a aparición en Galicia do primeiro caso confirmado. Que facías o venres 13 de marzo cando Pedro Sánchez anunciou que a partir do luns se decretaría o estado de alarma e a restrición de movementos?

Lembras onde estabas o 4 de marzo de 2020? Ese día notificouse a aparición en Galicia do primeiro caso confirmado de COVID-19, un home de 49 anos procedente de Madrid e que fora ingresado no CHUAC da Coruña. Que facías o venres 13 de marzo cando Pedro Sánchez anunciou que a partir do luns seguinte se decretaría o estado de alarma e a restrición de movementos para frear a expansión do virus? Hai cinco anos o mundo parou e deu unha volta ás vidas de todos. A COVID-19 cambiouno todo e, entre outros efectos (estes, os irreparables), matou 5.553 persoas en Galicia entre 2020 e 2023, das que catro mil tiñan 80 anos ou máis.

5 anos despois botamos a vista atrás a aqueles primeiros días nos que se iniciou un longo confinamento que buscaba aplanar a curva, seguido por unha progresiva desescalada, coa obrigada distancia social e os debates sobre se era máis importante a protección ou o mantemento da actividade económica. 

Nos meses seguintes houbo varias vagas, cinco cando menos, que seguiron á primeira de marzo-abril. Fomos sabendo máis sobre un virus do que, ao comezo, mesmo ignorabamos como se transmitía. Impuxéronse as máscaras, medrou a solidariedade e tamén a fatiga pandémica. Fixemos pan, esgotamos o papel hixiénico, teletraballamos e repetimos improbables mantras como o de "sairemos mellores".

Unha enfermeira, con máscara e luvas, nun centro hospitalario CC-BY-NC-ND Ariadna Creus e Àngel García (Banc d’Imatges Infermeres)

Hai cinco anos o mundo parou e deu unha volta ás vidas de todos. A COVID-19 cambiouno todo e, entre outros efectos (estes, os irreparables), matou 5.553 persoas en Galicia entre 2020 e 2023

Chegou despois a nova normalidade e a necesidade de aprender a vivir coa pandemia. Pero coa apertura das portas disparáronse tamén os contaxios e as mortes. Enchéronse as UCI e os gromos en residencias de maiores provocaron demasiadas defuncións. E, por fin, chegaron as vacinas que nos salvaron e que nos permitiron volver á normalidade (a de verdade), malia as importantes secuelas que a enfermidade deixou.

Cinco anos despois parece que non queremos pensar moito naqueles tempos. Non si? Fica lonxe e dá preguiza. Xa tivemos moito daquilo que monopolizou as nosas vidas durante 2020 e 2021. A neurocientífica Sonia Villapol (Bretoña. A Pastoriza, 1977), xefa de laboratorio do Centro Médico de Texas, integrante do grupo internacional de investigación COV-IRT e autora de Consciencia. A ciencia que nos rescatou da pandemia (Xerais) concorda con que este tema "xa non interesa" e que pasou de ser "o único que importaba" a ser algo que mesmo "molesta".

Publicidade
Publicidade

Cinco anos despois parece que non queremos pensar moito naqueles tempos. Así o pensa Sonia Villapol: "a sociedade non quere escoitar máis dunha experiencia negativa do pasado; é un escudo de protección: só falar do que pasou incomoda e menosprezase para relativizar o dano que causou"

"Eu quero seguir recordando e tomando notas das leccións aprendidas para aplicalas no futuro en moitos eidos, tanto da vida persoal coma profesional. Pero si que creo que a sociedade en xeral non quere escoitar máis dunha experiencia negativa do pasado; é un escudo de protección: só falar do que pasou incomoda e menosprézase para relativizar o dano que causou", di Villapol, que xa reflexionou sobre a pegada da pandemia o pasado ano neste artigo.

A investigadora lucense láiase de que "daquela os sanitarios eran os heroes e agora son os apestados" e sinala que "coa ciencia pasa un pouco o mesmo: cando existe o problema hai interese, e cando non ata incomoda ler sobre o tema".

