As mortes ligadas á gripe en Galicia acadan os máximos niveis do século tras décadas de descenso

Campaña a prol da vacinación contra a gripe © Sergas

Entre as múltiples repercursións da pandemia da gripe A no ano 2009 estivo a mudanza no seguimento do virus por parte das autoridades sanitarias, tamén en Galicia. O seguimento máis exhaustivo por parte do Servizo galego de Saúde permite que dende hai case unha década contar cun traballo estatístico sanitario máis preciso a respecto dos falecementos no país ligados ao virus, que se engadiu aos estudos máis xerais fornecidos dende o INE a partir dos certificados de defunción. A combinación de ambas fontes permite concluír que as mortes relacionadas coa gripe aumentaron nos últimos anos tras décadas de descensos.

No que atinxe á fonte estatística estatal, os datos son claros. No último ano dispoñible, o 2016, morreran en Galicia por mor da gripe un total de 43 persoas, unha quincena máis que no ano anterior e 36 máis que en 2014, mínimo histórico da serie, e moi por riba do que viña sendo habitual dende mediados da década anterior, cando o número de falecementos non adoitaban pasar da vintena. Así e todo, estes números están moi por baixo dos anos 90 do século pasado e aínda máis dos de principios dos anos 80, previos á lei que universalizou de vez a asistencia sanitaria pública -en 1986- e ao nacemento do Sergas -en 1991-, cando chegaron a falecer de gripe máis de 150 persoas en Galicia nun só ano.

O cómputo ofrecido polo Servizo Galego de Saúde non é anual, senón por tempadas que se estenden dende outubro ata maio. No tempo transcorrido da tempada en 2017-2018 o Sergas rexistrou o falecemento de 38 persoas por mor da gripe. Todas elas, aseguran as autoridades sanitarias galegas, "tiñan indicada a vacina" contra o virus "ben por idade ou ben por ter factores de risco para ter unha gripe complicada". Vinte das persoas falecidas puxeran a vacina e as dezaoito restantes non o fixeran.

A tempada 2016-17 rexistrou o maior número de falecementos pola gripe dende a posta en marcha do actual sistema de control, a comezos da década

Na segunda semana de xaneiro de 2018 o Sergas cuantificaba ata 261 pacientes "ingresados con gripe confirmada", o que elevaba a cifra total de ingresos por mor desta doenza ata os 988. Nove de cada dez persoas ingresadas pertencían ao grupo de poboación á que se recomenda vacinarse; a metade seguiran a recomendación e a outra, non. Sempre segundo Sanidade, o número de ingresos e as chamadas ao 061 indica que a tendencia do virus é "decrecente", se ben o persoal médico representado polas centrais sindicais CESM e OMEGA advertían esta semana de que o verdadeiro "pico" aínda está por chegar e, daquela, cabe agardar novos "colapsos" na urxencias hospitalarias.

Esta alerta chega despois de que a pasada tempada de gripe, a 2016-2017, rematase en Galicia co maior número de falecementos dende que está implantado o actual sistema de control, un total de 136, o que supuxo un 30% máis que na tempada previa, na que xa se rexistrada unha suba de case ao 80% con relación á tempada 2014-2015.

Dende o Sergas, así e todo, ínstase a manexar os datos con cautela e comparar as cifras totais de persoas falecidas cos datos de mortalidade -falecementos por cada 100.000 habitantes- e mais de letalidade -porcentaxe de falecementos sobre o total de persoas afectadas polo virus. A mortalidade, admite Sanidade, rexistra "un progresivo aumento" dende o inicio do actual sistema de seguimento, mentres que a letalidade mantense estable e mesmo mingua un chisco. "O aumento da taxa de mortalidade -afirman- está asociado máis ao aumento no número de ingresos que á gravidade intrínseca da gripe". Esa gravidade, agregan, "aproxímase" máis correctamente coa letalidade. 

Estas cifras e cautelas son o pano de fondo das protestas que, nas últimas semanas, vén reiterando o persoal médico, así como as centrais sindicais que o representan e mais organizacións de pacientes por mor dos devanditos "colapsos". SOS Sanidade Pública, a CIG Saúde, a Asociación Galega de Medicina Familiar e Comunitaria e mesmo os xefes de servizo de urxencias dos hospitais galegos veñen reclamando medidas para evitar circunstancias como a acumulación de doentes nos corredores á espera dunha cama hospitalaria.

O conselleiro de Sanidade admite desdobramentos de cuartos para facer fronte á gripe e censura as acusacións de "colapso": "a atención sanitaria debe discutirse dentro do sistema sanitario", di

A Xunta, pola súa banda, admitiu que nalgúns centros hospitalarios se está a ver obrigada a "desdobrar" camas -tornar en dobres ou mesmo triples cuartos individuais, por exemplo. Así o admitía este luns o conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña, quen non obstante volveu negar o colapso e censurou as críticas ao respecto, porque "a atención sanitaria" debe "discutirse dentro do propio sistema sanitario" e está "fóra de lugar facelo fóra".

Tamén dende o PPdeG Goberno se introducen matices críticos ante as protestas. A culpa da saturación, advertiu a pasada semana o partido que sustenta ao Goberno, é fundamentalmente da lentitude das altas e do mal uso das urxencias por parte dos doentes, aos que recomenda acudir á Atención Primaria.

Pacientes a agardar nun corredor do Hospital Clínico de Santiago Dominio Público Asociación Pacientes CHUS

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.