Dende o inicio da actual tempada e ata o xoves 23 houbo xa case medio milleiro de ingresos hospitalarios por gripe, exactamente 456
A gripe xa está aquí. A incidencia da enfermidade leva catro semanas nun claro ascenso e está acadando niveis elevados, cunha difusión xeral en todo o territorio, segundo os informes que cada semana elabora e publica o Sergas. A pasada semana a intensidade da actividade gripal mantiña a súa cualificación de "baixa", pero prevese que na semana que vén de rematar (do 20 ao 27) acade xa o nivel "medio", próximo aos picos máximos rexistrados nas tempadas 2016-17 e 2017-18.
Dende o inicio da actual tempada 2019-20 e ata o xoves 23, houbo xa case medio milleiro de ingresos hospitalarios por gripe, exactamente 456 (236 xa dados de alta); entre eles, 64 con virus da gripe B, 1 con virus da gripe C, 1 con virus B e máis A e 390 con virus da gripe A.
Entre as dez persoas falecidas despois de ingresar por unha gripe, 9 tiñan indicada a vacina e 7 non estaban vacinadas
33 dos casos requiriron asistencia en UCI e rexistráronse un total de 10 falecementos, 4 deles por gripe. Destes 10 casos, 9 tiñan indicada a vacina e 7 non estaban vacinados. Entre os 456 ingresos hospitalarios, 351 tiñan indicada a vacina, por idade ou por presentaren factores de risco para unha gripe complicada. Deles, case dous de cada tres, un total de 206, non estaban vacinados.
Nesta tempada, a vacinación antigripal na poboación de 65 ou máis anos aproximouse ao 60% e superou en máis de dous puntos porcentuais os datos dun ano atrás. A Consellería de Sanidade insiste cada ano na importancia de que as persoas incluídas nalgún dos grupos preferentes renoven a vacinación cada ano, "xa que a vacina antigripal non só limita o número de casos de gripe, senón que diminúe as posibilidades de que aparezan formas severas da enfermidade e reduce o risco de complicacións, hospitalización e morte".
No último ano dispoñible, o 2016, morreran en Galicia por mor da gripe un total de 43 persoas
No último ano dispoñible, o 2016, morreran en Galicia por mor da gripe un total de 43 persoas, unha quincena máis que no ano anterior e 36 máis que en 2014, mínimo histórico da serie, e moi por riba do que viña sendo habitual dende mediados da década anterior, cando o número de falecementos non adoitaban pasar da vintena.
Así e todo, estes números están moi por baixo dos anos 90 do século pasado e aínda máis dos de principios dos anos 80, previos á lei que universalizou de vez a asistencia sanitaria pública -en 1986- e ao nacemento do Sergas -en 1991-, cando chegaron a falecer de gripe máis de 150 persoas en Galicia nun só ano.