Máis alo de se á xente lle interesa volver ler sobre a pandemia ou os seus efectos, realmente saímos mellores desa situación? Villapol considera que "a sociedade recibiu leccións importantes durante un período de tempo moi curto, o que dificultou que estas aprendizaxes se consolidaran e fixo que moitas delas caeran no esquecemento como se nunca existise unha pandemia que puxo en alerta a saúde pública". Refírese, por exemplo, ao recomendable hábito de levar máscara de protección cando alguén sofre unha enfermidade que se contaxia polo aire -como a gripe ou a propia COVID- algo que poucas persoas fan na actualidade.

Restricións de movemento © Audasa

"A sociedade recibiu leccións importantes durante un período de tempo moi curto, o que dificultou que estas aprendizaxes se consolidaran e fixo que moitas delas caeran no esquecemento"

Non houbo, destaca, unha reflexión suficiente sobre os erros cometidos en materia de comunicación ou na adopción de medidas de prevención. "Só dos erros se aprende pero hai que tomar nota para non tropezar dúas veces na misma pedra", di. 

Tamén é pesimista no que atinxe á situación dos sistemas sanitarios e á necesidade de fortalecelos: "a pandemia puxo a proba os sistemas sanitarios, pero non parece que quedase un sentimento xeneralizado de urxencia por fortalecelos. Non se melloraron significativamente os protocolos de atención e prevención, nin houbo un maior enfoque nos servizos de apoio á saúde mental, a pesar da crecente necesidade".

En 2022 un grupo de 400 científicos de diferentes países -entre os que se atopaba Villapol- publicou un artigo en Nature  que quería servir coma unha guía práctica do aprendido e do que se debería de facer para evitar os erros cometidos. 

Publicidade
Publicidade

"A pandemia puxo a proba os sistemas sanitarios, pero non parece que quedase un sentimento xeneralizado de urxencia por fortalecelos"

Estamos mellor preparados ante a posibilidade de vivir unha situación semellante? Neste aspecto, Sonia Villapol cre que "non estamos preparados se a nivel político non se reforzan as medidas de prevención de pandemias" e alerta de que "aquí nos EE.UU a nova administración non está a dar prioridade ao servizo de intelixencia de vixilancia epidémica do CDC, o que supón un risco significativo para a detección e contención de novas ameazas sanitarias". "Actualmente, a gripe aviar (H5N1) xa está afectando mamíferos, o que aumenta a posibilidade de que o virus evolucione e chegue a transmitirse entre humanos con potencial pandémico", advirte.

A investigadora advirte de "a falta dun sistema global de vixilancia eficiente dificulta a anticipación e a resposta temperá antes de que un brote se expanda. Sen estes sistemas de alerta, e tendo en conta a fatiga pandémica tras a COVID-19 e o aumento da desconfianza na ciencia, a capacidade de resposta ante unha nova pandemia podería verse seriamente comprometida".

Desinfección polo coronavirus nun centro de saúde de Galicia CC-BY-SA Xunta

"Non estamos preparados se a nivel político non se reforzan as medidas de prevención de pandemias. A falta dun sistema global de vixilancia eficiente dificulta a anticipación e a resposta temperá antes de que un brote se expanda"

Con todo, Villapol celebra que no ámbito da investigación, pola contra, "produciuse unha auténtica revolución", pois "os sistemas de administración de fármacos mediante nanopartículas estánse aplicando con maior frecuencia en enfermidades neurolóxicas e cancro, e a intelixencia artificial emerxeu como unha ferramenta clave para transformar diagnósticos e tratamentos clínicos". "O traballo intenso en investigación durante un curto período impulsou moitos avances en diversos campos. Con todo, tamén tivo efectos negativos, xa que se recortaron liñas de investigación básica esenciais para o progreso científico a longo prazo", comenta.

Un dos aspectos nos que Villapol ten traballado máis nos últimos cinco anos é na investigación dos efectos persistentes da enfermidade, o chamado Long COVID ou Covid persistente, que afecta a millóns de persoas que foron contaxiadas e que agora sofren anomalías físicas de todo tipo. Sabemos algo máis sobre ela? Dende os sistemas sanitarios estase a afrontar o problema de forma axeitada?

