Malestar sindical pola reunión da Xunta coa patronal pero non con representantes dos traballadores tras pedir Feijóo que non haxa máis recomendacións que as do Ministerio de Sanidade
Catro persoas en Vigo e dúas na Coruña son, ata o mediodía deste domingo, os casos confirmados de coronavirus en Galicia, segundo informou o conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña, nunha comparecencia ante os medios de comunicación. Nas últimas horas engadíronse ao listado en Vigo unha muller familiar da parella e o seu fillo xa diagnosticados e na Coruña un home de 81 anos con patoloxías previas que permanece ingresado na UCI. Ademais, outros oito casos están pendentes de ser confirmados polo Centro Nacional de Microbioloxía.
Segundo a Xunta, a muller de Vigo agora diagnosticada, como a outra muller e o menor que xa o foran, está sen síntomas e permanecerá no seu domicilio. Pola súa banda, o home da Coruña non viaxara a ningún lugar de risco nin ten relación cos outros afectados. Canto aos oito casos pendentes de confirmación, sete están na Coruña, dos que cinco teñen relación cun dos positivos e os outros dous non. Unha oitava persoa está en Ourense en non ten síntomas.
“O que máis se aproxima á certeza son as recomendacións do Ministerio de Sanidade e eu pido que non haxa comentarios ou recomendacións en paralelo”, pediu Feijóo o xoves criticando ao Ministerio de Traballo
Este sábado o conselleiro de Sanidade e o de Economía, Francisco Conde, reuníronse con representantes empresariais para trasladarlles “as recomendacións da Xunta” sobre o coronavirus. O encontro provocou malestar entre os sindicatos e o propio secretario xeral de CCOO en Galicia, Ramón Sarmiento, fíxoo público criticando con ironía que os representantes das traballadoras e traballadores xa se informarían “polo telexornal, non vaia ser que os contaxiemos”.
Unha reunión a da Xunta coa patronal que se produciu apenas dous días despois de que o xoves o propio presidente Feijóo afease ao Ministerio de Traballo, coa galega Yolanda Díaz á fronte, que emitise as súas propias recomendacións sobre o coronavirus e pedise que fose o Ministerio de Sanidade o que concentrase as actuacións. “O que máis se aproxima á certeza son as recomendacións do Ministerio de Sanidade e eu pido que non haxa comentarios ou recomendacións en paralelo”, dicía Feijóo.
Os bispos galegos piden "retirar a auga bendita", evitar o contacto físico no rito da paz e substituír os bicos a imaxes ou cruces por inclinacións de cabeza
Por outra banda, os bispos galegos (Santiago, Tui-Vigo, Lugo, Ourense, Mondoñedo-Ferrol) emitiron un comunicado no que, “atendendo ás recomendacións da Consellería de Sanidade” e da Conferencia Episcopal, ofrecen indicacións para “extremar as medidas de hixiene adecuadas nos actos litúrxicos, especialmente aqueles que conleven accións de besamáns a imaxes relixiosas ou outras manifestacións externas de piedade popular”.
Os bispos piden “retirar a auga bendita” da entrada aos templos, evitar dar a man e outras formas de contacto físico no rito da paz, que os encargados de distribuír a comuñón laven as mans antes e despois dese momento e que as mostras de devoción cara ás imaxes se substitúan “por outras como a inclinación de cabeza” evitando “todo tipo de contacto físico con cruces, medallas, escapularios, etc. que xa fosen bicadas por outros fieis”. Os bispos agradecen “a xenerosa dedicación do persoal sanitario e administrativo, auxiliares e voluntarios durante este período”.