A Consellería de Sanidade enviou unha circular aos centros educativos galegos na que recomenda evitar as viaxes e intercambios con zonas afectadas polo coronavirus, agás que sexa estritamente necesario. O texto, remitido pola Dirección Xeral de Saúde Pública e ao que tivo acceso Praza.gal, indica que este departamento ten coñecemento de que se realizaron desprazamentos de estudantes de colexios e institutos galegos a Italia, onde varias rexións do norte (Lombardía, Véneto, Emilia-Romaña e Piamonte) están consideradas de risco.
A recomendación é manter unha actividade normal e prestar atención a aparición de síntomas
A nota di que o alumado e o profesorado que retorne de zonas afectadas debe seguir coa súa actividade normal, pero con atención á aparición de síntomas relacionados coa enfermidade que provoca o coronavirus, a COVID-19. Nese caso, indica, as persoas afectadas deberán poñerse en contacto co 061 ou co 112, que son os teléfonos habituais de atención a emerxencias.
A circular pide tamén que os centros que teñan previstas viaxes a zonas de risco ou que recibiran alumnado e profesorado destas rexións sigan as instruccións das autoridades sanitarias, que se poden consultar nas páxinas do Servizo Galego de Saúde (Sergas) e do Ministerio de Sanidade.
Na lista de rexións con transmisión comunitaria do virus figuran na actualidade China, incluídas Hong Kong e Macao, Corea do Sur, Xapón, Singapur, Irán e as devanditas áreas do norte de Italia. As persoas que regresen dalguna destas zonas e presenten nos 14 días seguintes síntomas de infección respiratoria como febre, malestar xeral, cansazo, tos o dificultade para respirar deben os teléfonos facilitados, en lugar de ir directamente a un centro sanitario. Ademais, o Sergas facilita un teléfono para quen desexe consultar información xeral sobre o virus: 902 400 116.
No Estado español o nivel de risco está considerado moderado. Non se aplican corentenas ás persoas procedentes de rexións afectadas e o Ministerio de Sanidade lembra que as recomendacións xerais para enfermidades de transmisión respiratoria son cubrir nariz e boca ao tusir ou esbirrar, utilizar panos de papel desbotables e lavar as mans con frecuencia.