Publicidade
Publicidade

No ámbito da investigación, pola contra, "produciuse unha auténtica revolución", pois "os sistemas de administración de fármacos mediante nanopartículas estánse aplicando con maior frecuencia en enfermidades neurolóxicas e cancro, e a intelixencia artificial emerxeu como unha ferramenta clave"

Villapol destaca que a investigación sobre COVID persistente "avanza" pero alerta de que "moitos expertos consideran que non se está facendo o suficiente dado o gran impacto da enfermidade". Ademais, advirte de que "os sistemas sanitarios non están preparados porque non existe moito coñecemento dos bos marcadores para o diagnóstico e menos investigacións hai nos tratamentos". "Hai moito por facer e o impacto xa é, e vai ser enorme a nivel global", engade.

"A pesar dos progresos na comprensión dos mecanismos subxacentes, como a disfunción inmunitaria, a persistencia viral, a disbiose do microbioma e a neuroinflamación, aínda quedan moitas incógnitas por resolver", sinala. No seu grupo de investigación acaba de publicar en Journal Translational Medicine un estudo onde demostra que o perfil microbiano intestinal relacionase cos síntomas neurolóxicos que persisten máis alá da infección, así mesmo coa severidade da COVID. 

Distribución de máscaras sanitarias nun autobús urbano de Vigo © Goberno de España

Villapol destaca que a investigación sobre COVID persistente "avanza" pero alerta de que "moitos expertos consideran que non se está facendo o suficiente dado o gran impacto da enfermidade".

Así foron os días de confinamento

Cando en xaneiro de 2020 comezamos a ler sobre "un virus" que estaba a provocar moitos contaxios nunha cidade chinesa chamada Wuhan, non podiamos saber o que nos viña enriba e como ía cambiar as nosas vidas nos dous anos seguintes. "Cando xa non sexa posible conter o coronavirus, haberá que organizar o noso sistema sanitario, como facemos coa gripe", dicía nesta entrevista con Praza.gal Juan Gestal, profesor emérito de Medicina Preventiva na USC, anticipando algunhas claves importantes para os vindeiros meses.

O 4 de marzo tivemos o primeiro positivo confirmado en Galicia, o día 9 eran xa 18 e o 12 de marzo o tamén profesor da USC Francisco Caamaño Isorna dicíanos: "Debemos ser responsables e manter distancia social. Gañar tempo contra o Covid-19 permitirá que o sistema non faga crac". Era xa tarde, como destacaba Sonia Villapol neste artigo O virus estaba tan estendido que foi imprescindible a declaración do Estado de Alarma e un confinamento total nos fogares para tentar frear a súa expansión.

Publicidade
Publicidade
Estudantes nunha aula da Universidade de Vigo con máscaras de protección © UVigo

As semanas que seguiron ao 13 de marzo foron, probablemente, algunhas das máis estrañas das nosas vidas

As semanas seguintes foron, probablemente, algunhas das máis estrañas das nosas vidas. Aplaudimos o persoal sanitario dende as fiestras, naceron redes de solidariedade coma os Grupos de Apoio Mutuo da Coruña, houbo iniciativas para mellorar o día a día das crianzas nas casas e de toda a poboación e mesmo adiamos as eleccións ao Parlamento galego, previstas para o 5 de abril.

Mentres, pasaban cousas terribles nas residencias de maiores, sobre todo en Madrid, pero tamén en Galicia. E o confinamento convertíase nun inferno, por exemplo, para as mulleres maltratadas ou para as prostitutas. Algunhas persoas puideron teletraballar, pero moitas outras non tiveron esa opción, dende o persoal da hostalaría e boa parte do sector da cultura. Os ERTE aliviaron durante meses a situación de centos de milleiros de persoas.  E o persoal sanitario loitaba contra o virus (e sufría o seus efectos) en primeira liña. Aumentaron os chamamentos a coidar a saúde mental e tamén a mellorar a vida das crianzas confinadas.

