O coronavirus xa está no Estado español. No último día e medio rexistráronse 9 casos, todos eles de persoas que viaxaran recentemente a Italia, e espérase que a cifra de contaxios medre nos vindeiros días. Os síntomas con semellantes aos doutras doenzas frecuentes: febre, tos, dor de gorxa e, nalgúns casos, dificultade para respirar. O período de incubación sitúase nos 14 días.
No último día e medio rexistráronse 9 novos casos no Estado español, todos eles de persoas que viaxaran recentemente a Italia
O Ministerio de Sanidade incrementou xa as medidas de prevención, pasando a considerar "posibles casos" a calquera persoa que presente "unha infección respiratoria aguda" que viaxara nos últimos 14 días a algunha das zonas cunha maior incidencia da enfermidade (China, Xapón, Corea do Sur, Singapur, Irán e norte de Italia) ou que mantivera "un contacto estreito" con algún caso probable ou confirmado. Ademais, o Ministerio recomenda non viaxar aos países nos que o coronavirus está máis estendido "se non é estritamente necesario".
Antes que a enfermidade chegara xa o medo ao virus, un pánico que se contaxiou rapidamente a través das informacións alarmistas difundidas polos medios de comunicación e que moitos expertos ven desproporcionadas. É certo que o número de persoas infectadas pola enfermidade supera xa as 80.000 en todo o planeta, con máis de 2.700 mortes. Porén, aínda que se trata dunha doenza bastante contaxiosa (á altura dunha gripe común), o certo é que a súa letalidade tampouco é moi distinta á dunha gripe.
Fóra de China a porcentaxe de mortes en relación ao número total de infectados é do 0,7%, polo que en principio só sería mortal para as persoas de idade avanzada
A taxa de mortalidade sitúase no 3% na provincia chinesa de Wuhan, onde se orixinou a doenza, pero fóra de China a porcentaxe de mortes en relación ao número total de infectados é do 0,7%, polo que en principio só sería mortal para as persoas de idade avanzada ou moi debilitados por outras patoloxías. Como referencia, a actual campaña da gripe en Galicia, que comezou hai dous meses, motivou 1.345 ingresos hospitatalarios e provocou 50 mortes, 20 delas por gripe, en case todos os casos de persoas moi maiores.
A outra noticia positiva é que esta semana o número diario de novos contaxios deixou de aumentar, manténdose á alza a cantidade de recuperacións. Como explica esta reportaxe de eldiario.es, un terzo dos casos detectados xa se recuperaron ou foron dados de alta no último mes; un 50% seguen co virus activo en estado leve, un 11% en estado grave e un 3,4% faleceron.
A pesar dos chamamentos á calma realizados por voces expertas, polas autoridades sanitarias e por algunhas intervencións xornalísticas (entre elas a moi celebrada de Lorenzo Milá en TVE), o certo é que en moitos lugares de Galicia esgotáronse as máscaras de protección á venda nas farmacias, a pesar de que esta medida de protección non é particularmente útil.
Recoméndase lavar as mans con frecuencia con auga e xabón cando menos durante 20 segundos e tapar a boca e o nariz ao tusir ou esbirrar co cóbado ou cun pano desbotable
O SERGAS puxo xa en marcha unha web específica con información sobre a enfermidade e recomendacións para a prevención, ao igual que o Ministerio de Sanidade. En xeral, recoméndase lavar as mans con frecuencia con auga e xabón cando menos durante 20 segundos e despois do contacto con secrecións respiratorias; así mesmo, tapar a boca e o nariz ao tusir ou esbirrar cun pano desbotable ou co interior do cóbado. As recomendacións son especialmente exhaustivas para as persoas que viaxaron recentemente a algunha das zonas máis afectadas ou que pensan facelo. Falamos con Juan Gestal, profesor emérito de Medicina Preventiva e Saúde Pública na Universidade de Santiago.
"O 80% ou 81% dos casos que produce son casos leves. Isto, que é algo bo, tamén contribúe á súa maior expansión"
Situemos o coronavirus na súa xusta dimensión: en función da súa capacidade de contaxio e da gravidade dos seus efectos e da súa letalidade, en que medida debemos estar preocupados?
Trátase dunha enfermidade nova, provocada por un virus novo do que si coñecemos algúns familiares. Temos por un lado uns familiares, que son os do catarro común, que producen xeralmente uns cadros benignos nos adultos, aínda que poden ter cadros de máis gravidade nos nenos pequenos e nas persoas anciás. Temos tamén outros familiares que non son tan benignos, como son o SARS -da que houbo unha pandemia no 2003- e o MERS -que se detectou no 2012-; o SARS ten unha letalidade do 10% e o MERS ten unha letalidade do 37%. Nun primeiro momento, ante o parente próximo, tomáronse moitas medidas de precaución, porque non se sabía como ía ser.
"Cando xa non sexa posible contela, por haber unha gran cantidade de casos leves, pasaremos á fase de mitigación, organizando o noso sistema sanitario, como facemos todos os anos coa gripe estacional"
A alarma esá xustificada? Ou está sendo alimentado excesivamente pola sucesión de noticias e o que vemos nos medios de comunicación?
