Na ponte festiva de hai dez días, ducias de persoas mobilizáronse no Vicedo para reclamar unha sanidade pública "de calidade" e volver denunciar o "abandono" do centro de saúde neste municipio mariñao. A plataforma Médicos no Vicedo, apoiada pola plataforma sanitaria da Mariña, advertiu unha vez máis da falta de facultativos e de reforzos no verán, o que provoca saturación e atención precaria, agudizadas en época estival.
Na mesma fin de semana, en Folgoso do Courel, a máis de 200 quilómetros, foi o grupo político Courel Vivo quen denunciou a falta de asistencia médica, que se limitou ao sábado ata as 13:30 horas, en plena ponte festiva, cun considerable aumento de poboación e condenando veciñanza e visitantes a desprazarse ao hospital máis próximo —Monforte, a unha hora de camiño— no caso de precisaren atención.
O Vicedo, Catoira, Cervo, Viveiro, Foz, Marín, A Cañiza, Fornelos... As protestas pola falta de persoal, "colapso" e longas listas de espera espállanse por toda Galicia no verán
Na mesma fin de semana e aínda máis ao sur, na parroquia canguesa do Hío, a 250 quilómetros do Vicedo, veciñanza mobilizouse para reclamar máis recursos en sanidade pública, a redución das longas listas de espera ou un centro de saúde propio. E fixérono, como doutras veces, cruzando repetidamente un paso de peóns ata provocar retencións de vehículos e chamando a atención sobre a saturación na zona, que inflúe tamén na asistencia sanitaria.

Son só tres exemplos das continuas mobilizacións contra a falta de médicos, o "colapso", as longas listas de espera ou a falta de recursos que se espallan por toda Galicia, especialmente durante o verán. Tamén neste, onde a listaxe de localidades con protestas contra o Sergas ou actos reivindicativos segue a aumentar.
Hainas convocadas para os vindeiros días e hóuboas xa nas últimas semanas, como en Cervo, onde a plataforma en Defensa da Sanidade Pública da Mariña denunciou a "catástrofe sanitaria" que supoñía a falta de médico de familia e que foi denunciada nunha mobilización que reuniu 300 persoas. A poucos quilómetros, en Foz, foi o sindicato CIG quen denunciou a escaseza de persoal no centro de saúde, provocando que o persoal "realice tarefas dobres, mesmo poñendo en risco a súa saúde física e mental". Antes, en Viveiro foron varias as concentracións advertindo que "a atención sanitaria non está garantida".
En Catoira, por exemplo, hai concentracións semanais —algunhas en forma de procesións— para reclamar máis persoal médico, substitucións durante as baixas e as vacacións e a recuperación da ambulancia medicalizada na localidade. As entidades convocantes denuncian que tan só hai un facultativo a media xornada e que non hai pediatra.
En Catoira hai procesións para reclamar máis persoal médico e a recuperación da ambulancia medicalizada con base no Hospital do Salnés e agora en Sanxenxo
Precisamente, dúas emerxencias no Salnés a pasada semana volveron provocar indignación e protestas entre veciñanza polo traslado a Sanxenxo da ambulancia medicalizada que o resto do ano presta servizo no hospital. En Vilagarcía, un home sufriu un esvaecemento e un médico e un enfermeiro do PAC chegaron antes en taxi ao lugar que a ambulancia, que tardou cincuenta minutos. Nun suceso semellante en Ponte Arnelas, a tardanza foi de media hora.
"Estas son as consecuencias da política sanitaria do PP: poñer en risco a saúde e a vida da veciñanza do Salnés", advertiu en redes sociais Montse Prado, portavoz de Sanidade do BNG.
En Marín, pola súa banda, manteñen as protestas tras lograr a incorporación dunha nova doutora en Seixo para cubrir unhas vacacións pero con listas de espera que, segundo os colectivos mobilizados, chegan a un mes nalgún médico de familia. E en Moaña, van xa perto de 200 semanas de protestas para reclamar a devolución do servizo de Urxencias e o aumento de persoal.
A ausencia de pediatras nos centros de saúde é outra das constantes nas protestas
Non moi lonxe, en Redondela, a Plataforma pola Defensa da Sanidade Pública retoma tamén as protestas de cara ao vindeiro mes e, como na maioría dos casos, para reclamar máis recursos e persoal nos centros de saúde e denunciar unha medida de espera para citas en medicina de familia que chega aos 16 días en Chapela. Mentres, en Cerdedo, a plataforma sanitaria leva tempo advertindo que a escaseza de profesionais provocou que houbese varios días en xullo sen facultativo ningún no ambulatorio, mentres que en Aguiño (Ribeira) reclaman a cobertura das dúas prazas existentes ao haber só un profesional activo desde hai semanas.
É unha constante. Na capital da Terra Chá, en Vilalba, producíronse xa mobilizacións que denuncian que nun concello con case 14.000 habitantes tan só atenden no centro de saúde sete dos once médicos previstos, logo de varias xubilacións e unha baixa. Na Guarda alertan da espera de ata tres semanas para conseguir cita e en Lalín as protestas chegan pola falta de atención á saúde mental desde hai tres meses. Na Cañiza, aínda o pasado luns houbo unha nova concentración ante o ambulatorio, denunciando que segue sen haber pediatra e que só un dos tres facultativos no cadro de persoal está traballando.
En Fornelos de Montes ou Pazos de Borbén, por exemplo, veciñanza e oposición parlamentaria (BNG e PSdeG) alertan de que os seus centros de saúde "permanecen sen médico", mentres que familias da Pontenova concentráronse a pasada semana ante a sede da Xunta en Lugo para denunciar "o abandono" da educación e mais da sanidade no seu municipio, nunha iniciativa impulsada polo seu alcalde, o socialista Darío Campos. Denuncian, tamén, falta de persoal médico e listas de espera que chegan aos 15 días.
"Colapsos, sobrecarga e urxencias saturadas"
As denuncias e protestas son apoiadas pola plataforma SOS Sanidade Pública e corroboradas por sindicatos como o de enfermaría SATSE, que sinalou Galicia como unha das comunidades autónomas con "colapsos nos centros de saúde, profesionais sobrecargados e urxencias saturadas". Porque esa é outra das consecuencias: a falta de médicos nos centros de saúde provoca a saturación dos servizos de urxencia dos hospitais e dos PAC.
SATSE asegura que é "a falta de planificación axeitada de substitucións e a non cobertura de ausencias" a que provoca "un lote de problemas" nos centros sanitarios de moitos territorios, tamén Galicia. Atribuíno tamén aos "recortes estivais" —nos que inclúen o peche de servizos e a suspensión de consultas, probas e intervencións cirúrxicas— e ao peche de camas.
En Galicia, CCOO denunciou que máis de 2.300 persoas quedarían sen ingresar nos hospitais galegos este verán polo peche de camas, que o BNG cifrou en arredor de 750.