Atención na UCI a pacientes coa COVID, nunha imaxe divulgada pola área sanitaria de Ourense CC-BY-SA Sergas
Publicidade
Publicidade

Así foi a nova normalidade

O 27 de abril volvemos saír ás rúas, primeiro en horarios pautados e en grupos reducidos, iniciando a Fase 1 do desconfinamento

O 27 de abril volvemos saír ás rúas, primeiro en horarios pautados e en grupos reducidos, iniciando a Fase 1 do desconfinamento. O 25 de maio pasamos á Fase 2 e mesmo houbo un tímido regreso ás aulas, coa Selectividade no horizonte. E o 5 de xuño comezamos a Fase 3, por primeira vez con movementos permitidos entre provincia. Entrabamos na nova normalidade, un período no que se buscou facer un equilibrio entre saúde e economía e no que mesmo celebramos eleccións ao Parlamento galego o 12 de xullo, coa Mariña confinada.

Pasáramos o máis duro? Pode ser, pero para moitas persoas o peor estaba aínda por vir. "O coronavirus vainos acompañar moito tempo e depende de nós que non se estenda. Debemos manter as precaucións", dicíannos o 2 de xullo Francisco Caamaño Isorna e Agustín Montes.

Proba PCR a unha persoa no seu coche CC-BY-SA Xunta

Nieves Cabo, de 82 anos e residente no centro Porta do Camiño en Santiago, foi a primeira persoa vacinada en Galicia, o 27 de decembro de 2020

Os meses seguintes caracterizáronse pola sucesión de vagas, ligadas por exemplo aos desprazamentos e festexos do verán ou aos encontros familiares do Nadal e a aparición de gromos en moitos lugares. Tamén polas dúbidas á hora de retomar a actividade, por exemplo nos centros de ensino. Había que velar, sobre todo, pola saúde das persoas de máis de 60 ou 70 anos, as que de forma máis dura sufriron os efectos do virus.

En Praza quixemos recoller os problemas que sufrían moitos colectivos, comezando polo persoal sanitario, o persoal das residencias de maiores ou mesmo os rastrexadores. E tamén facer un seguimento continuo, obxectivo e con datos abertos dos distintos indicadores que nos dicían cal era a situación real da pandemia, un traballo que non sempre foi doado en Galicia.

Publicidade
Publicidade
Nieves Cabo, tras ser vacinada contra a COVID en Santiago CC-BY-SA Xunta

A luz ao final do túnel: a vacina

A vacinación masiva realizouse con rapidez e eficacia, pero a poboación de maior idade non estivo protexida ata marzo ou abril e a vacina non chegou á poboación máis nova ata o verán. Ademais, os festexos do Nadal provocaron a vaga máis mortífera: con 800 defuncións entre xaneiro e febreiro de 2021

As vacinas desenvolvéronse nun tempo récord grazas a un esforzo e un investimento sen precedentes  enos últimos días de decembro estaban listas para comezar a ser aplicadas de xeito masivo. Nieves Cabo, de 82 anos e residente no centro Porta do Camiño en Santiago, foi a primeira persoa vacinada en Galicia, o 27 de decembro de 2020. 

Porén, aínda quedaban meses moi duros por diante. A vacinación masiva realizouse con rapidez e eficacia, pero a poboación de maior idade non estivo protexida ata marzo ou abril e a vacina non chegou á poboación máis nova ata o verán. Antes, os encontros familiares do Nadal tiveron o efecto esperado, do que moitas persoas expertas xa alertaran. A curva de contaxio disparouse, despois fíxoo o número de ingresos hospitalarios, posteriormente as UCI chegaron ao seu límite e finalmente multiplicáronse as mortes: tan só entre xaneiro e febreiro moreron máis de 800 persoas en Galicia pola COVID.

Había que resistir un pouco máis, o final estaba preto. Houbo outras vagas e por exemplo o verán de 2021 provocou unha nova escalada de contaxios. Pero era xa outra pandemia. Iso si, era tamén unha enfermidade que para moitas persoas chegara para quedar. Pero esa é xa outra historia.

Vacinación masiva contra a COVID na Coruña, o sábado 13 de marzo © Sergas
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.