Doce novos positivos elevan a 18 o número de casos de coronavirus confirmados en Galicia

Coronavirus CC-BY NIAID

 Dous dos doentes están na UCI e outros dous atópanse ingresados nunha unidade hospitalaria convencional; os outros nove están en illamento nos seus domicilio. A meirande parte son de idade avanzada

Galicia rexistra xa 18 casos de persoas contaxiadas polo Covid-19, segundo as últimas informacións facilitadas esta tarde pola Xunta e actualizadas contra o serán. Os doce novos casos, que se unen aos seis rexistrados ata este domingo, corresponden a unha mestra ourensá que viaxara recentemente a Venecia e once persoas residentes na Coruña, relacionadas entre si a través dun centro cívico (do barrio de Feáns) que o Concello clausurou este luns de forma preventiva.

En total, A Coruña suma 13 casos, Vigo 4 e Ourense 1. Deles, dous atópanse en estado grave na UCI (un dos novos infectados na Coruña, un home de 81 anos, e o do transportista vigués infectado hai uns días), outros dous permanecen ingresados nunha unidade hospitalaria convencional e os outros nove están nas súas casas, recibindo atención domiciliaria, en estado leve ou sen síntomas.

Xuntanza da Comisión Interdepartamental para o seguimento do coronavirus © Xunta

Na últimas semanas leváronse a cabo 322 probas para detectar a enfermidade, das que máis de 300 tiveron un resultado negativo

Jesús Vázquez Almuíña, conselleiro de Sanidade, destacou esta tarde que Galicia aínda se atopa na fase de contención da enfermidade, e subliñou que se está a realizar "un grande esforzo no diagnóstico precoz". Na últimas semanas leváronse a cabo 322 probas para detectar a enfermidade, das que máis de 300 tiveron un resultado negativo. 

Así mesmo, lembrou que o noso país é un dos territorios do Estado con menos casos por habitante, apenas 0,44 pacientes por cada 100.000 habitantes. No outro extremo, a Comunidade de Madrid, rexistra xa medio milleiro de casos confirmados, con 16 persoas falecidas.

A xefa de servizo de Medicina Preventiva e Saúde Pública da área sanitaria da Coruña, María José Pereira, destacou igualmente que practicamente todos os casos confirmados en Galicia corresponden a persoas de idade avanzada ou que presentaban algunha patoloxía previa, os dous perfís máis sensibles a padecer a enfermidade.

A mestra ourensá, que dá clases no colexio María Auxiliadora (Salesianos) non acudiu en ningún momento ao centro amosando síntomas

De cara aos vindeiros días o Sergas aplicará cos novos infectados os protocolos fixados polo Ministerio de Sanidade para previr a propagación da enfermidade. As autoridades sanitarias están a estudar as persoas que puideron ter algún contacto cos doentes, para monitorizar o seu estado. A todos eles pedíuselles que permanezan na casa na medida do posible e que se tomen a temperatura de forma periódica.

O subdirector xeral de Información sobre Saúde e Epidemioloxía, Xurxo Hervada Vidal, lembrou que mentres unha persoa non presenta síntomas non é transmisora da enfermidade. E destacou que no caso das persoas que tiveron contacto con enfermos se agarda a que amosen síntomas para facerlles as correspondentes probas de detección. Hervada sinala que "a proba só ten sentido cando se utiliza cando debe ser utilizada, cando hai síntomas", pois "unha proba negativa nun paciente sen síntomas non serve para descartar a infección".

En canto aos casos concretos confirmados nas últimas horas, o Sergas explica que a mestra ourensá, que dá clases no colexio María Auxiliadora (Salesianos) non acudiu en ningún momento ao centro amosando síntomas, pois sendo consciente de que estivera nunha zona de risco (Venecia), optou por illarse na casa unha vez que regresou a Galicia. O colexio xa anunciou que non vai tomar medidas especiais de prevención.

Centro Cívico de Feáns © Concello da Coruña

En relación cos casos detectados na Coruña, os responsables do Sergas explicaron que as investigacións levadas a cabo nas últimas horas permitiron confirmar que todos os novos positivos estaban relacionados cun único foco: o Centro Cívico de Feáns, por onde pasaron nos últimos días todos os infectados, descartando así a posibilidade -moito máis preocupante- de que puidese existir un segundo foco.

O Sergas conta xa cun plan de continxencia para tratar a enfermidade no caso de que esta se estendense de forma xeneralizada por Galicia

Finalmente, o conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuíña, lembrou que o Sergas conta xa cun plan de continxencia para tratar a enfermidade no caso de que esta se estendense de forma xeneralizada por Galicia. O plan, semellante ao que todos os invernos se prepapara para facer fronte á gripe estacional, inclúe o reforzo dos recursos hospitalarios para atender a persoas enfermas e para ingresar a quen presente estados máis graves. Almuíña destacou que, de ter que aplicarse este plan de continxencia, este chegaría xa fóra da campaña da gripe, polo que os recursos dos que dispón os Sergas están dispoñibles na súa totalidade. 

A Comisión Interdepartamental da Xunta que fai seguimento do coronavirus vólvese reunir este martes ás catro da tarde. Por primeira vez, encabezada polo presidente da Xunta

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.