0 Gardados para despois

O PP culpa da saturación hospitalaria á lentitude das altas e ao mal uso das urxencias polos doentes

Marcos Pérez PenaMarcos Pérez Pena | @marcosperezpena


O portavoz de Sanidade do Grupo Popular, Aurelio Núñez Centeno, reduciu este mércores a un problema de xestión e de educación sanitaria as situacións de saturación que se veñen producindo nos servizos urxencias da atención primaria e hospitalaria de Galicia. Cuestionado pola deputada de En Marea Eva Solla sobre as actuacións que o Goberno galego ía levar a cabo par corrixir estas eivas, Núñez Centeno asegurou que “o problema fundamental da saturación dos servizos de urxencias nos hospitais é a drenaxe dos enfermos cara as plantas hospitalarias”.

Núñez Centeno responsabilizou tamén da situación de conxestión nos hospitais ao mal uso que algúns enfermos fan dos servizos de urxencias

“Todos os manuais e todos os especialistas que traballan nas urxencias hospitalarias están de acordo en que hai que axilizar as altas hospitalarias, tanto adiantando as mesmas á primeira hora da mañá como limitando o tempo de ingreso hospitalario á duración precisa”, sinalou, criticando que “inmediatamente aparezan os traballadores dun hospital público galego dicindo que se están a precipitar altas para liberar camas”, en referencia á denuncia realizada hai días polo sindicato Prosagal no Complexo Hospitalario de Pontevedra. "Calquera medida que se intenta tomar, rexéitase de inmediato, aínda que sexan propostas feitas por profesionais ou aparezan en manuais", lamentou Núñez Centeno.

Núñez Centeno responsabilizou tamén da situación de conxestión nas urxencias hospitalarias ao mal uso que algúns enfermos fan destes servizos de urxencias. "Todos temos que colaborar para mellorar a educación sanitaria da poboación", dixo e fixo referencia a unha enquista recente que sinala que o 86% dos profesionais opina que a xente fan un mal uso ou un uso excesivo das urxencias. "Non é o problema principal, pero é relevante", engadiu.

Na súa réplica, Eva Solla criticou que o deputado popular obviase na súa explicación a carencia de persoal

Na súa réplica, Eva Solla criticou que o deputado popular obviase na súa explicación a carencia de persoal. "Que nos gustaría máis aos profesionais que facer educación para a saúde e prevención", dixo Solla, que igualmente subliñou que "ese problema de drenaxe está relacionado coa ausencia de persoal suficiente nas áreas de hospitalización". "Que as altas se dean a primeira hora non depende só dunha cuestión administrativa, senón da cantidade de profesionais existentes", engadiu, lembrando que "o sistema traballa en global, non se compartimenta" e que "os servizos de especializada sofren tamén falta de persoal", o que dificulta que os pacientes pasen a planta.

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.