Ante as críticas, e ao ser preguntado especificamente polo "colapso" denunciado polo sindicato SATSE, o conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, negouno, aínda que recoñeceu que pode haber "momentos de maior tensión" porque, insistiu varias veces, "non hai xente para contratar".
O conselleiro de Sanidade nega o "colapso" pero si recoñece "momentos de maior tensión" que atribúe a que "non hai xente para contratar"
En declaracións o pasado martes, Gómez Caamaño advertiu que ante eses momentos de "maior tensión", o Segas ten "un plan de verán que cobre todas esas necesidades". Referiuse así ao o Plan de cobertura da atención primaria no verán de 2025, que a Xunta presentou como un "reforzo dos servizos asistenciais" nos centros de saúde e dotado con algo máis de 12 millóns de euros. Pero que en realidade, vén admitir, é un plan de continxencia para, ante a ausencia de novas contratacións —e a carencia estrutural de novo persoal médico— tentar compensar coberturas de vacacións e mais "o importante incremento de poboación nos concellos costeiros". Supón, basicamente, que 149 médicos voluntarios e 95 en formación cubran eses ocos e eivas na época estival.
Respecto ao peche de camas, Gómez Caamaño nega que sexa un problema e explicou, como exemplo, que non hai moito o Complexo Hospitalario de Pontevedra tivo que aumentar a dotación de camas "e puxéronse sen problema ningún". "Fálase de contratar máis xente, onde está esa xente? Non hai xente para contratar nas listas", denunciou o conselleiro, tras recalcar tamén que o persoal "ten dereito a vacacións".
O BNG culpa da "desfeita" na sanidade pública á "desastrosa xestión do PP"; o PSdeG censura que a Xunta negue o colapso "mentres a xente sae á rúa a reclamar unha atención decente"
Mentres, desde o BNG atribúense os problemas que afectan a sanidade "de norte a sur e de este a leste do país" durante o verán á "desastrosa xestión do PP". Así, Montse Prado, voceira de Sanidade do Bloque, cualificou de "desfeita" a situación dos recursos sanitarios nesta altura.

“É unha política sanitaria baseada na mentira permanente, en negar a realidade e en non poñer ningunha solución só pode ter un resultado, que as galegas e os galegos non teñen garantida a asistencia sanitaria, nin a ordinaria nin a urxente”, advertiu Prado, quen emprazou o conselleiro Sanidade a rectificar o seu “non plan” de verán e a poñerse a traballar porque “o seu tempo de interino na Xunta xa pasou” e ten que exercer como máximo responsable do Sergas, “non só como comentarista”. Ademais, criticou que a Xunta "intente normalizar" esperas de dez ou quince días “como mínimo” para obter unha cita co médico de Atención Primaria.
Desde o PSdeG, pola súa banda, censuran que a Xunta negue o colapso nos centros de saúde "mentres a cidadanía sae á rúa para reclamar unha atención decente". A portavoz de Sanidade, Elena Espinosa, lamentou que a única resposta do PP ao problema sexa “censurar” as denuncias dos profesionais sanitarios e pregúntase se o plan de verán que defende o conselleiro “consiste en desmantelar o que xa non funcionaba”.