Si, este medo nace de todas as imaxes que levamos vendo dende xaneiro. Tomáronse unhas medidas moi drásticas que non se tomaran nunca, como o peche de cidades, e iso loxicamente xera alarma, ao igual que ver o persoal sanitario vestido cuns traxes espaciais para evitar o contaxio.
Nas últimas semanas fomos tendo máis información sobre o virus, e este virus ten unhas características que por unha banda son moi boas e pola outra non o son tanto. Entre as boas está que o 80% ou 81% dos casos que produce son casos leves. Isto, que é algo bo, tamén contribúe á súa maior expansión. Explícome: se fose coma o SARS, no que a maioría eran casos graves, a enfermidade sería máis fácil de conter, xa que nos casos leves unha persoa que tuse un pouco ou ten un pouco de febre non pensa que necesariamente poida ter o virus.
"De momento, non nos resignamos, aínda imos loitar un pouco máis, mesmo sabendo que as nosas posibilidades de éxito nese sentido, no da contención, son limitadas"
Os intentos de contelo fracasaron...
Durante semanas tentouse contelo e conseguise frear moito a súa transmisión, pero en China hai xa neste momento unha transmisión sostida na comunidade; e isto tamén comeza a suceder en Xapón, Corea do Sur ou no norte de Italia. Isto foi o que levou a que este martes o Consello Interterritorial de Sanidade modificase a definición de caso sospeitoso, para amplialo a todas as persoas con síntomas que procedan destes países.
Temos que resignarnos a que o coronavirus xa chegou a España e a que agora o que hai que facer é tratalo, como calquera outra enfermidade?
De momento, non nos resignamos, aínda imos loitar un pouco máis, mesmo sabendo que as nosas posibilidades de éxito nese sentido, no da contención, son limitadas por mor desa gran cantidade de casos leves. Pero de momento España está aínda nesta fase de contención, tentando frear a chegada do virus todo o tempo que sexa posible.
Cando xa non sexa posible contela, por haber unha gran cantidade de casos leves, pasaremos á fase de mitigación: centrándonos en atender os casos máis graves, que necesiten asistencia sanitaria, e despois organizar o noso sistema sanitario, como facemos todos os anos cando nos preparamos para a gripe estacional, cun plan de continxencia nos hospitais.
Podemos esperar aínda sorpresas neste virus, que é novo e sobre o que non temos tanta información? É posible que haxa mutacións ou que a enfermidade varíe as súas características?
Os virus cambian. Estes son virus ARN, que cando se replican cometen 'erros', erros que os benefician porque os protexen das defensas. De momento, o que sabemos é que os primeiros xenomas que se secuenciaron eran todos moi semellantes entre si, practicamente iguais. E tamén se atopou que o virus que probablemente deu orixe a este, que procedía dun morcego e que posiblemente pasou a un pangolín, era igualmente moi semellante ao que está atacando aos humanos. Todo isto indícanos que a transmisión foi moi recente e, sobre todo, que de momento non se produciron mutacións importantes.
"[a máscara de protección ] é unha medida totalmente innecesaria, non ten fundamentación científica e só serve para xerar alarma"
En moitos lugares de Galicia estamos vendo que a xente esgotou as reservas que a farmacias tiñan de máscaras de protección. É unha medida necesaria ou útil?
É unha medida totalmente innecesaria, non ten fundamentación científica e só serve para xerar alarma. A máscara debe usala unicamente aquela persoa que comeza a ter síntomas e estivo exposta á enfermidade ou estivo en zonas nas que hai casos confirmados. Esa é a única persoa que debe poñela, non o resto da poboación. Esta enfermidade transmítese como a gripe, mesmo de forma menos eficiente que a gripe. O persoal sanitario si debe extremar as medidas de protección, que son as que adopta habitualmente.
"Agora que parece que todos queremos unha vacina para o coronavirus, é un bo momento para lembrar que todos os anos temos a vacina da gripe e que moita xente non a administra"
Podemos esperar que a fin do inverno limite a capacidade da enfermidade para propagarse e mitigue os seus efectos?
Efectivamente. Por iso é tan importante o traballo de contención que se está facendo agora. Canto máis aguantemos se que o virus se propague en España, máis avanzaremos cara ao bo tempo, que axudará a que remita a incidencia da enfermidade e os seus efectos. Así tamén gañamos tempo para prepararnos para o vindeiro outono, por se a enfermidade volve reproducirse.
E podemos confiar en atopar unha vacina nos vindeiros meses?
Hai catro liñas de investigación importantes nas que se está traballando para o desenvolvemento dunha vacina, pero para iso aínda se necesita un ano ou ano e medio de investigación. Agora que parece que todos queremos unha vacina para o coronavirus, é un bo momento para lembrar que todos os anos temos a vacina da gripe, que protexe moitísimo contra a enfermidade, e que moita xente non a administra, a pesar de estar en grupos de risco.